Na acepción máis común a palabra vangarda (do francés avant-garde, "garda avante") procede do léxico militar e fai referencia á forza ofensiva máis adiantada dun exército durante a contenda. Deste significado derivará a acepción xenérica de vangarda como conxunto de individuos, de ideas ou de prácticas que se anticipan ao tempo futuro. Fálase así, en sentido lato, de tecnoloxía de vangarda, de música con vocación de vangarda ou de vangarda arquitectónica.
O sentido máis estrito pertence ao ámbito das artes e das letras e asocia o termo vangarda ou vangardas ás vangardas históricas, ás veces denominadas tamén -ismos, que foron unha serie de movementos artísticos e literarios que van xurdindo desde a fin do século XIX ata a primeira metade do século XX, especialmente entre a primeira e a segunda guerra mundial.
A aparición do termo e do concepto de vangarda artística
A palabra A palabra vangarda, no campo das artes, apareceu por vez primeira no texto “L´artiste, le savant et l´industriel” (“O artista, o científico e o industrial”) asinado en 1825 por Olindes Rodrigues, discípulo do socialista utópico Saint-Simon. Tras a Revolución francesa funcionara como sinónimo de pensamento radical e utópico e fora estendendo o sentido -ao tempo que se divulgaba desde a prensa- para designar tanto os intelectuais que encabezaban os movementos revolucionarios coma os artistas opostos á arte académica oficial.
O advento do moderno Cítanse como antecedente -e incluso como data de comezo do concepto mesmo de vangarda- as exposicións que recollían desde 1863, baixo a epígrafe Salon des Refusés (O Salón dos Rexeitados), a obra dos artistas que foran excluídos do Salón de París, o escaparate anual da arte académica francesa, dominada na altura polo realismo. Algúns artistas dese salón dos desbotados foron Édouard Manet, Gustave Courbet, Paul Cézanne ou Camille Pissarro e as producións desa categoría -en principio- marxinal asentaron o concepto de arte moderna.
Manet e Cézanne, do grupo dos impresionistas, e sobre todo Vincent Van Gogh, James Ensor e Edvard Munch son algúns dos antecedentes da pintura vangardista do século XX.
No entanto, o punto de partida que se adoita establecer para as vangardas históricas é a publicación, en 1909, do Manifesto Futurista por parte de Marinetti na primeira plana do parisiense Le Figaro e declarándose en rebeldía fronte á tradición e fronte á Historia.
Orixe e definición miniatura|esquerda|A pintura de Cézanne abriu camiño para as varias experimentacións estéticas que virían a caracterizar as vangardas do inicio do Século XX. Como adoita acontecer con calquera movemento humanístico, non resulta fácil nin trazar a xenealoxía das vangardas nin marcar os límites, de seu difusos, para unha definición. A cuestión faise aínda máis complexa en canto que non existe unha correlación doada de precisar entre o máis característico de determinadas vangardas plásticas (cubismo, construtivismo, neoplasticismo...) e o que serían movementos homólogos no campo das letras, e menos aínda na música ou no cine; ocorre exactamente o mesmo na dirección inversa.
Por outra parte o termo vangarda continúa vixente: fálase dunha actitude vangardista (tan indefinible hoxe coma hai cen anos) que estaría na base da sacudida histórica, das técnicas e das temáticas atribuídas aos -ismos. Mais agora, con maior perspectiva, sabemos que aquilo que ás veces se ten concibido como práctica orixinal do vangardismo posúe un longo percorrido nas artes ou nas letras: o caligrama, por exemplo (tan característico de vangardistas coma Apollinaire) existe desde o período helenístico, da mesma maneira que a abstracción, que no inicio do XX escandalizaba un gusto hexemónico pola pintura figurativa, se encontra nas orixes do que entendemos por arte, en pleno Paleolítico.
Non existe logo unha definición capaz de abranguer, como fenómenos illados, as vangardas históricas no que teñen de orixinal. De feito un dos núcleos desa orixinalidade residiría na reivindicación ideal da autonomía do fenómeno estético que expuxeran séculos atrás o racionalismo moderno e o Romanticismo; transformada polos -ismos en postura radical contra a sociedade do seu tempo, a arte repolitízase combatendo a representación que estes consideran liquidada nun novo contexto global (urbanización, industrialización e tecnoloxías, velocidade, crise relixiosa...) invisible aos parámetros burgueses. Cómpre, polo tanto, definir as vangardas, en tanto que fenómeno caracteristicamente reactivo, desde un coñecemento profundo desas condicións e dos antagonismos políticos da época, que se aceleran ao ritmo mesmo da consigna revolucionaria.
Contexto histórico, cultural e sociopolítico O determinante que resultou o contexto para o auxe das vangardas históricas percíbese con nitidez na entrevista que Tristan Tzara, un dos fundadores do dadaísmo, concede á radio francesa. É o ano 1950:"Para comprender como naceu Dada cómpre imaxinar o estado de ánimo dun grupo de xente nova (...) en tempos da I Guerra Mundial. (...) A guerra, certamente, acabou (...) pero cara a 1916-1917 parecía que non había rematar nunca. (...) De aí o desgusto e a rebelión. Estabamos resoltamente contra a guerra, sen por iso caer nos repregamentos fáciles do pacifismo utópico. Sabiamos que só podía suprimirse a guerra extirpando a súas raíces. A impaciencia de vivir era grande: o desgusto facíase extensivo a todas as formas de civilización chamada moderna, ás súas mesmas bases, á súa lóxica e á súa linguaxe (...)". Velaquí algunhas circunstancias -varias delas sen precedentes na Historia da humanidade- que contribúen a explicar o xurdimento da vangarda: Sucesión de conflitos bélicos, agravada pola brutalidade da primeira guerra que se libra a escala planetaria e con medios industriais. Consolidación, tras o pulo inicial de Marx e de Engels, das organizacións socialistas, comunistas e anarquistas en todo o mundo industrializado e -como reacción ante elas e ante a vitoria da Revolución Bolxevique- o ascenso dos fascismos. A loita radical contra o statu quo político toma daquela dúas formas antagónicas: por un lado, a da crítica contra a guerra e contra os imperialismos; a supresión da burguesía e da división en clases, mesmo do Estado, pasa a formar parte esencial dos programas políticos revolucionarios. No bando fascista as teorías totalitarias glorifican a violencia, a guerra, o patriarcado e os imperios. Profundos cambios na vida cotiá alí onde se deu a industrialización -especialmente as grandes urbes- unida aos sucesivos e rapidísimos avances tecnolóxicos (transporte aéreo, luz eléctrica, transporte terrestre sen tracción animal, radio, telefonía por cable...). Crítica da mercantilización capitalista en todas as ordes da vida e reivindicación do papel do artista, agora enfrontado á ideoloxía do venal e polo tanto aos poderes que lle ofrecen benestar en troco da submisión. Crise progresiva ("morte de Deus") da hexemonía do cristianismo. Novas disciplinas coma a Psicoloxía (William James) e as diversas pólas da Psicanálise (S. Freud, C.G. Jung) reformulan a visión do ser humano tanto acerca de si mesmo coma da súa mente, motivacións e conduta. Crise do paradigma físico-matemático moderno (Newton) para explicar a Natureza e eclosión de novas teorías científicas: relatividade, mecánica cuántica. Redescubrimento nos cinco continentes das sociedades e das culturas que se tiveran por primitivas, especialmente as africanas e as asiáticas. A tecnoloxía produce soportes artísticos inéditos. A fotografía e o cine cuestionan a estratexia das artes vixentes.
Elementos comúns Sendo pois as vangardas históricas un conxunto de movementos dispares, en ocasións antagónicos, resultan escasos os elementos que poderían constituírse en factor común da maioría delas:
Radicalidade na interpretación dos problemas sociopolíticos e na intervención fronte a estes, que adoita funcionar a través de grupos. Moitos líderes vangardistas participan de xeito militante na loita partidaria e posteriormente en cada un dos bandos da segunda guerra mundial. Vocación de estendérense máis alá do nacional, sexa desde a solidariedade internacionalista (no caso das vangardas vinculadas aos movementos revolucionarios) ou mediante a agresión imperialista (nos -ismos vinculados á ideoloxía totalitaria) Rexeitamento visceral das producións e institucións artísticas, literarias, musicais etc. do período anterior, que se definen despectivamente como burguesas e se caracterizan con trazo negativo (inutilidade, falsidade, superficialidade, conformismo, imitación...). Reivindicación dalgún signo de contemporaneidade: novas teorías humanísticas ou científicas, paisaxes urbanas, artefactos para a produción industrial, medios modernos de transporte e locomoción, aparellos eléctricos, deportes de masas... As dúas posturas anteriores escollen con frecuencia a publicación de un ou varios manifestos como documentos fundacionais que adiantan as intencións do grupo, a súa ideoloxía e a liña estética que proclama.
As vangardas históricas ou -ismos
Censura e recoñecemento serodio das vangardas do leste de Europa O consenso especialista no estudo da literatura e das artes, mentres durou a Guerra Fría, confinou a área de influencia das diversas vangardas á Europa Occidental e mais a América, con París como núcleo principal de irradiación xunto a Zürich, Berlín ou Nova York. Houbo que agardar pola caída da URSS para que os centros críticos internacionais desvelasen a transcendencia de Moscova e doutras cidades á hora de comprender sen exclusións as vangardas históricas, así coma a influencia enorme dos revolucionarios e (pre)revolucionarias do Leste no percorrido das artes da Europa capitalista. Foi na exposición The Great Utopia, celebrada polo Museo Guggenheim neoiorquino en 1992, cando se recoñeceron algúns efectos da censura artística nas democracias occidentais. Durante décadas tanto a pintura coma a literatura feita polos nomes que participaron na Revolución de Outubro (Varvara Stepánova, Kasimir Malévich, Olga Rozanova, Liubov Popova, Vladimir Maiakovski...) foron parcial ou totalmente silenciadas tanto no bando capitalista coma no tardosoviético e só nos albores do XXI puido despregarse unha visión en verdade global da composición e ideoloxía do movemento vangardista.
Os -ismos A máis precisa definición das vangardas históricas é, daquela, a suma das caracterizacións de cada un dos seus -ismos: Futurismo: o seu creador foi o italiano Marinetti, que en 1909 publicou o manifesto do futurismo. Caracterízase pola ruptura coas tradiciónsMicheli 1979, pp. 229–259 (fundamentalmente a literaria e a estética) e a condena do clasicismo artístico baseado na quietude das formas. Fronte a esta exalta a modernidade, o futuro xa presente na velocidade e nas máquinas: "(...) un coche de carreiras, que parece correr sobre metralla, é máis fermoso ca a Vitoria de Samotracia". Agresivo e provocador desde os seus inicios, anticipa a posta en escena do movemento Dadá e serve como amálgama dun conxunto dispar de ideas que van desde o nacionalismo belicista ata o anarquismo. Na vertente literaria as súas "palabras en liberdade" rompen coas normas sintácticas e ortográficas: chega a substituírse a puntuación por signos musicais ou matemáticos para conseguir maior fluidez verbal e elimínanse convencións (comezando pola métrica e pola disposición regular dos versos). O futurismo escollerá asemade un léxico con abondosos tecnicismos e barbarismos.