Patricia Highsmith, nada co nome de Mary Patricia Plangman en Fort Worth (Texas) o 19 de xaneiro de 1921 e finada en Locarno (Suíza) o 4 de febreiro de 1995, foi unha escritora estadounidense, coñecida especialmente polas súas novelas de suspense.

Traxectoria O seu pai e maila súa nai divorciáronse catro meses antes do seu nacemento. Marchou coa súa nai a Greenwich Village (Nova York), onde foi educada pola súa avoa materna, Willi Mae. En 1924 a súa nai casou con Stanley Highsmith, do que Patricia tomou o apelido. Non coñeceu ao seu pai biolóxico até os 12 anos. De nova tivo unha relación intensa e complicada coa súa nai, quen lle confesou que intentara abortar bebendo augarrás.

En 1942 graduouse no Barnard College en literatura inglesa, latín e grego. En 1943 empezou a traballar para a editorial Fawcett facendo sinopses de cómics, e nesa época descobre a súa homosexualidade, tema que tratou en 1952 na novela The Price of Salt, publicada orixinalmente co pseudónimo de Claire Morgan e reeditada en 1989 co título de Carol, aparecendo xa con Patricia Highsmith como autora.

Con 22 anos comezou a escribir a súa primeira novela, The click of the shutting, nunca publicada. En 1945, logo de pasar cinco meses en México, publicou dous relatos na revista Harper´s Bazaar. En 1950 publica a súa primeira novela, Strangers on a Train, coa que acadou gran sona pola adaptación cinematográfica feita un ano despois por Alfred Hitchcock.

En 1963 trasladouse a Europa, pois o pesimismo das súas historias e a crueldade materialista das súas análises éticas non tiñan boa acollida nos Estados Unidos de América, onde ademais as súas ideas políticas de trazo comunista contrariaban o american way of life. Residiu en Anglia Oriental (Reino Unido) e en Francia, e os seus últimos anos pasounos en Tegna, en Suíza.

Obra A súa vocación literaria comezou de ben nova, sendo unha gran lectora preocupada por cuestións relacionadas coa culpa, a mentira e o crime, que máis adiante se converteron en temas centrais da súa obra. Os seus personaxes, moi ben caracterizados, adoitan estar cerca da psicopatía, movéndose na liña entre o ben e o mal. A visión da realidade nas súas novelas e contos é depresiva, pesimista e sombría, así como o seu concepto sobre o ser humano. A temática homosexual aparece en dúas das súas obras.

Serie "Ripley" (1955-1991) O personaxe amoral de Tom Ripley foi creado logo dunha estancia en Europa. Trátase dun estafador que suplanta ás súas vítimas, e un ladrón e asasino ocasional. Non se somete á moral establecida e crea os seus propios valores. Non é castigado nin atrapado pola policía, e inicia un grande ascenso social. É o protagonista de cinco novelas: O talento do señor Ripley (1955) Ripley Under Ground (1970) Ripley's Game (1974) The Boy Who Followed Ripley (1980) Ripley Under Water (1991)

Nas diversas adaptacións cinematográficas e radiofónicas, o personaxe de Ripley foi interpretado por Alain Delon, Dennis Hopper, Matt Damon, John Malkovich, Barry Pepper, Jonathan Kent e Ian Hart.

Outras novelas Strangers on a Train (1950) The Price of Salt (1952, baixo o pseudónimo de Claire Morgan; publicada en 1989 co título de Carol e traducida ao galego con ese nome). The Blunderer (1954) Deep Water (1957) A Game for the Living (1958) This Sweet Sickness (1960) The Two Faces of January (1961) The Cry of the Owl (1962) The Glass Cell (1964) A Suspension of Mercy (1965) Those Who Walk Away (1967) The Tremor of Forgery (1969) A Dog's Ransom (1972) Edith's Diary (1977) People Who Knock on the Door (1983) Found in the Street (1987) Small g: a Summer Idyll (1995)

Libros de relatos Eleven, tamén coñecido como The Snail-Watcher and Other Stories (1970) Little Tales of Misogyny (1974) The Animal Lover's Book of Beastly Murder (1975) Slowly, Slowly in the Wind (1979) The Black House (1981) Mermaids on the Golf Course (1985) Tales of Natural and Unnatural Catastrophes (1987)

Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores LGTB dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1921 Categoría:Nados en Fort Worth, Texas Categoría:Finados en 1995 Categoría:Finados por leucemia