O Campo Municipal de Fútbol Platas Reinoso é unha instalación destinada á práctica do fútbol situada nas proximidades da vila e parroquia de Baio. O seu propietario é o Concello de Zas e nel xoga os seus partidos como local o Club Deportivo Baio.

O seu terreo de xogo é de herba artificial desde 2008, de 105 x 65 metros, e conta cunha bancada cuberta sendo a capacidade total duns 1.500 espectadores.

Historia Antonio Platas Reinoso foi un mestre da vila de Baio represaliado durante o franquismo, que foi quen de sobrevivir e criar os seus fillos grazas á axuda dos veciños. Como contrapartida pola axuda recibida por parte da veciñanza, decidiu ceder unhas leiras da súa propiedade na zona coñecida como Súa Agra para a construción dun novo campo de fútbol, xa que o existente Campo do Balsiño era excesivamente cativo e de superficie irregular.

Inaugurouse o 24 de agosto de 1990, sendo alcalde Ramón Lois Ordóñez, cun encontro entre o RC Deportivo da Coruña e o Bergantiños FC que o conxunto herculino, dirixido por Arsenio Iglesias, gañou por 3 a 1 grazas á presenza dalgúns dos xogadores máis salientábeis do momento como eran Fran, Yosu, Kanatlarosvki, Stojadinović ou Uralde.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Platas Reinoso Categoría:Zas