ISO (acrónimo de Infrared Space Observatory) foi un observatorio espacial da Axencia Espacial Europea lanzado o 17 de novembro de 1995 mediante un foguete Ariane 44P desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.

Características ISO foi lanzado para facer observacións astronómicas no infravermello cunha sensibilidade mil veces superior ó do observatorio espacial IRAS grazas á súa capacidade de permanecer observando un mesmo obxecto durante horas. Entre as observacións de interese contábanse as ondas de densidade no medio interestelar e a súa contribución á formación estelar e o estudo dos planetas xigantes, os asteroides e os cometas do sistema solar.

O telescopio de ISO era de tipo Ritchey-Chretien, cunha apertura de 60 cm e un campo de visión de 20 minutos de arco, cunha precisión no apuntado de 5 segundos de arco. Podía observar no rango de lonxitudes de onda entre 2 e 120 micrómetros e os instrumentos estaban refrixerados ata os 1,9 K mediante helio e hidróxeno líquidos. Cada órbita proporcionaba unhas dez horas de observación. Os datos transmitíanse a 44 kbps.

ISO foi inxectado nunha órbita inicial de 70.998 km de apoxeo e 990 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 5,2 graos e un período de 1440 minutos. O helio e hidróxeno refrixerantes esgotáronse o 8 de abril de 1998, tras do cal algúns instrumentos seguiron observando durante unhas 150 horas ata que a temperatura subiu demasiado. Durante o mes posterior ISO foi usado para facer probas dalgúns dos seus elementos fora do rango normal de condicións de uso e máis tarde baixouse o seu perihelio para asegurarse de que acabará reentrando na atmosfera entre 20 e 30 anos a partir da data en que deixou de funcionar. ISO foi apagado definitivamente o 16 de maio de 1998.

Instrumentos

ISO levaba os seguintes instrumentos a bordo:

Cámara infravermella (ISOCAM): cámara de alta resolución con dous detectores para lonxitudes de onda entre 2,5 e 17 micrómetros. Fotopolarímetro (ISOPHOT): deseñado para medir a cantidade de radiación infravermella emitida polos obxectos astronómicos entre 2,4 e 240 micrómetros. Espectrómetro de onda curta (SWS): espectrómetro para o intervalo entre 2,4 e 45 micrómetros para obter información sobre a composición química, densidade e temperatura. Espectrómetro de onda longa (LWS): espectrómetro para o intervalo entre 45 e 196,8 micrómetros para obter información sobre a composición química, densidade e temperatura de obxectos moito máis fríos que os que podía observar o SWS, como nubes de po frías interestelares.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina do ISO na ESA

Categoría:Observatorios espaciais Categoría:Axencia Espacial Europea