miniatura|300px|Magosto A palabra magosto, ademais doutros significados relacionados, designa unha celebración festiva e popular, tradicional en toda Galicia, organizada en torno á recollida das castañas. Aprovéitase tamén para probar o primeiro viño novo.
Localización e características miniatura|Castañas aínda crúas, preparadas para asar. O magosto realizábase tradicionalmente o 1º de novembro, Día de Tódolos Santos, se ben na provincia de Ourense, por maduraren máis tarde as castañas, atrasouse ata o día 11, san Martiño. Na actualidade celébrase en calquera data comprendida entre a segunda quincena de outubro e a primeira de novembro, converténdose na festa do outono por excelencia, e incorpóranse diversos alimentos, coma chourizos e outros produtos elaborados nas matanzas do porco coincidentes con estas datas. Tampouco adoitan faltar as sardiñas asadas.
O magosto celebrábase tradicionalmente nun claro do mesmo souto, comezando a primeira hora da tarde coa recollida de leña e castañas. Facíase unha ou varias fogueiras con paus e frouma para conseguir brasas dabondo para asar as castañas; outras veces era na eira ou nun rueiro amplo, cos vellos na cociña da casa e os mozos na rúa. Era costume que as mozas trouxeran as castañas e os mozos o viño; noutros casos os mozos achegaban todo e as mozas ían convidadas. Aínda que había que picar (ou sinalar) as castañas antes de botalas nas brasas, non faltaba quen botaba algunha enteira, para que estoupase na cara de quen as andaba a remexer, cousa que os participantes celebraban lanzando aturuxos. Por fin, no remate da festa, os máis rapaces xogaban a tisnarse coas mans cheas de feluxe mentres que mozos e adultos cantaban e bailaban, nalgúns casos saltando sobre os restos da fogueira.
No lugar de Insuela (de Loureiro, Cerdedo Cotobade) era costume facer o magosto sobre unha pedra do Outeiro de Muimenta que tiña sona de propiciatoria para que as parellas puidesen ter fillos se se deitaban nela.
Hoxe en día ásanse nuns tambores metálicos colocados sobre o lume ou nuns ladrillos especiais para este uso.
Orixes miniatura|esquerda|Castañas asadas. Existen varias teorías que intentan explicar a etimoloxía da palabra. Hai quen a fai vir do latín magnus ustus 'gran fogueira', dentro dos cultos ígneos que, como a noite de san Xoán, marcaban o paso das estaciónsAníbal Otero (Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1949-1976)) discrepa desta teoría, e López Témez di que no convence a casi nadie, por la poca base en la que sustenta.; outros, de magnus, que significaría ou ben 'magno, grande', ou ben 'mago, maxia'; e outros do celta mag, campo ou mesmo do protocelta *Magon- e *glustu- 'gran luz' ou *Magon- e *ouxto- 'gran frío'Proto-Celtic ― English. López Gómez ve alusión a ese suposto " mago do lume" nun gran boneco ou espantallo feito entrabando pólas e que simbolicamente presidía a festa e finalmente se chamuscaba, aureolado, adornado de rosarios ensarillados de castañas. Ardía o xigantón entre aturuxos e competitivos brincos, como aínda se fai nalgunhas outras fisterras atlánticas.
Murguía relacionaba esta festa cos defuntos (que se celebraban no día seguinte), considerándoa un banquete funerario: as castañas simbolizarían a morte e o viño novo a vida. Mariño Ferro tamén escribiu que a castaña é símbolo de vida que combate á morte: de aí que a castaña apareza nos ritos funerarios (Mariño Ferro: 260). Sexa como for, si se atopou relación da castaña con ritos funerarios e documéntase dende antigo o costume de asar castañas ese día.
Outros autores tamén reflicten a relación entre os defuntos e este costume de asar castañas. O historiador Bernardo Barreiro recolle esta descrición das enchentes que se celebraban xa no século XVI para celebra-lo Día de Defuntos:
O magosto fóra de Galicia Tamén se celebra noutras localidades do norte peninsular, como Asturias (baixo o nome de magüestu), Cantabria (Magosta), País Vasco (Gaztainerre ou gaztañarre), León ou Zamora. Mesmo en Cataluña: Castanyada.
Tamén é unha festa moi popular en Portugal, co nome de magusto, ó redor do día de san Simón (18 de outubro), Tódolos Santos ou san Martiño. Na Aldeia Viçosa (do concello da Guarda), celébrase o Magusto da Velha .
Segundo Leite de Vasconcelos o magusto é o resto dun antigo sacrificio en honor dos mortos, e recolle a tradición de preparar, na media noite, unha mesa con castañas para que as coman os mortos da familia. Ninguén máis tocaba esas castañas porque se cría que estaban lambidas polos defuntos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Colectivo de mestres Ollo de Sapo: As festas anuais: o Magosto. Artes Gráficas Pontevedra S.L., Pontevedra 1988. FILGUEIRA VALVERDE, Xosé: "De castañas e magostos", en Adral II, Ediciós do Castro, Sada 1981, 162-165. GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: As festas cíclicas do ano, Museo do Pobo Galego, Santiago 1991. LÓPEZ GÓMEZ, Felipe Senén: O tempo de Magostos e Defuntos. Baía Edicións, A Coruña 1996. LOPEZ TEMEZ, Xesús: "El magosto", en Revista de Folklore 1982, 32, 48-50. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón: La medicina popular interpretada I, Edicións Xerais de Galicia, Vigo 1985. QUINTÁNS SUÁREZ, Manuel: Anuario de tradicións galegas. Tambre editorial, Oleiros 1994. TENORIO, Nicolás: La aldea gallega. Estudio de derecho consuetudinario y economía popular. Edicións Xerais de Galicia, Vigo 1982. FRAGUAS FRAGUAS, Antón: Gran Enciclopedia Galega s.v. magosto, Grupo El Progreso, Lugo 2003. VARIOS: Enciclopedia Galega Universal s.v. magosto'', Ir Indo. Outros artigos Castañeiro, castañeira Día de Tódolos Santos Samaín Halloween A castaña na cultura popular galega Ligazóns externas El magosto artigo en Revista de Folklore Festas do Magosto Lectura "Día de magosto" para traballar na aula Unidade didáctica sobre o magosto (Repositorio de contidos do espazoAbalar)
Categoría:Festas gastronómicas de Galicia Categoría:Artigos destacados sobre Galicia Categoría:Castaña Categoría:Folclore Categoría:Cultura tradicional