Santa María de Donramiro é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín. Segundo o IGE en 2011 tiña 1002 habitantes (484 mulleres e 518 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 912 habitantes. Conta cos lugares de Agruchave, Donramiro, Filgueiroa, Penela (onde se formou a Banda de música da Penela), Regueiriño, Trascastro e Feás.

Está a unha altura de seiscentos metros.

Historia e patrimonio Unha antiga lenda local atribúe a fundación da parroquia a un rei godo chamado Ramiro.

Nos montes do Monserrat áchase un castro explorado por Florentino López Cuevillas. O castro de Donramiro confórmase a partir dun recinto principal ou coroa de forma ovalada cun antecastro que se abre cara ao leste. As dimensións da coroa son no eixo NL-SO duns 90 m no interior e 100 m polo exterior. Se se engade o antecastro chégase a 180 m. No eixo NO-SL mide 65 m no interior e 85 m polo exterior. Incluído o antecastro son uns 100 m. O ancho do antecastro é duns 30 m e a lonxitude 180 m. Na zona suroeste o antecastro está moi alterado pola actividade agrícola.Ficha arqueolóxica do castro de Donramiro .

A antiga igrexa románica do século XII foi reformada no ano 1654 en estilo barroco, só a fachada e o primeiro tramo da nave son románicos. Nunha sepultura desa igrexa repousan os restos de Ramón María Aller Ulloa que naceu no Pazo de Filgueiroa, localizado nesta parroquia ao igual que o Palacete dos Crespo.

Os seus monumentos máis importantes son: o castro, o Palacete dos Crespo (coñecido como "a casa da Crespa" por ser a súa última moradora Anuncia Crespo Barros, filla do que foi alcalde de Lalín de 1903 a 1923, Antonio Crespo Pampín e neta do tamén alcalde do século XIX José Crespo Villar) e a carballeira da Crespa (que pertenceu a esta señora).

Donramiro foi parroquia ata o plan de arranxo da diocese lucense de 1890, cando pasou a ser anexo de Santa María das Dores de Lalín.

Nesta parroquia naceron o pintor Laxeiro, nado Xosé Otero Abeledo, e o político Juan Ramón Ulloa Pimentel.

Festas O primeiro domingo despois do 9 de setembro celébrase unha famosa romaría no Montserrat.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias Lugares de Donramiro

Parroquias de Lalín

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Lalín

Ligazóns externas www.donramiro.org Donramiro na web do concello de Lalín

Categoría:Parroquias de Lalín Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María