A singularidade histórica de España, a influencia dos distintos países europeos, pero con especial relevancia o escuro e longo período franquista, marcarán un antes e un despois nos movementos obreiros e organizacións empresariais.

O movemento obreiro ata a guerra civil española Sobre o ano 1868, na época da revolución burguesa e na época da República Federal dos anos 1873-74, naceu o movemento obreiro español, o primeiro movemento revolucionario da clase obreira española. A Primeira Internacional (1864) organizouse en España a través da AIDS (Alianza Internacional da Democracia Socialista). Así pois, o movemento obreiro español contou cunha preponderancia dos sectores anarquistas, fronte á preponderancia socialista da maior parte de Europa.

A principal característica deste movemento sería a defensa da "ausencia de restrición" e da liberdade total dos grupos locais. As súas formulacións resúmense na fórmula "anarquía política, ateísmo relixioso, socialismo-colectivismo en economía". En definitiva defínense coma partidarios da "acción revolucionaria directa" e como abertamente "anti-electorais". Ademais, moitos anarquistas empezaron a defender o terrorismo individual coma "excitante revolucionario".

En 1870 a Federación Rexional Española da Internacional de traballadores contaba con 30.000 sindicalistas. Influencia nela, no leste e no Sur, a Alianza da Democracia Socialista, grupo que conseguiu co tempo o dominio da Federación, impóndose no congreso de Barcelona dese mesmo ano o programa anarquista: absterse da actividade política (non crear partido obreiro - non votar) e a defensa da "acción directa". Mentres, o marxismo defendía a necesidade dunha democracia obreira organizada e centralizada, e para chegar a ela defendía a necesidade dun partido político obreiro.

A ruptura entre Karl Marx e Mikhail Bakunin produciuse en 1872, quedando a Federación Española aliñada co segundo, sen se crear polo tanto partido obreiro ningún, o que se suplía coas consignas antielectorais ou co apoio puntual ós republicanos federais. Entrementres, o minoritario grupo marxista tratou de encher ese baleiro coa creación do partido obreiro PSOE en 1879 e do sindicato de clase obreira UXT en 1888.

Co novo século XX, desenvolveuse o movemento obreiro coincidindo coa industrialización de Asturias, País Vasco, e Cataluña. Tamén producíronse neste momento diverxencias no anarquismo español. Existían correntes "puristas" antisindicais, correntes partidarias do terrorismo individual e por último existían correntes anarcosindicalistas, baseadas na teoría do sindicalismo revolucionario coherentemente formulada por teóricos revolucionarios franceses.

En España sería onde o anarcosindicalismo logre crear unha verdadeira forza de masas. En 1907 fúndase o grupo "Solidaridad Obrera" en Barcelona, de tendencia anarcosindicalista, e que publica un órgano de expresión do mesmo nome, periódico coñecido popularmente como a "Soli". Cá recesión económica de 1908/9, fronte ós despedimentos e a redución salarial, a "Soli" propón a posibilidade da folga xeral. Co chamamento a filas de recrutas para a guerra colonial en Marrocos, esta folga estala. O resultado: a "Semana Tráxica de Barcelona.

Os anarcosindicalistas, có control da "Soli", convocan un Congreso Nacional de Traballadores en Barcelona en 1910. Acordan crear a CNT (Confederación Nacional do Traballo), que chegaría a converterse no principal sindicato de masas da clase obreira española ata a guerra civil, superando á UXT. Composta de sindicatos "sen ideoloxía" en principio, teñen pouca disciplina organizativa, intentan evitar o fomento da folga como arma económica que freara a "acción directa". O carácter anarcosindicalista ou sindicalista revolucionario da CNT quedaba claro.

Esta gran central sindical, se no conxunto do estado superou á UXT, en Cataluña converteuse en case a única central (especialmente importante porque Cataluña era a maior rexión obreira española). A CNT tiña un carácter case exclusivamente obreiro, con moi poucos intelectuais de clase media. O seu ton, podería dicirse, era "rudo" e dun antiintelectualismo decididamente proletario. E, porén, as revistas e bibliotecas que as súas agrupacións fomentaban contribuíron decisivamente á culturización da clase obreira nese anos en que a ensinanza pública brillaba pola súa ausencia.

Inda que teoricamente, non se apoiaban as folgas parciais nin económicas; obviamente os Sindicatos membros da CNT víronse inmersos nelas. Se o sindicato CNT, nas súas bases non apoiase estas mobilizacións nunca chegaría a ser un sindicato de masas. Foi o instinto de clase dos militantes da base o que se impuxo ás teorizacións da "dirección". Evidentemente, o carácter asembleario e federalista da organización permitiu que cada federación da confederación, a nivel sectorial ou local, tomara as decisións que lle pareceran pertinentes.

As folgas industriais estendíanse polo norte, as folgas campesiñas por Andalucía a finais da década de 1910. Este foi o ambiente no que foi recibido o triunfo da revolución bolxevique en Rusia. A clase obreira española, como a mundial, quedou moi impresionada cá vitoria da revolución bolxevique soviética. O impacto no PSOE e a UXT é bastante coñecido, levando á creación do primeiro PCE; pero non se insiste tanto no feito de que produciu gran simpatía entre os medios confederais, chegándose a afiliar á III Internacional, por un tempo, a CNT.

O feito de que a república soviética fora neses tempos unha democracia de traballadores, que funcionaba a través das asembleas obreiras ou "soviets", permitiu que os anarcosindicalistas españois, con moita razón, viran nela a encarnación dos seus ideais colectivistas.

O lugar onde a CNT tiña máis influencia, Cataluña, tiña a parte máis activa da clase media e a parte máis poderosa do movemento obreiro. O catalanismo burgués premía forte, e temía á vez a forza dos traballadores.

A finais da década dos 10, os patróns organizáronse en toda España contra o socialismo e o sindicalismo revolucionario. A policía era desbordada polo movemento obreiro. Moitos obreiros viron o terrorismo individual anarquista como unha manobra de provocadores para xustificar a persecución e a represión policial. O terrorismo "branco" dos pistoleiros da patronal empeorou as cousas.

O que na primeira guerra mundial a economía dunha España neutral crecera, fortaleceu a clase obreira e a CNT.

En 1917-18 deuse un incremento da actividade folguística. O goberno prohibiu a "Soli" (Solidaridad Obrera, órgano oficial da confederación), pechou centros obreiros e detivo dirixentes. En 1919 produciuse a folga da empresa eléctrica "La Canadiense", que se estendeu e produciu unha folga xeral na industria e no campo cataláns. Vitoria parcial da CNT, tras unha dura loita. E é que a mobilización foi importante: o 24 de marzo de 1919 a CNT volveu a convocar unha folga xeral para liberar os presos da folga anterior. Houbo 3 semanas de loita social en Barcelona e outras cidades.

O goberno reaccionou con pánico á loita, e o 3 de abril o Parlamento aprobou a xornada de 8 horas. O goberno ordenou formar as comisións mixtas de negociación. Eran triunfos arrancados pola clase traballadora coa súa loita. Pero a detención de sindicalistas levou á dirección da CNT a anarquistas puros, que responderon ó terrorismo "branco" con accións de terrorismo individual. Isto foi criticado por moitos sectores da mesma organización. Antigos policías da "Brigada político-social" encargáronse de dirixir as bandas de pistoleiros da patronal contra os confederais e as organizacións obreiras en xeral.

A finais de 1919, o goberno intentou pactar co sector sindicalista da CNT, pero a Federación de Patróns propuxo o "lock-out" e a loita recruouse. A patronal formou a obreiros desclasados no Sindicato Libre (ultracatólico e reaccionario) contra os Sindicatos Únicos da CNT. A loita pistoleira entre ambos grupos produciu unha nova escalada terrorista. A extensión do terrorismo en 1920, xunto cos "lock-out " e a Folga Xeral convocada para o 24 de xaneiro, produciron unha tensión extrema.

O terrorismo e a loita social estendéronse a toda España. Tamén en 1920, o goberno pasou da liña reformista á liña dura, deixando de negociar e reprimindo á CNT, cá policía e o exército. Aplicábase a criminal "ley de fugas", que permitía o asasinato dos detidos alegando intento de fuxida. Houbo unha espectacular resposta anarcosindicalista, finalizada có asasinato en Madrid do primeiro ministro Eduardo Dato, a principios de 1921, por tres pistoleiros anarquistas.

O exército reaccionou brutalmente contra a CNT. En 1922 descendeu a violencia pola vitoria da represión. A clase obreira resultou queimada pola "acción directa". En conclusión, podemos dicir que o terrorismo individual foi contraproducente ó conseguir a oposición das clases medias e provocar a antipatía da clase obreira. Facilitou o aumento da represión e a chegada de Primo de Rivera en 1923.

Durante o primeiro bienio da II República, o movemento obreiro goza dun período de bonanza relativa, por canto as autoridades eran favorables a este, aínda que non así as circunstancias económicas. Son precisamente estas circunstancias as que fan impacientarse os obreiros que non ven chegar todos os beneficios prometidos polos republicanos e prodúcense desordes revolucionarias, como as ocorridas en Arnedo, Castilbranco e Casas Viejas que co tempo haberían de prexudicar o movemento obreiro, por canto provocan a saída dos partidos progresistas do goberno.

Culmina esta situación cando, tras o triunfo electoral da CEDA en novembro de 1933, comeza o recorte dos avances sociais obtidos no bienio anterior, o que dá lugar ó movemento revolucionario de outubro de 1934 e a súa dura represión polo goberno, especialmente en Asturias e Cataluña.

A situación en Europa, cós réximes nazi e fascista no goberno en Alemaña e Italia respectivamente e aumentando a súa influencia noutros países, motiva a decisión dos sindicatos de esquerda de apoiar a coalición electoral da Fronte Popular e a volta ó goberno da república dos partidos de esquerda.

Dende a guerra civil ó retorno constitucional

Indubidabelmente, o indicio de revolución española de 1936 é un exemplo de como a clase obreira pode cambiar a súa sorte acabando có capitalismo e dirixindo o seu propio destino. Se acabou esta loita derrotada polo fascismo foi pola inoportunidade do momento en que se produciu, distraendo enerxías ó esforzo prioritario de gañar a guerra e ás divisións internas do bando revolucionario, polas indecisións, e as traizóns incluso, de moitos dirixentes.

Trala guerra civil española e durante o período franquista, todos os movementos obreiros e partidos políticos somérxense no exilio e a clandestinidade.

Durante este período a política social do franquismo anulou en primeiro lugar as disposicións da República, sobre todo a reforma agraria, e restituíu así mesmo propiedades e fábricas incautadas na zona republicana durante a guerra ós seus antigos donos. Os organismos do sindicalismo vertical deron unha clara vantaxe en todo momento ós empresarios, e os traballadores soamente terán unha posibilidade de defensa dos seus intereses nos cargos de elección directa (enlaces sindicais, xurados de empresa desde 1954). O Estado regulaba a través do Ministerio de Traballo as condicións ás que se habían de axustar as relacións laborais, nas que podían intervir os patróns adaptando a regulamentación do ramo ás características específicas da empresa.

Houbo, con todo, algúns conflitos obreiros importantes desde a segunda metade dos anos corenta, como a folga xeral do primeiro de maio de 1947 en Biscaia e Guipúscoa, alentada polo Goberno Vasco desde o exilio e secundada tanto por nacionalistas como por esquerdistas, que foron reprimidos duramente.