Sergio Vázquez Yebra, nado en Chantada en 1935 e finado en Vigo o 7 de xuño de 2014, foi un avogado e político galego.
Traxectoria Nas eleccións municipais de 1983 encabezou a candidatura de Coalición Galega e foi elixido alcalde de Chantada con maioría absoluta. Nas municipais de 1987 presentouse por AP e volveu obter a alcaldía con maioría absoluta. Nas municipais de 1991, trala súa exclusión como cabeza de lista do PPdeG, encabezou a Agrupación Independente de Chantada coa que logrou 6 concelleiros e foi a segunda forza máis votada tralos populares. Desta forma apoiou a elección como alcalde do candidato de Chantada Nova Manuel Anxo Taboada Rodríguez, pese a que lograra 3 concelleiros, e pasou a selo primeiro tenente de alcalde baixo o goberno tripartito que formaron as dúas formacións independentes e o PSdeG. Nas municipais de 1995 encabezou Independentes de Chantada e logrou 3 concelleiros, pasando a sela terceira forza política tras Chantada Nova e PPdeG, sendo a chave de goberno entre estas dúas formacións que contaban con 6 concelleiros. Ante a falta de acordo na investidura continuou como alcalde Taboada ao ser o cabeza da lista máis votada. Porén, en xaneiro de 1996 apoiou unha moción de censura que fixo alcalde ao candidato do PPdeG Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, pasando a ser o primeiro tenente de alcalde.
A moción de censura supuxo o regreso dos independentes ás filas populares, polo que nas municipais de 1999 e 2003 formou parte da lista do PPdeG como número 2 e 5, respectivamente, logrando esta a vitoria por maioría absoluta en ambas ocasións con Varela como candidato, sendo primeiro tenente de alcalde na primeira lexislatura e concelleiro de urbanismo na segunda. En 2011 pechou a lista do PPdeG, o cal se vira afectado por unha escisión de Varela.
Distincións
En 2012 concedéronlle o Billó de Ouro.
Vida persoal Foi irmán de José Manuel Vázquez Yebra, que xa fora alcalde de Chantada durante o franquismo.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Chantada
Ligazóns externas
Falamos con Sergio Vázquez Yebra que recibirá o Billó de Ouro 2012
Categoría:Alcaldes de Chantada Categoría:Alcaldes de Galicia por Coalición Galega Categoría:Alcaldes de Galicia polo PPdeG Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Chantada Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes