Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.

Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.

Empregou os pseudónimos de Eduardo Colmeiro, Erik Larsson, Fernando Cadaval, Ilex, José Loureiro, Leopoldo Calero, Martinho Dumbria, Namiq Ziyá, P. F. (Pauviños Fontenla) .

Traxectoria

miniatura|esquerda|Casa natal, en ruínas, en 2018. Naceu na rúa San Francisco do Ferrol Vello, sendo o primoxénito do empresario Gabriel Ricardo Carballo Naia e de Dolores Calero Beltrán, que terán cinco fillos máis, dous deles mortos nos primeiros anos de vida. Tras cursar os seus primeiros estudos no Colexio Comellas, tendo como titor o escritor Manuel Comellas«Centenário Carvalho Calero. Cronologia» Academia Galega da Língua Portuguesa., cursou por libre o bacharelato e trasladouse a Compostela en 1926 para estudar Dereito (licenciouse en 1931) e Filosofía e Letras (licenciado en 1935) e cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da época, especialmente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política de Carballo, integrado no movemento nacionalista e tomando parte no activismo estudantil na Federación Universitaria Escolar, da que chegou a ser presidente. En 1931 participou na creación do Partido Galeguista e contribuíu á redacción dun dos anteproxectos non considerados para o Estatuto da Galicia. En 1933 volveu a Ferrol, gañou a praza de auxiliar administrativo no Concello da cidade e casou con María Ignacia Ramos, licenciada en Historia e compañeira de estudos universitarios.

Nestes anos Carballo Calero contribuíu con numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.

Estudou por libre a carreira de Filosofía e Letras, licenciándose en 1936 pola Universidade de Santiago de Compostela, participando ao mesmo tempo activamente no movemento galeguista tanto a nivel local como nacional, sendo nomeado presidente do partido en Ferrol. En abril de 1936 foi elixido compromisario pola provincia da Coruña para a elección do presidente da República dentro da candidatura da Fronte Popular.El Correo Gallego, 28/4/1936, p. 1.

Golpe de estado, defensa da República e cárcere O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid no momento en que concorría ás probas para profesor de instituto en Lingua e Literatura Española. Carballo decantouse polo bando republicano, entrando en combate como miliciano no batallón Félix Bárzana da FETE-UGT, o sindicato no que Calero militaba, co grao de tenente e participou na defensa de Madrid. Caeu prendido no fin da guerra, na fronte de Andalucía, e foi condenado en consello de guerra a 12 anos por separatista e recluído no cárcere de Xaén. A etapa de prisión foi aproveitada por Carballo para estudar alemán. A súa novela Scórpio recolle a experiencia vital deses anos, tal como, en certa medida, a comedia A sombra de Orfeo, a peza teatral Os xefes, de 1982 e algúns poemas, como Fugíamos da nossa vila, incluído na colectánea Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).

En 1941 saíu en liberdade provisional volvendo para Galiza, e regresando á súa cidade natal.Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en marzo de 1941 por ser directivo do Partido Galeguista, que foi sobresido en setembro de 1944.Expediente de responsabilidades políticas de Ricardo Carballo Calero e outros Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), no que exerceu como "conselleiro delegado", pois non estaba autorizado para ser director.

Ditadura franquista Restableceu os contactos cos galeguistas que ficaran no país, moi especialmente con Francisco Fernández del Riego, con quen mantivera correspondencia desde o cárcere.Epistolario a Fernández del Riego (2006). Editorial Galaxia. En paralelo ao seu labor docente desenvolveu nestes anos un importante traballo investigador, iniciado coa tese de doutoramento Aportaciones fundamentales a la literatura gallega contemporánea, dirixida por Santiago Montero Díaz, defendida en Madrid o 9 de decembro de 1954 coa cualificación de premio extraordinario e publicada en 1955 na colección Gredos co título Aportaciones a la literatura gallega contemporánea.

A proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xesús Ferro Couselo, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 17 de maio de 1958, pronunciando o discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, que foi respondido por Otero Pedrayo. Logo de varios anos de traballo en 1963 publicou a obra Historia da literatura galega contemporánea, feita por encargo de Editorial Galaxia.

En 1965 autorizóuselle a exercer o ensino público como agregado de instituto no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, ao tempo que comeza a impartir aulas de galego na universidade. En 1967 foi galardoado co Pedrón de Ouro. Por fin, en 1972 obtivo por oposición a cátedra compostelá de Lingüística e Literatura Galega acabada de crear. Últimos anos miniatura|200px|En Vida Gallega en 1928. Os estudos de Carballo atinxiron igualmente a lingua. Recollendo a herdanza dos autores do Primeiro Rexurdimento e os traballos do profesor Manuel Rodrigues Lapa, Carballo Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terían continuidade no movemento reintegracionista, feito que lle impelería a asinar como Carvalho Calero pero tamén lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como editor dos clásicos.

En 1979 foi nomeado por Alejandrino Fernández Barreiro, responsable do departamento de educación da Xunta Preautonómica, presidente da comisión encargada de establecer unhas normas lingüísticas para o uso administrativo da lingua galega. Xubilouse en 1980 mais mantivo a súa actividade creadora e seguiu colaborando con diversas asociacións, como a Associaçom Galega da Língua (AGAL), de tendencia lusista, e da cal era membro de honra. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciências de Lisboa.

O escritor Autor dunha extensa obra literaria e de creación, sobre lingua e sobre literatura.

Narrativa Henrique Dacosta sinala catro eixes temáticos na súa narrativa:

Narracións que orbitan arredor da crise da fidalguía (A xente da Barreira, 1951). Narracións centradas no imaxinario autobiográfico do autor (Scórpio, 1987). Narracións de natureza introspectiva (Aos amores serodios, 1979). Narracións de natureza allea ou foránea, mesmo exótica (A cegoña, 1975)

Poesía Foi o xénero co que se sentiu máis identificado. A poesía "era unha sorte de relicario, un precioso ben ao que se aferrar por se tratar dun instrumento necesario sobre o que verter as súas inquedanzas, dúbidas, alegrías, pensamentos... Os poemas posteriores á guerra civil son máis sombríos que os precedentes... Frecuenta o clasicismo con referencias de natureza histórico-cultural."

Segundo Pilar Pallarés "a súa poesía conecta intimamente coa europea e é testemuño, temática e esteticamente, dun século XX do que Carvalho se recoñece fillo". A súa obra poética, na que hai modernismo, neotrobadorismo, hilozoísmo, creacionismo, ultraísmo etc é ampla: (Pretérito imperfeito 1927-1961 -que recolle os primeiros libros-; 1980, Futuro condicional (1961-1980), 1982; Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985), 1986; Reticências... (1986-1989), 1990).

miniatura|170px|Nº 1 de Grial, 1963. Teatro Segundo Henrique Monteagudo "A súa produción dramática, relativamente ampla, e en parte relacionada coa súa actividade didáctica no Colexio Fingoi, sitúase entre a tradición galega, estilizando a temática popular, e a conexión co teatro europeo coetáneo (teatro do absurdo), entre o clasicismo e a experimentación, con técnicas do teatro chinés, fórmulas expresionistas e aproximacións á linguaxe cinematográfica." O seu teatro fala dos problemas da comunicación humana, da maternidade, do fracaso do amor, da comprensión e a sátira contra a ambigüidade política. En Teatro completo (1982) recóllense as súas creacións, "Farsa das zocas" (Grial nº 1, 1963) é a máis coñecida.

Ensaio Destacou no campo da crítica literaria con Sete poetas galegos (1955), Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), Libros e autores galegos I e II (1979, 1982), Estudios rosalianos (1979) e Letras galegas (1984). E a obra máis extensa para o coñecemento da literatura galega Historia da literatura galega contemporánea (1963 e 1975), fonte indispensable para os estudos posteriores. Ademais de estudoso de Rosalía de Castro foi tamén editor de importantes figuras da literatura galega (Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas..).

É autor, tamén, dunha Gramática elemental del gallego común (1966), a máis completa ata ese momento e a primeira ferramenta para o ensino da lingua galega. Ademais destacan, entre outras, Problemas da língua galega (1981) e Da fala e da escrita (1983).

Legado miniatura|275px|Cunqueiro, Fernández del Riego e Carballo Calero en Compostela nos anos trinta. Desde 1997 a súa biblioteca persoal forma parte dos fondos bibliográficos do Parlamento de Galicia, adquirida xunto co seu arquivo persoal. A colección está formada por 4.872 volumes de monografías e coleccións de 197 títulos de revistas. Entre o heteroxéneo material da colección destacan documentos persoais e docentes, correspondencia, expedientes e recortes de prensa, obra propia e allea, así como material gráfico (láminas, mapas, planos e carteis). Os fondos atópanse nunha das salas da biblioteca parlamentaria que leva precisamente o nome de “Sala Carballo Calero”.O pazo do Hórreo na páxina web do Parlamento de Galicia.

Cátedra Carvalho Calero En 2024 a Universidade de Santiago de Compostela creou a cátedra institucional Carbalho Calero, que ten por finalidade central a investigación, divulgación e promoción nacional e internacional da obra de Ricardo Carvalho Calero. É igualmente da súa incumbencia fomentar o estudo da literatura galega contemporánea. Creouse por acordo do consello de goberno da USC o 26 de abril de 2024. O 28 de xuño dese ano nomeouse Carlos Quiroga como primeiro director, e a cátedra inaugurouse de forma oficial o 23 de setembro de 2025.

Obra en galego

Obra completa

Ricardo Carvalho Calero. Obra literaria: poesía, teatro e narrativa (2022). Manuel Castelao Mexuto e María Pilar García Negro (Eds.). Biblos. 670 páxs. ISBN 978-84-15086-54-3.

Poesía miniatura|Exemplar numerado e rubricado de Cantigas de amigo e outros poemas. Vieiros (1931). A Coruña: Ed. Nós. O silenzo axionllado (1934). Santiago: Ed. Nós. O trebo das catro follas (1944). Ed. de Carmen Blanco en Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero, tomo I, 123-40, Santiago: Parlamento-USC (2000). Anjo de terra (1950). Pontevedra: Gráficas Torres. Colección Benito Soto. Poemas pendurados dun cabelo (1952). Lugo: Colección Xistral. Salterio de Fingoy (1961). Colección Salnés, Vigo: Galaxia.Salterio de Fingoy en Google Books.