Peponocephala electra é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Peponocephala.

Está estreitamente relacionada con Feresa attenuata e cos caldeiróns.

Taxonomía Debido á dificultade para estudala (a maioría dos datos científicos chegaron a partir de varamentos), a posición taxonómica desta especie está pouco clara. Foi definida en 1846 por John Edward Gray, co nome de Lagenorhynchus electra,Gray, J. E. (1846): Zool. Voy. H.M.S. "Erebus" and "Terror", 1: 35. e até 1966 clasificouse no xénero Lagenorhynchus, data en que se reclasificou no novo xénero, propio, Peponocephala (literalmente, "a de cabeza de melón"), creado por Nishiwaki e Norris,Mishiwaki e Norris (1966): Sci. Rep. Whales Res. Inst., 20: 95. e situada dentro da subfamilia dos globicefalinos en 1973 por Kasuya e, posteriormente, por moitos outros autores.Paleobiology Database .

Descrición As principais características de Peponocephala electra son:Carwardine, M. (1995), pp. 156-157.

Corpo en forma que recorda á dun torpedo, de coloración gris máis ou menos escura. Cabeza delgada, estreita, que se vai adelgazando cara á punta, roma, e cunha máscara escura que chega até detrás do ollo. Aletas pectorais longas e rematadas en punta, e aleta dorsal alta, falciforme. Cando se ve de perfil, a cabeza non é tan arredondada como a de Feressa attenuata, e isto pode ser de axuda para a identificación.

Comportamento É capaz de nadar moi rápido, especialmente cando se asusta. Realiza saltos fóra da auga cando viaxa a gran velocidade, producindo moita escuma ao caer. Os individuos que nadan lentamente poden ás veces sacar a cabeza fóra da auga. Polo xeral desconfía dos barcos. Moi gregaria, reúnese en grupos de gran número de individuos (de 100 a 1 000).

Distribución e poboación Pouco se sabe sobre esta especie, pero a súa distribución é ampla xa que habita en todos os océanos tropicais e subtropicais, e pode aparecer en calquera parte en zonas de augas profundas. Parece ser bastante común en Filipinas (en especial ao longo da costa da illa de Cebú).

O seu estado de conservación foi cualificado en 1994 pola UICN como "CC" (sen datos suficentes) pero, en 2008, e aínda que non se dispoñen de datos globais da abundancia da especie ou da tendencia á súa evolución, calculábase que nesa data contaba polo menos con 50 000 individuos, e entre as ameazas que poderían provocar caídas xeneralizadas da poboación estarían os altos niveis de ruídos antropoxénicos, especialmente de sonares militares e de estudos sísmicos e, localmente as capturas accidentais debidas á pesca. Porén, a combinación da alta abundancia global e dunha ampla gama de subpoboacións subtropicais, os posíbeis descensos impulsados polas ameazas crese suficiente para descartar unha redución global do 30 % dos efectivos ao longo de tres xeracións, polo que a súa situacións foi reclasificada como "LV" (pouco preocupante).Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (asesores) (2008): "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN. Versión 2013.1.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3. Perrin, William F., Bernd Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos Cetáceos Odontocetos Delfínidos

Ligazóns externas Whale and Dolphin Conservation Society

Categoría:Delphinidae Categoría:Cetáceos do océano Atlántico Categoría:Animais descritos en 1846