As Vibrionáceas ou Vibrionaceae son unha familia do filo Proteobacteria, e única familia da orde Vibrionales. Habitan as augas doces e salgadas, hai varias especies patóxenas, como Vibrio cholerae, causante do cólera. A maioría das bacterias bioluminescentes pertence a esta familia, e son xeralmente simbiontes de animais do mar profundo.

As Vibrionaceae son organismos gramnegativos e anaerobios facultativos, con capacidade de fermentación. Conteñen oxidase e presentan un ou máis flaxelos, que son xeralmente polares. Orixinalmente, estas eran as características que definían a familia, que foi dividida en catro xéneros. Deses catro, dous, Vibrio e Photobacterium, seguen manténdose no grupo moderno, ao cal se engadiron despois outros varios xéneros máis. Polo contrario, os estudos xenéticos mostraron que os outros dous xéneros orixinais da familia, Aeromonas e Plesiomonas, pertencían a outras familias. A familia Vibrionaceae actualmente comprende oito xéneros validamente publicados, que son: Aliivibrio, Catenococcus, Enterovibrio, Grimontia, Listonella, Photobacterium, Salinivibrio, e Vibrio; aínda que o status de Listonella foi cuestionado.

Algúns membros desta familia tamén sintetizan a tetrodotoxina (TTX), un alcaloide mariño e poderosa neurotoxina (inhibe a bomba de Na+, e 1 mg pode matar a un home adulto). Viven en simbiose cos peixes da orde dos Tetraodontiformes, ao que pertence ao fugu, que adquiren así a toxina. Moitas outras vibrionáceas viven en simbiose con organismos mariños. No caso do peixe fugu, e outros organismos mariños que levan bacterias vibrionáceas produtoras de TTX, a simbiose é moi antiga, e proporciona aos organismos que albergan a estas bacterias protección contra a predación, mentres que as bacterias atopan neles un medio protexido e con moitos nutrientes onde crecer.

Patoloxía

Unha característica da familia é o amplo rango de hóspedes susceptibles de ser infectados polos vibrios. Son patóxenos do home, ademais de V. cholerae, as especies V. parahemolyticus, que causa gastroenterite, e V. vulnificus que pode orixinar unha septicemia aguda e mortal. Outras especies de Vibrionaceae están asociadas con enfermidades nunha ampla variedade de peixes, e unha das máis salientables é a septicemia causada por Vibrio anguillarum en salmónidos do Atlántico criados en catividade e troitas arco da vella. Especies como V. tubiashii causan enfermidades en estadios larvais da ostra do Pacífico (Crassostrea gigas), e V. harveyi causa a vibriose luminosa en crustáceos peneidos (gambas). Pola súa parte, V. mediterranei e V. coralliilyticus poden infectar zooxantelas, os simbiontes do coral; estas especies de Vibrio crese que poden ser unha das causas do branqueamento do coral.

Notas

Categoría:Vibrionales