A guerra árabe-israelí de 1948, tamén coñecida polos israelís como guerra da Independencia (en hebreo, מלחמת העצמאות) ou guerra de Liberación (en hebreo, מלחמת השחרור), foi o primeiro dunha serie de conflitos armados que enfrontou o Estado de Israel e os seus veciños árabes, no que se coñece globalmente como o conflito árabe-israelí. Para os árabes palestinos, esta guerra marcou o comezo do que eles denominan Nakba (en árabe النكبة, "catástrofe").

As Nacións Unidas acordaron a partición do Mandato británico de Palestina en dous estados: un árabe e outro xudeu, resolución aceptada polos dirixentes xudeus e rexeitada polos árabes.

Dito mandato expiraba o 15 de maio de 1948. Seis horas antes (para non coincidir co shabat), durante a tarde do 14 de maio, foi proclamada por David Ben-Gurion a independencia de Israel en Tel Aviv, recoñecida rapidamente por Estados Unidos, a Unión Soviética e moitos outros países. O mesmo día da retirada británica da rexión, tropas libanesas, sirias, iraquís, exipcias e transxordanas, apoiadas por voluntarios libios, sauditas e iemenís, comezaron a invasión do recentemente proclamado Estado xudeu.

Contexto miniatura|250px|dereita|Mandato británico de Palestina.

Tras a derrota do Imperio Otomán na primeira guerra mundial, a Sociedade de Nacións encargou a británicos e franceses a administración temporal das provincias otomás. Estas rexións, que baixo o dominio otomán se denominaban vilaiatos, pasaron a chamarse mandatos. Franceses e británicos, trazando arbitrariamente fronteiras, dividiron a zona en catro seccións.

A cuarta sección creouse a partir do que se coñecía como "Siria do Sur". A rexión foi oficialmente denominada como Mandato británico de Palestina. Esta rexión, cuxas fronteiras foron revisadas repetidamente baixo a dirección de Winston Churchill, á súa vez se dividía en dúas unidades administrativas: a parte oriental desde o río Xordán coñeceuse como Transxordania (que, en 1950, pasaría a denominarse Xordania), mentres que a zona occidental seguiu conservando o nome de Palestina.

En 1922 a poboación do mandato (incluíndo Transxordania) estaba conformada por 589 200 musulmáns, 83 000 xudeus, 71 500 cristiáns e 7 600 doutras confesións. Durante os anos seguintes a inmigración xudía foi aumentando, en gran parte debido á persecución que os xudeus sufrían en Europa.

Esta inmigración, xunto cos continuos chamamentos para o establecemento dun estado xudeu en Palestina, non foi ben recibida polos árabes. Baixo o liderado de Amin al-Husayni, gran muftí de Xerusalén, os árabes rebeláronse contra os británicos e atacaron a crecente poboación xudía. Estes ataques deron lugar a diversos disturbios como o motín de Palestina de 1920, o motín de Iafa de 1921 ou o motín palestino de 1929, no que 135 xudeus foron asasinados en Hebrón e arredores.

A Gran Revolta Árabe e as súas consecuencias

En abril de 1936 os dirixentes árabes no Mandato británico de Palestina, liderados por Amin al-Husayni, declararon unha folga xeral para protestaren contra a inmigración xudía. Un mes despois do inicio da folga xeral, estes dirixentes declararon a negativa a pagaren impostos como oposición explícita á inmigración xudía, o que deu comezo a unha insurrección armada. Dita insurrección empezou sendo esporádica, facéndose máis organizada co tempo, e prolongouse até 1939. Cando a orde se estableceu en marzo dese ano, máis de 5 000 árabes, 400 xudeus e 200 británicos morreran.

Os ataques árabes á poboación xudía durante esta revolta tiveron tres efectos: en primeiro lugar, orixinaron a formación e desenvolvemento de milicias paramilitares xudías de autodefensa, como a Haganá, que na guerra de 1948 resultou ser decisiva. En segundo lugar, quedou patente que nin xudeus nin árabes poderían convivir xuntos nun mesmo estado, tomando forma a idea da partición do territorio en dous estados. Por último, os británicos promulgaron o Libro Branco de 1939, que restrinxía severamente a inmigración xudía, o que provocou que segmentos da poboación xudía se radicalizasen e se negasen a colaborar cos británicos.

A segunda guerra mundial O ocaso do dominio colonial na rexión

Mentres tanto, as nacións árabes comezaron a desfacerse do dominio colonial. Transxordania, baixo o dominio da dinastía haxemita de Abdullah, declarou a súa independencia de Gran Bretaña en 1946. Os británicos puxeron ao medio irmán de Abdullah, Faisal II, no trono de Iraq. En 1945 Exipto negociaba os termos da súa independencia. Líbano sería un estado independente en 1943, aínda que os franceses non retiraron as súas tropas até 1946, o mesmo ano en que Siria declarou a súa independencia tamén de Francia.

O Plan de partición da ONU

miniatura|esquerda|Plan de partición para Palestina.

O 29 de novembro de 1947 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a resolución 181 que poñía fin ao Mandato británico de Palestina e que dividía o territorio en dous estados: un xudeu e outro árabe. Xerusalén e Belén, debido á súa importancia histórico-relixiosa, permanecerían como zona internacional administrada pola ONU. Aínda que tanto xudeus como árabes criticaron determinados aspectos do plan, pois era territorialmente pouco viábel para ambos os pobos, foi recibido con entusiasmo pola maioría da poboación xudía, incluíndo a Axencia Xudía. Porén, foi considerado inaceptábel por parte dos estados árabes veciños e dos propios árabes que vivían en Palestina.

A resolución 181 da ONU outorgou ás aspiracións sionistas aval xurídico e lexitimación moral para constituír o seu propio Estado, pero en ningún modo aseguraba a súa realización, xa que daquela a ONU non contaba con ningunha clase de forza armada capaz de garantir as súas propias decisións. Tampouco Estados Unidos, que cría ver veleidades filosoviéticas en Ben Gurión e no Mapai, estaba disposto a apoiar o envío dun continxente internacional e incluso embargou a venda de armas a Palestina. Ante o cariz violento dos feitos, chegou a considerarse a posibilidade do aprazamento do Plan. Pola súa parte, a única potencia colonial na zona, o Reino Unido, inhibiuse da complicada tarefa de facer cumprir o plan de partición e, incluso, en certos momentos boicoteouno, opoñéndose a todo mandato internacional que reducise a súa influencia na zona. Todos estes factores adversos ao plan de partición uníanse á aberta oposición árabe e árabe-palestina, que cualificaban a decisión da ONU de "inxusta" e "ilegal" e acentuaba a súa retórica bélica advertindo que, de levarse a cabo, provocaría a guerra. miniatura|300px|A favor (verde escuro), en contra (pardo), abstencións (verde claro) e ausentes (vermello) na votación da resolución 181.

A URSS foi a única potencia que apoiou decididamente o mantemento firme do plan aprobado, opoñéndose á marcha atrás dos Estados Unidos naqueles meses que transcorreron entre a resolución da ONU e o final do mandato británico.

A URSS confiaba en poder establecer un Estado satélite na zona, afín ao bloque socialista. En estreito contacto coa Axencia Xudía, impediu que ningunha outra resolución da Asemblea Xeral se opuxese ao Plan de Partición. Así, Andrei Gromiko, á fronte da delegación soviética, declarou o 23 de marzo de 1948: "O único medio de reducir o baño de sangue é a creación rápida e efectiva de dous Estados en Palestina".

Daquela, os dirixentes da Axencia Xudía e do yishuv tiñan perfectamente claro que a creación do Estado non podía depender exclusivamente da vía diplomática, senón da firme determinación dos propios sionistas para levala a cabo.

Balance inicial de forzas Forzas do Yishuv En novembro de 1947 a Haganá contaba cunha forza móbil, Hish, composta por 20 000 soldados e 10 000 reservistas (de idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos) e unha unidade de elite, Palmaj, composta por 2 100 soldados e 1 000 reservistas. Todas estas unidades estaban respaldadas por unha forza de garda (Heil Mishmar) composta por homes e mulleres de máis de 25 anos. Así, as forzas do yishuv ascendían a cerca de 35 000 soldados: de 15 000 a 18 000 soldados da Haganá máis a forza de garda, uns 20 000. Os outros dous grupos clandestinos, Irgún e Lehi, contaban con 2 000 e 500 membros, respectivamente. Pódese engadir, ademais, aqueles soldados que loitaron no exército británico na segunda guerra mundial e que non serviron en ningunha das milicias sionistas clandestinas, pero que prestaron apoio loxístico e experiencia durante a guerra.

En setembro de 1947 a Haganá dispoñía de 10 489 rifles, 3 500 pistolas e 760 morteiros aproximadamente, mais as adquiridas do inimigo durante os primeiros meses de hostilidades. Ademais, entre outubro de 1947 e xullo de 1948, o Yishuv fabricou 3 millóns de balas, 150 000 granadas, 16 000 pistolas e 10 morteiros. Calcúlase que antes de que chegasen armas de Checoslovaquia como parte da Operación Balak, só un de cada tres soldados estaba armado, excepto no Palmaj, que eran dous de cada tres. Hai que engadir que, inicialmente, a Haganá non contaba con artillaría, vehículos armados, armas antitanques ni antiaéreas.

Forzas árabes Forzas árabe-palestinas

Por parte palestina existían dúas organizacións paramilitares formadas por mozos: unha fiel a "Husayni, a Futuwa, e outra anti-Husayni, a Najjada (corpos auxiliares"). Estes grupos contaban con ao redor de 12 000 voluntarios.

En decembro, Abd-al Qadir Husseini chegou a Xerusalén con centos de combatentes que foran adestrados en Siria e que formaban o Santo Exército.

En canto ao equipamento das forzas palestinas era moi pobre. Os británicos confiscaran gran parte do seu arsenal na Gran Revolta Árabe e durante a segunda guerra mundial.

Exército Árabe de Liberación miniatura|250px|Voluntarios árabes en Palestina, 1947. O Exército Árabe de Liberación (Jaysh al-Inqadh al-Arabi) foi organizado pola Liga Árabe. Contaba con ao redor de 6.000 voluntarios, a maioría deles procedentes de países árabes, e estaba liderado por Fawzi al-Qawuqji.

Transxordania

O exército transxordano, denominado Lexión Árabe, fora fundado por Frederick Peake (Peake Pashá) como unha unidade do exército británico. Ao obter a independencia a zona baixo a autoridade da dinastía haxemita, pasou a depender do novo estado. Era a única forza realmente efectiva dos exércitos árabes. Armados, adestrados e dirixidos por oficiais británicos, os 8 000 soldados transxordanos contaban co apoio de 40 pezas de artillaría e 75 vehículos armados. En xaneiro de 1948 incorporáronse 3 000 soldados máis.

Iraq

En 1948 Iraq tiña un exército de 21 000 homes e unha forza aérea de 100 avións, a maioría británicos. Os iraquís comprometéronse a enviar 5 000 homes, aínda que finalmente chegaron aos 18 000.

Exipto

En 1948 Exipto estaba capacitado para enviar un máximo de 40 000 soldados, aínda que inicialmente enviaron a 10 000 homes baixo as ordes de Ahmed Ali al-Mwawi. A forza aérea exipcia contaba con ao redor de 54 avións. Tras a segunda tregua, os exipcios enviaron a cerca de 20 000 soldados en trece batallóns equipados con 135 tanques e 90 pezas de artillaría.

Siria

Siria tiña 12.000 soldados ao comezo da guerra. A forza aérea siria contaba con 50 avións, 10 deles modelos da segunda guerra mundial.

Líbano

O exército libanés era o máis pequeno dos exércitos árabes, contando con só 3 500 efectivos.

Arabia Saudita e o Iemen Arabia Saudita enviou un continxente de entre 800 e 1 200 soldados, baixo a dirección do exército exipcio. O Iemen enviou tamén un indeterminado número de homes.

Forzas británicas en Palestina

Ao redor de 100 000 soldados británicos estaban despregados en Palestina.

Fases da guerra 29 de novembro de 1947-1 de abril de 1948