miniatura|180px|Arpóns e paus da Idade de Pedra A Idade de Pedra é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.
Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e polo tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais prehumana.
A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a. C. e 2500 a. C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.
África África é o berce da humanidade e actualmente o continente con máis pobos primitivos superviventes, disto dedúcese que a Prehistoria de África é a máis longa e complexa de todo o globo.
A diferenza de Eurasia e, incluso, de América, os cambios climáticos ocorridos durante a Prehistoria no continente africano non foron glaciacións, senón períodos de maior humidade, chamados pluviais, alternados con outros de máis aridez, interpluviais, aínda que a súa determinación e cronoloxía son bastante difíciles de delimitar (para algúns os episodios pluviais correspóndense coas glaciacións, para outros, cos interglaciares): Kagueriense: sería o pluvial coñecido de maior antigüidade, identificado no val do río Kaguera (Uganda) e coetáneo coa glaciación Günz centroeuropea. Kamasiense: ou segundo episodio pluvial, coetáneo coa glaciación Mindel europea. A súa duración e as súas fases son tema de forte controversia. Kanjeriense: ou terceiro pluvial, recibe o seu nome dunha pequena localidade de Kenya coñecida como Kanjera, que se atopa á beira do lago Vitoria, onde ademais se localizaron algúns asentamentos olduvaienses. Aínda que o Kanjeriense sería contemporáneo do Riss centroeuropeo, hai quen o considera un estadio subsidiario do Kamasiense. Gambliense: Existe unha dúbida sobre se consideralo o terceiro ou o cuarto pluvial africano (dependendo da categoría que se lle dea ao Kanjeriense). En calquera caso, adoita asociarse á última glaciación, o Würm centroeuropeo. Identificouse por primeira vez nos sedimentos da cova de Gamble (Gamble's cave), na localidade de Elmenteita (Kenya), onde Louis Leakey o asociou co Stillbaiense. Makaliense: este episodio non é pluvial, senón unha fase húmida; demostrouse a súa existencia nos sedimentos do río Makalia (Kenya). Sucedeu a un período árido coñecido coma Postgambliense e ambos os dous parecen ser contemporáneos do período posglacial europeo. Aparentemente, o Makaliense asóciase estreitamente ao desenvolvemento da cultura Wilton no sur do continente.
Norte de África 150px|dereita A África Mediterránea ten durante a Idade de Pedra, unha periodización esencialmente paralela á europea, cando menos ata o Neolítico, pero despois, a influencia da civilización exipcia e a chegada de colonizadores fenicios acelera o ritmo evolutivo en relación a Europa.
O Paleolítico
As culturas máis antigas pódense inserir no Olduvaiense, localizado en sitios arqueolóxicos coma Sidi Abderramán en Casablanca (Marrocos), estudado polo profesor Pierre Biberson e datado en preto dun millón de anos, o que puido establecer unha transición gradual desde unha cultura na que predominan os croios tallados, ata outra na que o biface é o fósil director. As industrias de Sidi Abderramán poderían vincularse ao tipo humano atopado por Camille Arambourg en Ternifine (Alxeria), o denominado Atlanthropus mauritanicus (en realidade unha variedade de Homo heidelbergensis).}}
O Achelense é moi antigo e moi abundante nesta zona; destacan, entre outros, sitios arqueolóxicos coma Sidi Zin (Tunisia), Ain Fritissa (Marrocos), Arka, Erg Tihodaine, Tachengit e Tabelbalá (todos en Alxeria); Abbassieh, Kharga e Gurnah (estes en Exipto). Só en Alxeria foi posible establecer unha secuencia completa do Achelense norteafricano (entre 800.000 e 100.000 anos de antigüidade), especialmente rico en fendedores, amais de bifaces.
Liña do tempo do Paleolítico inferior e medio no Norte de África
O Paleolítico medio norteafricano nace coa chegada dos neandertais, probablemente procedentes de Europa, portando a súa cultura Musteriana. Recentemente reavivouse a controversia sobre o itinerario que seguiron os neandertais entre África e Europa, xa que, aínda que se chegara ao consenso de que foi a través do Próximo Oriente, recentes descubertas parecen demostrar que polo menos houbo comunicación a través do estreito de Xibraltar, probablemente en ambos os dous sentidos. Porén, o Paleolítico medio norteafricano, tan similar ao europeo ata hai pouco máis de 50.000 anos, inicia un período ocupado por unha industria sen paralelo, denominada cultura Ateriense, que recibe o nome do sitio arqueolóxico de Bir el-Ater, en Alxeria. O Ateriense é moi similar ao musteriano e, de feito, algúns sosteñen que deriva deste, pero se distingue del porque a maior parte dos útiles son pedunculados (raspadeiras, puntas, raedeiras etc.) e pezas foliáceas con retoque cubrinte. Asóciase ao tipo humano de Jebel Irhoud (Marrocos). O Ateriense é moi abundante durante uns 20.000 anos (Bir el-Ater, Taforalt, Temara, Dar-es-Soltan...), pero hai 30.000 anos comeza o seu declinio, aínda que perdura marxinalmente deica o Holoceno, hai 12.000 anos. O Ateriense asóciase a condicións climáticas secas, polo que a súa máxima expansión coincide con períodos de aridez. De feito, sospéitase que as súas raigañas se afunden ata o ano 70.000 a. C.; en troques, o seu ocaso é froito dun clima máis benigno no Sáhara, o que provocou a chegada de pobos máis avanzados, humanos modernos con culturas laminares, fundamentalmente a Iberomaurisiense e outras que se citan a continuación. De todos os xeitos, durante varias decenas de miles de anos as industrias aterienses conviven coas industrias laminares, ocupando nichos ecolóxicos diferentes.
O Paleolítico superior tampouco é igual ao europeo, pois o conxunto de culturas que se dan no norte de África é diferente. A máis coñecida é a Iberomaurisiense ou Oraniense, unha facies cultural propia do Magreb que nace algo antes do 30.000 a. C. e mantén unha extensa lonxevidade, pois aínda permanece presente ao comezo do Mesolítico, desaparecendo hai uns 8.000 anos. A súa orixe e características son aínda tema de debate, e de feito teñen sido obxecto de todo tipo de especulacións sobre a súa raigaña ateriense, para uns, traída por inmigrantes da Península Ibérica, segundo os que lle deron o seu nome, e de procedencia oriental (chegada de primitivos modernos) segundo a maioría. É unha cultura leptolítica, isto é, laminar: na que as follas líticas xa son esenciais como soportes para todo tipo de trebellos, obtidos por medio de retoque abrupto, e que co tempo tende á microlitización, documentándose, incluso a técnica do microburil. Asóciase a restos humanos de aspecto cromanoide europeo, coma os de Mecha el-Arbi e Afalou Bou Rummel;En moitos dos restos tense comprobado que os incisivos eran extirpados voluntariamente (como ocorre con algunhas tribos primitivas actuais; é o que se denomina avulsión de incisivos). pero tamén ten moitas semellanzas con industrias de zonas situadas máis ao leste, sen que se puidese pescudar cal delas é a máis antiga. Isto refírese a culturas coma a Dabbaniense (Libia), a Mochambiense, a Qadense e outras culturas do val do Nilo, dunha antigüidade mínima de 40.000 anos, con numerosas raspadeiras, raedeiras, burís e follas de bordo abatido. O microlitismo aparece moi cedo, contra a 14.000 anos de antigüidade; estas culturas variadas e, ao tempo, semellantes, enlazan co Capsiense epipaleolítico.
Liña do tempo do Paleolítico ao Neolítico no Magreb
O Epipaleolítico
A cultura máis importante desta fase é, sen dúbida, a Capsiense, unha cultura bastante serodia, incluso para o Mesolítico e que, de feito, sobreviviu ao Neolítico baixo a denominación de Neolítico de tradición capsiense. De todos os xeitos o Capsiense foi definido por J. de Morgan no sitio arqueolóxico de El-Mekta, preto de Gafsa (Tunisia), pero a súa influencia supera a rexión do Magreb, acadando a Cirenaica e mesmo as ribeiras do val do Nilo. Os sitios arqueolóxicos capsienses adoitan ter unha gran cantidade de cunchas de orixe bromatolóxico, chamados cuncheiros, e unha industria lítica laminar e microlítica, con trapecios e triángulos, á que se suman ovos de avestruz, usados como recipientes, moitas das veces decorados. O Capsiense poderíase asociar aos restos humanos de Ain Dakkara, en Libia, coas impresionantes manifestacións rupestres de Tassili e outros rochedos saharianos.
miniatura|center|500px|<center></small>Principais asentamentos do Iberomaurisiense e do Capsiense no Magreb
Neolítico norteafricano
Zona occidental O primeiro neolítico do litoral do norte de África pertence ao horizonte de cerámica Cardial, de principios do sétimo milenio (o hábitat principal eran as covas nas que, canda restos de cerámica impresa e probas de pervivencia da caza, atópanse outras que demostran que xa se practicaba a agricultura, a gandaría e o marisqueo). No occidente a cultura de orixe local tamén se sumou ás innovacións, nacendo o chamado Neolítico de tradición capsiense, que predomina na área do Magreb, dende antes do 5000 a. C. ata despois do 2000 a. C. Este neolítico caracterízase por un florecemento nas técnicas de talla do sílex (ao principio predominan os microlitos xeométricos, pero son substituídos por puntas de frecha foliáceas). A gandaría e a caza son as actividades principais, sendo a agricultura algo secundario; a cerámica é groseira e sen decoración e compite coas perfias feitas con ovos de avestruz, algunhas ricamente decoradas.
Zona central Aparece, nun proceso similar ao anterior e unha cronoloxía coetánea, o Neolítico Sáharo-Sudanés, que, aínda que semellante ao Capsiense (ambos os dous son pobos seminómades de pastores e cazadores), e é posible que teña moita relación con el, destaca polo seu maior nivel de desenvolvemento, unha coidada cerámica, profusamente decorada con incisións e impresións, e inhumacións en posición contraída, con ocre e un enxoval con ornamentos de cornalina, amazonita, calcedonia ou almafí. Atribúeselle unha arte rupestre en abrigos e palas repartidas polo deserto. Zona do Nilo