Manuel Gama Casalderrey, nado en Lérez (Pontevedra) o 24 de xullo 1896 e finado no Grove o 11 de maio de 1950, foi un comerciante e político galego.

Traxectoria Fillo de Faustino Gama. Foi un dinamizador político e un divulgador do marxismo entre a clase obreira pontevedresa dos anos trinta. Ligado dende moi novo á Sociedade de Agricultores de Lérez, impulsou a creación da Caja Rural de Lérez en 1925, da que sería o seu xerente até 1934. Foi un dos líderes máis significados da Federación Comarcal Agraria. No Congreso Provincial Agrario celebrado en abril de 1930 defendeu o relatorio “Estruturación económica do agrarismo".

Colaborou en Nueva Aurora, El Pueblo Gallego, Vida Agraria, El Campesino e ¡¡Revolución!!. Foi un dos fundadores de Juventud Lerezana, entidade de carácter cultural e recreativo. Na República foi elixido concelleiro na candidatura obreiro-agraria, controlada polos comunistas e formou parte da candidatura comunista nas eleccións xerais de 1933. En xuño de 1936 foi nomeado pola Deputación de Pontevedra administrador interino do sanatorio da Lanzada Miguel Gil Casares.El Ideal Gallego, 21-6-1936, p. 5.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido, ingresou en prisión o 26 de xullo, e foi posto en liberdade o 18 de xaneiro de 1938. Sufriu un arresto de tres meses polo non pagamento dunha multa de 3.000 pesetas imposta o 21 de outubro de 1937. Volveu ser detido o 9 de marzo de 1938, foi xulgado en consello de guerra o 13 de xullo de 1938, sendo condenado por auxilio á rebelión á pena de morte. Foille conmutada a pena pola de cadea perpetua e, máis tarde, a 12 anos de prisión maior. Padecía tuberculose ósea e recorreu varios cárceres. Pasou a prisión atenuada en 1943 residindo no Grove. Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Familias represaliadas: os Gama (e 3) O marxismo de Manuel Gama Casalderrey

Categoría:Personalidades do agrarismo Categoría:Xornalistas de Pontevedra Categoría:Concelleiros de Pontevedra

Categoría:Concelleiros de Galicia durante a II República Categoría:Nados en Pontevedra

Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1950