Baqueira Beret (en occitano aranés: Vaquèira-Beret) é unha estación de esquí situada no Val de Arán (Lleida), no Pireneo Catalán, España. A partir da creación da estación, orixinouse ao redor un núcleo urbano de nova formación, Vaquèira, con todo tipo de servizos (hoteis, apartamentos, farmacias...)
A estación está dividida en tres zonas: Vaquèira, Beret e La Bonaigua. As tres suman 110 km de pistas, sendo a estación con máis quilómetros esquiables de Cataluña e a terceira dos Pireneos (sendo Aramón, en Aragón, a primeira e Grand Valira, en Andorra, a segunda). Ten un dominio esquiable de 1 922 hectáreas, o máis grande dos Pireneos.
A estación foi fundada en 1964 por Jorge Jordana de Pozas e Luis Arias.
Descrición Está situada nas zonas máis elevadas das comarcas do Val de Arán (concello de Naut Aran) e do Pallars Sobirà (Vales de Àneu).
A orientación atlántica e de vertente norte da estación fai que dispoña durante toda a tempada de abundantes precipitacións e de baixas temperaturas que aseguran grandes espesores de neve.
Servizos Ademais dos servizos habituais (escola de esquí, alugueiro de material, restaurantes e cafeterías, atención médica etc.), dispón dunha importante oferta de aloxamento en hoteis e apartamentos, así como pista de xeo, piscina climatizada, tendas de deporte e comerzo en xeral, discoteca etc. A oferta gastronómica desta zona turística é unha mestura da tradición da cociña francesa coas especialidades locais.
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:Estacións de esquí de Cataluña Categoría:Val de Arán