miniatura|350px|dereita|Ciclo menstrual.
O ciclo menstrual é o conxunto de cambios fisiolóxicos que se producen nunha muller fértil que teñen como obxecto facilitar a reprodución sexual e a fertilización do óvulo. Os cambios afectan o estado dos ovarios, útero e outros órganos, están controlados hormonalmente e teñen unha periodicidade aproximadamente mensual. Os contraceptivos hormonais interfiren cos cambios hormonais do ciclo para así impediren a concepción.
O ciclo menstrual divídese xeralmente en tres fases: a fase folicular, a fase ovulatoria (ovulación) e a fase lútea; aínda que outras fontes falan de fase de menstruación, proliferativa e secretora. O ciclo menstrual empeza a contarse desde o primeiro día de sangrado menstrual.
Despois da menstruación o estímulo de cantidades gradualmente maiores de estróxenos na fase folicular fai que o fluxo da menstruación se faga menor e se deteña, e que o endometrio que reviste o útero engrose. Os folículos ováricos empezan a desenvolverse baixo a influencia dunha complexa interacción de varias hormonas, e despois de varios días un deles (ocasionalmente dous) faise dominante, entanto que o resto dos folículos (non dominantes) que se empezaron a desenvolver se atrofia e morren. Aproximadamente á metade do ciclo, entre 24 e 36 horas despois de que apareza un pico de hormona luteinizante (LH), o folículo dominante libera un óvulo, fenómeno denominado ovulación. Despois da ovulación, o óvulo só vive 24 horas ou menos se non é fertilizado, e os restos que quedan do folículo que ovulou convértense no corpo lúteo. O corpo lúteo ten como misión principal a produción de grandes cantidades da hormona proxesterona. Baixo a influencia da proxesterona, o endometrio (revestimento uterino) sofre unha serie de cambios para prepararse para unha posible implantación do embrión e o establecemento do embarazo. Se non ten lugar a implantación nun prazo de dúas semanas, o corpo lúteo dexenera, causando unha aguda caída dos niveis de proxesterona e estróxenos, e isto provocará o desprendemento da capa superficial do endometrio e o sangrado, proceso chamado menstruación, que dá comezo a un novo ciclo.
No ciclo menstrual os cambios que se observan afectan a diversas partes do aparato reprodutor feminino, mais tamén a outros aparatos (cambios nos peitos ou no estado de ánimo, por exemplo).
Menarquía e menopausa A primeira menstruación dunha muller denomínase menarquía, e ocorre xeralmente entre os 12-15 anos como media. Por exemplo, segundo un estudo de 2008 a idade media da menarquía en España era de 12,43 anosMarco Hernández, M; Benítez, R; Medranda, I; Pizarro, C; Méndez, MJ. Variaciones fisiológicas normales del desarrollo puberal: edad del inicio puberal, edad de la menarquia y talla. An. Pediatr. (Barc.). 2008;69:147-53. - vol.69 núm 02 , e un estudo de 1980 indica que en Galicia a menarquía producíase como media aos 12,7 anos (e algo antes nas zonas urbanas ca nas zonas rurais) Emilio Herrera Justiniano. La pubertad. Google books ; dita media en EEUU é de 12,5 anos, no Canadá de 12,72,Age at menarche in Canada: results from th... [BMC Public Health. 2010] - PubMed - NCBI en Reino Unido de 12,9 anos e en Islandia de 13,06 ± 0,10 anos. Factores como a herdanza xenética, dieta e saúde xeral poden acelerar ou atrasar a menarquía.
O fin da fase reprodutiva dunha muller denomínase menopausa, que ten lugar xeralmente entre os 45 e 55 anos. A media nos países industrializados é de 52 anos e a menopausa antes dos 45 considérase prematura. A idade da menopausa está en gran medida influída por factores xenéticos, pero as enfermidades, certas operacións cirúrxicas ou tratamentos médicos poden causar que a menopausa apareza antes.
Duración do ciclo Xeralmente considérase que o ciclo menstrual medio é de 28 días. Un amplo estudo de máis de 30.000 ciclos en 2.300 mulleres indicou que o ciclo medio era de 29,1 días cunha desviación estándar de 7,5 días e un 95% de intervalo de confianza entre os 15 e 45 días.Chiazze Jr, L; Brayer, FT; MacIsco Jr, JJ; Parker, MP; Duffy, BJ (1968). "The length and variability of the human menstrual cycle". JAMA : the journal of the American Medical Association 203 (6): 377–80. doi:10.1001/jama.203.6.377. PMID 5694118. Un estudo menos amplo de 140 mulleres realizado en 2006 encontrou que a lonxitude media do ciclo era de 28,9 días.http://epublications.marquette.edu/cgi/viewcontent.cgi?article=1010&context=nursing_fac
A duración do ciclo menstrual dunha determinada muller varía normalmente, e pode ter algúns ciclos curtos e outros longos. É raro que unha muller teña variacións na duración dos seus ciclos de menos de catro días, xa que é normal unha certa variación. Unha muller con variacións de menos de 8 días entre os seus ciclos máis longos e os máis curtos considérase que ten ciclos menstruais regulares. Xeralmente, unha variación na duración entre 8 e 20 días considérase propia dun ciclo moderadamente irregular. Unha variación de 21 días ou máis considérase xa moi irregular.
A variabilidade da duración dos ciclos menstruais é maior nas mulleres de menos de 25 anos de idade e é menor, é dicir, máis regular, nas idades entre 35 e 39 anos. A variabilidade aumenta lixeiramente para as mulleres que están no segmento de idade entre 40 e 44 anos.
Fases O ciclo menstrual pode dividirse en varias fases. A duración media de cada fase móstrase debaixo na táboa; as tres primeiras están relacionadas con cambios no endometrio, e as últimas tres con procesos que ocorren nos ovarios: Nome da fase Día medio de inicioasumindo que o ciclo é de 28 días Día medio de finalización Fase menstrual (Menstruación) 1 4 Fase proliferativa (Algunhas fontes inclúen a menstruación nesta fase) 5 13 Fase ovulatoria (Ovulación) 13 16 Fase lútea (tamén chamada fase secretora) 16 28 Fase isquémica 27 28 Fase folicular 1 13
Regulación hormonal do ciclo menstrual.
Menstruación A menstruación, tamén chamada período ou regra, é o fluxo de sangue e restos de tecido que se produce ao inicio dos ciclos. Normalmente é un signo de que a muller non quedou preñada, aínda que en raros casos certos factores poden provocar o sangrado vaxinal en mulleres embarazadas durante o primeiro trimestre de xestación.
miniatura|Niveis das hormonas estradiol (o principal estróxeno), proxesterona, hormona estimulante dos folículos e hormona luteinizante durante o ciclo menstrual, tendo en conta as variabilidades entre ciclos e entre mulleres.References and further description of values are given in image page in Wikimedia Commons at Commons:File:Hormones estradiol, progesterone, LH and FSH during menstrual cycle.svg.
Co termo eumenorrea desígnase a menstruación normal regular, que dura uns poucos días (xeralmente de 3 a 5 días, pero entre 2 e 7 días considérase tamén normal). A media de perda de sangue durante a menstruación é de 35 mililitros (entre 10 e 80 mL considérase normal). A causa desta perda de sangue, as mulleres son máis susceptibles á deficiencia en ferro cós homes. Un encima denominado plasmina inhibe a coagulación do sangue no fluído menstrual.
Son comúns as cambras dolorosas no abdome, costas, ou parte superior das coxas durante os primeiros días da menstruación. Unha dor uterina forte durante a menstruación denomínase dismenorrea, e é moi común entre adolescentes e mulleres novas (afecta a un 67,2% das adolescentes).Sharma P, Malhotra C, Taneja DK, Saha R (2008). "Problems related to menstruation amongst adolescent girls". Indian J Pediatr 75 (2): 125–9. doi:10.1007/s12098-008-0018-5. PMID 18334791 Cando empeza a menstruación, os síntomas da síndrome premenstrual como dor nos peitos e irritabilidade diminúen xeralmente.
Fase folicular Esta fase tamén se denomina fase proliferativa porque as hormonas causan o crecemento ou proliferación do endometrio uterino durante ela.
Baixo a influencia dun aumento da hormona estimulante dos folículos (FSH) durante os primeiros días do ciclo, estimúlase o crecemento duns cantos folículos ováricos. Estes folículos, que xa estaban presentes no momento do nacemento e que se estiveran desenvolvendo durante case todo un ano (proceso chamado foliculoxénese), compiten uns con outros para facerse o folículo dominante. Influídos por varias hormonas, todos agás un deterán o seu crecemento, e só o que se fixo dominante continuará madurando. Este folículo chega á fase madura na que se chama folículo terciario ou folículo de De Graaf, e nel está o ovocito que ovulará.
A medida que os folículos maduran, segregan cada vez máis estradiol (un estróxeno). O estróxeno inicia a formación dunha nova capa de endometrio no útero, polo que neste estado se denomina endometrio proliferativo. O estróxeno tamén estimula nas criptas do cérvix uterino a produción de moco cervical fértil, que pode ser detectado pola muller.
Ovulación
miniatura|Ovario a piques de liberar un óvulo.
Durante a fase folicular o estradiol suprime a produción de hormona luteinizante (LH) na adenohipófise. Cando o ovocito está case maduro, os niveis de estradiol atinxen un limiar por encima do cal empezan a estimular a produción de LH. Estas respostas opostas do LH e o estradiol poden deberse á presenza de dous receptores de estróxenos diferentes no hipotálamo: o receptor de estróxenos alfa, que é responsable do bucle de retroalimentación negativa estradiol-LH, e o receptor de estróxenos beta, que é responsable do efecto positivo estradiol-LH. Nun ciclo medio esta ondada de LH comeza arredor do día 12 do ciclo e pode durar 48 horas.
A liberación de LH fai madurar o ovocito e debilita a parede do folículo ovárico, causando que o folículo se desenvolva totalmente e libere o ovocito secundario que contén. O ovocito secundario remata a súa maduración transformándose no óvulo maduro. O óvulo maduro ten un diámetro duns 0,2 mm.
O feito de que a ovulación aconteza no ovario esquerdo ou no dereito parece ser casual, e non se coñece que exista coordinación entre ambos os ovarios. Ocasionalmente, ambos os ovarios poden liberar un óvulo; se ambos os óvulos son fecundados, o resultado é a formación de xemelgos fraternos.
Ao ser liberado do ovario, o óvulo pasa ao espazo peritoneal, onde é recollido polas fimbrias das trompas de Falopio e acaba en ditas trompas. Despois de pasado un día, o óvulo non fertilizado desintégrase na trompa de Falopio.
A fertilización do óvulo polo espermatozoide, se ocorrer, xeralmente ten lugar na parte final máis larga da trompa de Falopio, chamada ampola da trompa de Falopio. Un óvulo fertilizado empeza inmediatamente o proceso da embrioxénese humana. O embrión en desenvolvemento tarda uns tres días en chegar ao útero e outros tres días en implantarse no endometrio. Normalmente, o embrión chegou nese momento ao estado de blastocisto, no cal se implanta.
Nalgunhas mulleres, a ovulación produce unha certa dor abdominal. O súbito cambio hormonal do momento da ovulación ás veces causa tamén un lixeiro fluxo sanguíneo no medio do ciclo.Weschler (2002), p.65
Fase lútea A fase lútea tamén se chama fase secretora. Nela é fundamental a actuación do corpo lúteo, o cal se orixinou a partir da transformación dos restos do folículo postovulatorio. O corpo lúteo continúa a medrar durante algún tempo despois da ovulación e produce cantidades significativas de hormonas, especialmente proxesterona. A proxesterona é vital para que o endometrio se faga receptivo á implantación do blastocisto e o manteña durante o inicio do embarazo; tamén ten o efecto de facer aumentar a temperatura basal corporal da muller.Weschler (2002), pp.361-2