Enrique Granados Campiña, nado o 27 de xullo de 1867 en Lleida e finado no Canal da Mancha o 24 de marzo de 1916, foi un compositor e pianista catalán.
Traxectoria Primeiros anos Era fillo dun capitán do exército, de orixe cubana. Viviu dos 3 ós 7 anos en Santa Cruz de Tenerife, onde o pai fora destinado coma gobernador militar.
Estudou piano con Joan Baptista Pujol e composición con Felipe Pedrell en Barcelona. En 1883, con 16 anos, presentouse como pianista virtuoso tocando a Sonata nº2 de Schumann. Idade adulta En 1887 viaxou a Francia, onde coñeceu a Debussy, Ravel e Saint-Saëns en París. O seu primeiro éxito como compositor foi a ópera "Maria del Carmen" (1898).
En setembro de 1909 viaxou a Galicia, actuando o día 5 no salón principal da Exposición Rexional de Santiago de Compostela, interpretando pezas de Liszt, Beethoven e Chopin. Ao día seguinte, actuou na Coruña acompañado polo violinista Juan Manén.
A súa maior obra é a suite para piano "Goyescas" (1911), que ten unha forte influencia de Liszt e que fai referencia a algúns cadros de Goya. A súa estrea foi un grande éxito. Debido a isto a ópera de París encargou a adaptación da suite a ópera. O encargo formalizouse no 1914, mais debido á guerra, a estrea en París cancelouse. Posteriormente planificouse a estrea para a tempada 1914-1915 no Gran Teatro do Liceu de Barcelona, mais esta estrea tampouco se chegou a concretar. Finalmente o amigo e músico Ernest Schelling promoveu a estrea no Metropolitan de Nova York, poñendo en contacto a Granados co daquela director Giulio Gatti-Cassaza.
Viaxe a Nova York No novembro de 1915, Enrique Granados e a súa muller, Amparo Gal, partiron no barco Montevideo dende Barcelona a Nova York. O motivo principal da viaxe era a estrea da suite Goyescas no Metropolitan Opera House desta cidade, en versión ópera. Adicionalmente o compositor acudiu a diversas recepcións e realizou diversos concertos para piano e violoncello. Algún deles realizado en compañía do seu amigo Pau Casals. Cabe sinalar o recital que realizou na Casa Branca o 7 de marzo diante do presidente Woodrow Wilson. Tamén realizou diversas gravacións dalgunhas das súas obras e compuxo a Danza de los ojos verdes. Pensando en realizar a estrea desta obra na mesma cidade e contando coa popular bailarina Antonia Mercé, A arxentina. Finalmente a estrea realizouse o 10 de febreiro no teatro Maxine Elliot.
O 26 de xaneiro realizouse o ensaio xeral de Goyescas e finalmente o 28 de xaneiro de 1916 estreouse a suite no Metropolitan. A recepción por parte do público americano foi pobre, e a obra foi bastante minusvalorada por parte da crítica. Algúns biógrafos coma Antoni Pizà, sinalan que sendo a música impoñente e grandiosa, o libreto, porén, era moi pobre. Ademais hai que ter en conta que no 1916, aínda estaba recente o recordo da guerra de Cuba de 1898 entre os Estados Unidos e España. A pesar disto a prensa catalá e española publicitou a noticia da estrea coma dun grande éxito.
Morte O matrimonio Granados embarcou o 11 de marzo de 1916 no Amsterdam. Tras unha escala en Londres, partiron cara a Barcelona no barco Sussex que foi torpedeado pola armada alemá ás 14:50 do 24 de marzo; no contexto da primeira guerra mundial, mentres atravesaban a canle da Mancha. Ámbolos dous morreron afogados nas augas da canle.
Labor pedagóxica Á marxe da súa carreira concertística e compositora, Granados entregouse ó mundo da pedagoxía. En 1901 fundou a academia Granados, que de seguido acadou sona internacional. Desta escola saíron concertistas coma Anna March, Ferran Via, Frank Marshall, Juli Pous ou Baltasar Samper. Trala súa morte, a academia pasou a mans do seu fillo Eduardo e de Frank Marshall. Posteriormente, este último asumiu a plena responsabilidade, cambiando o seu nome a Academia Granados-Marshall. Dita academia segue a súa labor a día de hoxe.
Obra Para piano Capricho español, 1890 Danzas españolas, 1890 Valses poéticos, 1895 Allegro de concierto, 1903
Para voz e piano Suite Goyescas, 1911 Colección de tonadillas escritas en estilo antiguo, 1910 Canciones amatorias, 1914-1915
Música para teatro La miel de la Alcarria, 1895, obra de Josep Feliu i Codina Blancaflor, 1899, obra de Adrià Gual Petrarca, nunca chegou a estrearse, obra de Apel·les Mestres Picarol, 1901, obra de Apel·les Mestres Poemas de Gaziel e Liliana, 1906-1907, obra de Apel·les Mestres
Música para orquestra Intermezzo para a Suite Goyescas Poema sinfónico Dante La nit del mort Llegenda de la fada Concerto para cello e orquestra
Música de cámara Sonata para violín e piano Sonata para violoncello e piano Trío para violín, cello e piano Cuarteto para cordas Quinteto para piano e cordas
Óperas María del Carmen, sobre un libreto de Josep Feliu i Codina Follet, sobre un libreto de Apel·les Mestres. De acordo ó musicólogo John W. Milton é a primeira ópera escrita en catalán
Arranxos e instrumentacións Arranxos das 26 sonatas inéditas de Domenico Scarlatti Concerto en fa menor de Chopin
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Web da Asociación Musical Granados-Marshall Biografía de Enrique Granados
Categoría:Pianistas de Cataluña Categoría:Compositores de Cataluña Categoría:Nados en Lleida Categoría:Nados en 1867 Categoría:Finados en 1916