As Peticións en cortiza de Yirrkala de 1963 son uns documentos históricos australianos que constitúen os primeiros documentos tradicionais elaborados polos aborixes australianos recoñecidos polo Parlamento de Australia, e, polo tanto o primeiro recoñecemento documental dos pobos indíxenas na lexislación australiana.
Wali Wunungmurra, un dos doce que firmaron a petición, describe os antecedentes da petición da seguinte maneira: "A finais de 1950, os yolngu démonos conta da prospección de minerais na zona da Península de Gove, e pouco despois, descubrimos as concesións mineiras que se concederon ó longo dunha área considerábel do noso territorio tradicional. A nosa resposta, en 1963, foi a de enviar unha petición en cortiza pintada para o goberno da Commonwealth esixindo que os nosos dereitos sexan recoñecidos."
Os yolngu enviaron as peticións á Cámara de Representantes de Australia baixo a afirmación de que lles pertence a propiedade das terras que foron extirpadas da reserva de Terra de Arnhem. O resultado foi unha investigación na que se recomendou unha compensación ó pobo yolngu. Isto supón o primeiro recoñecemento dos títulos de propiedade nativos.
Máis tarde, os yolngu levaron as súas queixas ós tribunais cando se fixo obvio que os políticos de Canberra non lles ían a recoñecer a propiedade das terras. O caso trasladouse á Corte Suprema do Territorio do Norte en 1968 baixo o nome de Milurrpum v Nabalco. En 1971 dispúxose que os yolgnu non foron quen de establecer os seus títulos de propiedade no dereito común xa que se aplicou o concepto de Terra nullius para a súa xustificación.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Arquivo Nacional de Australia
Outros artigos Aborixes australianos
Categoría:Australia