Richard Bach, nado en Oak Park (Illinois) o 23 de xuño de 1936, é un escritor e piloto de aviación estadounidense. A súa obra máis coñecida é Jonathan Livingston Seagull (1970), que se converteu nun best-séller e que foi levada ao cine en 1973 por Hall Bartlett.

Traxectoria É fillo de Roland Robert e Ruth Helen Shaw. Xa de neno marchou coa familia a Long Beach (California), e estudou no Long Beach State College. Graduouse na California State University como mecánico de fabricación de avións e de estacións xeradoras de enerxía.

Entre 1957 e 1962 foi piloto da USAF. Nesa época comezou a escribir artigos para revistas especializadas en aviación, converténdose en 1963 en editor da revista Flying, cargo que ocupou até 1964. Durante a súa carreira como piloto desempeñou diversos oficios asociados á aviación, como instrutor de voo, piloto de voos charter, mecánico de aviación en Iowa e piloto acrobático na Creature Enterprises Inc. En 1970 foi nomeado presidente da aeroliña Trans-creature. En 1974 actuou como piloto de espectáculos aéreos, e en 1975 foi profesor de Filosofía do Voo na Universidade de Embry Riddle.

Obra Case todos os seus textos teñen relación co voo e os avións. O seu maior éxito foi Jonathan Livingston Seagull, que conta a historia dunha gaivota nova que aprende a sobrepoñerse á súas limitacións e consegue traspasar os límites naturais nunha alegoría que destaca a liberdade individual e o afán de superación. Nela é patente a paixón que o autor sente polo voo como sinónimo de liberdade e de afastamento dos problemas terreais. A novela obtivo o premio Nene.

Cando se realizou o guión para a adaptación cinematográfica, houbo cambios no argumento cos que Richard Bach non estaba de acordo, polo que demandou á produtora. Trala mediación de Leslie Parrish, con quen posteriormente casou, as dúas partes chegaron a un acordo e finalmente o proxecto saíu adiante.

Fixo un guión para unha película baseada na popular serie de ciencia ficción Star Trek, que ía titularse Star Trek: Fase II. Porén, o seu traballo foi desestimado en favor do que sería o guión definitivo, titulado Star Trek: The Film.

Stranger to the Ground (1963). Biplane (1966). Nothing by Chance (1969). Jonathan Livingston Seagull (1970). A Gift of Wings (1974). There's No Such Place as Far Away (1976). Illusions: The Adventures of a Reluctant Messiah (1977). The Bridge Across Forever: A Love Story (1984). One (1988). Running from Safety (1995). Out of my Mind (2000). Messiah's Handbook: Reminders for the Advanced Soul (2004). Curious Lives: Adventures from the Ferret Chronicles (2005). Thank your Wicked Parents (2012).

Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Nados en 1936 Categoría:Nados en Oak Park, Illinois Categoría:Aviadores dos Estados Unidos de América