miniatura|dereita|Imaxe da CRH xerada por ordenador. A hormona liberadora da corticotropina (CRH) ou corticoliberina, antes chamada factor liberador da corticotropina (CRF) é unha hormona polipeptídica hipotalámica e neurotransmisor implicada na resposta ao estrés. A súa principal función é a estimulación da síntese de ACTH na hipófise ou pituitaria. Pertence á familia dos factores liberadores da corticotropina.

A CRH é un péptido de 41 aminoácidos derivado dunha preprohormona de 191 aminoácidos codificada nun xene do cromosoma 8 humano. A CRH é segregada polo núcleo paraventricular do hipotálamo en resposta ao estrés. Na enfermidade de Alzheimer obsérvase unha marcada redución nos niveis de CRH. Ademais de ser producida polo hipotálamo, a CRH tamén se sintetiza nos tecidos periféricos, como os linfocitos T, e é amplamente expresada na placenta. Na placenta, a CRH é un marcador que determina a duración da xestación e o momento do parto. Ao comezo do parto ten lugar un incremento rápido dos niveis circulantes de CRH, o que suxire que, ademais das súas funcións metabólicas, a CRH pode actuar como un causante do parto.

Accións hormonais A CRH é producida polas células parvocelulares neuroendócrinas (que están incluídas no núcleo paraventricular) do hipotálamo e libérase na eminencia media nos terminais neurosecretores destas neuronas, e pasa ao plexo de capilares primarios do sistema portal hipotalámico-hipofisario. O sistema portal transporta a CRH á adenohipófise ou pituitaria anterior, onde estimula as células corticotropas para que secreten a hormona adrenocorticotropa (corticotropina ou ACTH) e outras substancias bioloxicamente activas (β-endorfinas). A ACTH estimula a síntese de cortisol, glicocorticoides, mineralocorticoides e DHEA; polo que niveis elevados de CRH son comúns en pacientes da síndrome de Cushing (causada por un exceso de ACTH).

A curto prazo, a CRH pode suprimir o apetito, incrementar os sentimentos subxectivos de ansiedade, e realizar outras funcións como estimular a atención. Aínda que a acción distal da CRH é a inmunosupresión por medio da acción do cortisol, a CRH por si mesma pode en realidade aumentar a inflamación, un proceso que está sendo investigado en relación coa esclerose múltiple.

Psicofarmacoloxía O antagonista do receptor da CRH-1 pexacerfont está investigándose como tratamento do trastorno de ansiedade xeneralizada en mulleres. Outros antagonistas da CRH-1 como a antalarmina foron estudados en animais para o tratamento da ansiedade, depresión e outras condicións, pero non se fixeron estudos en humanos.

Ademais, no líquido cefalorraquídeo de persoas que cometeron suicidio aparecen niveis anormalmente altos de CRH.

Recentes investigacións asocian a activación do receptor da CRH1 coa sensación de euforia que se produce polo consumo de alcohol. Un antagonista do receptor da CRH1, o CP-154,526, está investigándose como tratamento potencial do alcoholismo.

A CRH no parto A CRH tamén é sintetizada pola placenta e parece determinar a duración do embarazo.

Os seus niveis aumentan contra o final do embarazo xusto antes do parto, e unha teoría actual sostén que desempeña tres funcións no parto:

Incrementa os niveis de deshidroepiandrosterona (DHEA) directamente pola acción das glándulas adrenais fetais, e indirectamente pola glándula hipófise da nai. A DHEA ten un papel na preparación e estimulación das contraccións cervicais. Incrementa a dispoñibilidade de prostaglandinas nos tecidos uteroplacentarios. As prostaglandinas activan as contraccións cervicais. Antes do parto pode ter un papel na inhibición das contraccións, ao aumentar os niveis de AMPc no miometrio.

En cultivo, a CRH do trofoblasto é inhibida pola proxesterona, que permanece en alta concentración durante todo o embarazo. A liberación de CRH é estimulada polos glicocorticoides e catecolaminas, as cales aumentan antes do parto levantando este bloqueo de proxesterona.

Estrutura A secuencia de 41 aminoácidos da CRH foi descuberta por Vale et al. en 1981 nos carneiros. A secuencia completa é (véxase o significado das letras en aminoácido):

SQEPPISLDLTFHLLREVLEMTKADQLAQQAHSNRKLLDIA (ovinos)

Este péptido nas ratas e nos humanos é idéntico e difire da secuencia dos ovinos só en 7 aminoácidos (en letra grosa).

SEEPPISLDLTFHLLREVLEMARAEQLAQQAHSNRKLMEII (homes, ratas)

Interaccións A CRH interacciona co receptor 1 da hormona liberadora da corticotropina.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Receptor da hormona liberadora da corticotropina ACTH Proopiomelanocortina Familia do factor liberador de corticotropina

Bibliografía

Categoría:Hormonas