thumb|Rinocerótidos Os rinocerótidos (Rhinocerotidae, do grego ρινός (rinós), "nariz" e κερος (keros), "corno"), coñecidos co nome de rinocerontes, son unha familia de mamíferos placentarios da suborde ceratomorfos pertencente á orde dos perisodáctilos.

Hoxe en día sobreviven cinco especies: Dúas en África: Rinoceronte branco (Ceratotherium simum) Rinoceronte negro (Diceros bicornis) Tres en Asia: Rinoceronte de Xava (Rhinoceros sondaicus) Rinoceronte da India (Rhinoceros unicornis) Rinoceronte de Sumatra (Dicerorhinus sumatrensis). Segundo a clasificación de estado de conservación confeccionada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), as especies de rinocerontes de Xava, Sumatra e o rinoceronte negro atópanse en "perigo crítico"'; o da India está en "perigo", e o branco considérase "vulnerable".

Características miniatura|220px|Comparativa de tamaños das especies vivas de rinoceronte. miniatura|220px|Detalle da pel dun rinoceronte. A palabra "rinoceronte" (ρινόκερος) provén dos termos gregos rhino (nariz) e kera (corno), e significa literalmente "nariz cornuda", en alusión aos característicos cornos no fociño, que son ademais un valorado trofeo e a razón principal da súa caza. A diferenza dos cornos doutras especies, como os antílopes, os dos rinocerontes non teñen un núcleo óseo, senón que están feitos de queratina, a mesma substancia que forma os pelos e as uñas no resto de mamíferos. As dúas especies africanas e o rinoceronte de Sumatra teñen dous cornos, mentres que o Indio e o de Xava teñen só un.

A familia dos rinocerontes caracterízase polo seu gran tamaño, sendo das poucas especies consideradas como megafauna existentes hoxe día, xunto con elefantes e hipopótamos; todas as especies poden exceder como mínimo a tonelada de peso. Todos son herbívoros, e teñen unha pel grosa e resistente, de entre 1,5 e 5 cm de grosor, formada por capas superpostas de coláxeno. Teñen cerebros relativamente pequenos para o seu tamaño corporal (entre 400 e 600 g). Aínda que se alimentan polo xeral de follas, a súa capacidade de fermentar o alimento no colon permítelles sobrevivir consumindo materia vexetal máis leñosa, como raíces e ramas, de ser necesario. Ao contrario que outras especies de perisodáctilos, as especies africanas de rinocerontes non teñen dentes na parte frontal da boca, empregando para mastigar uns potentes premolares e molares para esmagar o alimento de orixe vexetal. A fórmula dental varía de especie a especie, pero en xeral é:

Os rinocerontes teñen un agudo sentido do olfacto e un oído sensible, pero moi mala vista. A súa esperanza de vida máxima é duns 60 anos. A lonxitude da cabeza e o corpo é de 240 a 315 cm no rinoceronte de Sumatra e de 335 a 420 cm no rinoceronte branco. O peso, que é de 800 kg no rinoceronte de Sumatra, pode chegar aos 3.600 kg no rinoceronte branco considerándoo o segundo animal máis grande terrestre despois do elefante.

Todas as especies son perisodáctilas; é dicir, teñen un dedo central máis desenvolvido en cada pata, que lles serve de apoio principal, e dous dedos menores aos lados. Iso dá ás súas pegadas o característico aspecto dun as de trevo. No caso do rinoceronte branco e do indio, os machos adultos son moito maiores que as femias, pero nas demais especies machos e femias teñen un tamaño similar.

Os rinocerontes teñen unha visión escasa, aínda que son capaces de distinguir a unha persoa inmóbil ata uns 30 m de distancia. Os ollos están situados a ambos os dous lados da súa cabeza. O seu oído é moi fino, e as orellas son de tipo tubular, movéndose rapidamente na dirección de onde provén o son. Pero o seu sentido máis desenvolvido é o olfacto; a cantidade de tecido olfactivo no fociño supera o tamaño do cerebro.

Alimentación miniatura|220px|Os rinocerontes víronse ameazados pola caza ilegal. Todos os rinocerontes son herbívoros e necesitan unha gran cantidade de alimento diario para manter o seu gran volume. Poden tolerar alimentos relativamente altos en fibra na súa dieta, grazas á capacidade do seu colon de fermentar e dixerir o tecido vexetal leñoso, pero prefiren partes máis nutritivas e brandas cando as hai dispoñibles. As dúas especies africanas de rinoceronte perderon os dentes frontais, e aínda que as especies asiáticas conservan incisivos (e o rinoceronte de Sumatra ata caninos), estas pezas adaptáronse máis para pelexar que para a alimentación. Con todo, cada especie adaptouse ao consumo dun tipo de materia vexetal. O rinoceronte negro ten un beizo superior prénsil que utiliza para romper os extremos das ramas das plantas leñosas. O rinoceronte branco, en cambio, conta cun cranio alargado e uns beizos anchos que utiliza para pastar as herbas curtas. O rinoceronte indio tamén ten un beizo superior prénsil, que usa para obter herbas altas e pequenos arbustos. Tanto o rinoceronte de Xava como o de Sumatra, a miúdo derruban pequenas árbores para comer as súas follas e brotes, e todas as especies excepto o branco inclúen algúns froitos na súa dieta. Todos os rinocerontes beben case a diario, pero en condicións áridas poden sobrevivir entre catro ou cinco días sen beber. O rinoceronte indio pasa grandes períodos na auga, mentres as especies africanas adoitan preferir envorcallarse no barro. Aínda que a auga refréscaos, o barro protéxeos contra as picaduras de moscas e outros insectos.

Reprodución As femias do rinoceronte branco e o indio empezan os seus ciclos sexuais ao redor dos cinco anos de idade, e paren as súas primeiras crías entre os seis e os oito anos. As femias do rinoceronte negro, que son máis pequenas, son fértiles un ano antes. Por norma xeral, todas as especies teñen unha soa cría por parto, aínda que a presenza de dúas mamas levou a especular sobre a posibilidade de xestación de dúas crías en casos excepcionais. O intervalo entre sucesivas procreacións é, como mínimo, de vinte e dous meses, aínda que o normal é que varíe entre os dous e os catro anos. As crías son pequenas ao nacer, pesan uns 65 kg nos casos do rinoceronte branco e indio e 40 kg no rinoceronte negro, e poden seguir o paso das súas nais tres días despois de nados.

Os machos alcanzan a capacidade de procrear entre os sete e os oito anos de idade, pero non adoitan reproducirse polo menos ata os dez anos. Unha particularidade dos rinocerontes é que os testículos non descenden ao escroto, e o pene, cando está retraído, está dirixido cara a atrás. As femias teñen dúas mamas situadas entre as dúas patas traseiras. Os nacementos prodúcense en calquera mes do ano, pero no caso dos rinocerontes africanos os nacementos prodúcense en maior número entre o fin da estación chuviosa e mediados da estación seca.

Comportamento O rinoceronte é un animal solitario e territorial. Por regra xeral só hai asociación entre unha nai e a súa cría menor, e os machos adultos de todas as especies só se asocian temporalmente con femias en época de celo. Entre os rinocerontes brancos, e ás veces nos indios, os animais inmaturos forman parellas, e ás veces constitúen grupos máis numerosos. O rinoceronte branco é o máis sociable das cinco especies, e as femias sen descendencia reúnense ás veces e aceptan a compañía dun ou máis animais inmaturos, podendo formarse grupos persistentes de ata sete individuos.

Tanto machos como femias se moven sempre nas mesmas zonas ou territorios, que varían en tamaño segundo a especie e o xénero (de 9 a 15 km as femias de rinocerontes branco e indio, de 3 a 90 km as de rinoceronte negro), e que marcan de forma olfactiva mediante as súas feces e os seus ouriños. As feces son depositadas e logo dispersadas a coces. Cando patrullan rexións limítrofes dos seus territorios, ouriñan con relativa frecuencia. En todas as especies os territorios das femias se solapan cumpridamente e non hai entre elas indicios de territorialidade. Aínda que, mentres as femias do rinoceronte branco adoitan ter contactos amigables fregándose os narices, as do rinoceronte indio responden xeralmente con agresividade a calquera proximidade. Os machos, con todo, tenden a enfrontarse con calquera outro macho que invada o seu territorio. Do mesmo xeito, tanto o rinoceronte branco como o indio responden frecuentemente con acometidas agresivas cando se lles molesta, pero moi a miúdo as súas cargas non son máis que acometidas cegas destinadas a escorrentar o intruso.

Nos seus enfrontamentos, os rinocerontes repiten os mesmos xestos unha e outra vez ata que un deles se rende. Os animais enfrontados apertan os cornos un contra outro e empúxanse; non adoitan cargar un contra outro, tal como fan outros mamíferos dotados de cornos, xa que a masa combinada de ambos bastaría para esmagarlles o cranio ou partirlles o pescozo no momento do impacto. Finalizado o conflito, o macho dominante proclama a súa supremacía expulsando unha asperxida de ouriños pulverizada mentres que o macho subordinado retírase. O dono dun territorio que resulte vencido deixa de marcalo con ouriños e de esparexer os seus excrementos, e asume a condición de macho subordinado.

A lonxevidade dos rinocerontes varía dos trinta e dous anos do rinoceronte de Sumatra aos corenta e cinco anos do rinoceronte branco e indio, aínda que poden vivir ata os sesenta anos, ou máis.

Diversidade Todas as especies teñen 82 cromosomas (número diploide, 2n, por célula), excepto os rinocerontes negros, que teñen 84. En calquera caso, é a maior cantidade de cromosomas coñecida en calquera mamífero.

As cinco especies vivas se subdividen en catro xéneros: O máis primitivo, o dos Dicerorhinus, xurdiu no Mioceno, hai uns 20 millóns de anos, e o seu único representante vivo é o rinoceronte de Sumatra. O rinoceronte laúdo europeo, xa extinto, tamén formaba parte do mesmo xénero. O xénero Rhinoceros inclúe dúas especies, os rinocerontes de Xava e da India, orixinadas hai uns dez millóns de anos. O xénero Diceros, orixinado no Mioceno medio (hai uns 14,2 millóns de anos), está formado polo rinoceronte negro, do que se recoñecen catro subespecies (unha xa extinguida). O xénero Ceratotherium é o propio do chamado rinoceronte branco, unha escisión do xénero Diceros, orixinaria do Plioceno inicial (hai uns 5 millóns de anos). A especie consta de dúas subespecies. Rinoceronte branco

miniatura|220px|O rinoceronte branco é, en realidade, gris. O rinoceronte branco ou rinoceronte de mandíbula cadrada (Ceratotherium simum) é, tras o elefante, o maior dos animais terrestres aínda existentes no mundo, xunto co rinoceronte indio, que é comparable en tamaño, e algúns exemplares macho dalgunhas especies de hipopótamo. Existen dous subespecies do mesmo; no 2005, Suráfrica era o maior hábitat natural da primeira delas, o rinoceronte branco do sur (Ceratotherium simum simum), cunha poboación de 20.150 exemplares, o que converte ao rinoceronte branco na especie de rinoceronte máis abundante do mundo.

O rinoceronte branco ten un corpo compacto e grande, e unha cabeza proporcionalmente maior que a das demais especies, pescozo curto e un peito máis ancho. Pode exceder as 3 t, adoita medir de 3,35 a 4,2 m de cabeza a cola, e mide en cruz entre 150 e 185 cm. O maior exemplar medido pesaba uns 3.600 kg. Presentan dous cornos sobre o morro; o frontal é maior que o posterior, e adoita medir uns 90 cm de longo, aínda que pode alcanzar os 1,5 m nos exemplares de maior tamaño. O rinoceronte branco posúe na caluga unha especie de avultamento que corresponde á inserción do ligamento que soporta o peso da súa impresionante cabeza. Os anchos beizos do rinoceronte branco permítenlle dar grandes dentadas nas plantas non leñosas, co que suplen a súa falta de incisivos. Adoitan alimentarse de herba curta e matos.