Xente de aquí e de acolá é un libro de relatos de Álvaro Cunqueiro publicado por Galaxia en 1971. A 2ª edición é de 1979. A 3ª foi patrocinada pola Caixa de Aforros de Galicia en 1981. En 2011 Galaxia reeditouno na Biblioteca Álvaro Cunqueiro, e de novo en 2025 (ISBN 978-84-8288-897-2).

Contido

Carta que o autor mandou ao Dr. Domingo García-Sabell cando ordeaba este libro.

Relatos

"Somoza de Leiva" (1981, páx. 13)

E acordeime entón de Somoza de Leiva. Mercou unhas estampas sobre a "Noite triste" e Hernán Cortés. Era perito afeccionado e picapreitos. Trouxo un can moi especial, apropiado para avogados: É un can que soio lle ladra á parte contraria. Era un can que nunca fallaba. Remata: Esquecíaseme decir que o can chamábase Moctezuma.

"Pontes de Meirado" (1981, páx. 16)

Coñocín a Pontes de Meirado hai moitos anos. Argumentaba nas barberías que non existían as antípodas terrestres e tamén falaba do grande imán terreal central. Tivera un grande amor na Arxentina, unha italiana, coa que quixo casar por poderes pero a moza quedou co seu irmán, que o representaba na voda. Nunca se recuperou. Acaba o narrador falando nun ton elevado: tiraba un pano branco... pasábao polos narices e polos ollos. Polos narices pra poder millor lembrarse do aroma da amante perdida, e polos ollos pra secar gordas e amargues bágoas.

"Penedo de Alduxe" (1981, páx. 19)

Era un grande contador e coñecía todas as historias meiregas. Sobre todo falaba da famosa capa de ouro. Soñaba con ela e cos ananos. Un día espertou no soño e falou co anano, mesmo viu pola fiestra a famosa capa. Mais quedaron uns fíos dela atrapados na figueira e agora trainos nun libriño de papel de fumar. Eu miraba con respeto a Penedo, o único mortal do noso tempo no que se tivese pousada a capa de ouro dos santos e mistieriosos abades antergos.

"Liñas de Eirís" (1981, páx. 23)

O señor Ramón dos Liñas era albeite afeccionado e tamén curaba, curaba mandando soñar ao doente e pedíndolle que correse. Un día atopou un sombreiro, púxoo e resultou ser un sombreiro caprichoso, só saudaba a quen a el lle apetecía. Ata falou, díxolle que era do secretario. Enfadouse e marchou. Esta historia contouma o señor Ramón en confianza, e con promesa miña de que nunca a levaría aos papeis. Fará trinta anos do choio. Estabamos onde a presa do muíño, nos levadeiros sentados. De vez en cando, unha mazá caía á auga.

"Penedo de Rúa" (1981, páx. 26)

A penedo faloulle un corvo, contoulle que desconfiase do avogado dun preito que tiña e que mirase polo xuíz. Penedo foise a Lugo, tratou do asunto e gañou. Buscou o corvo para darlle as grazas. O corvo pediulle un sombreiro e outras cousas. Tamén lle contou onde había tesouro na Braña. E non mentiu, Penedo atopou un obxecto que resultou ser un pedal de bicicleta cando aínda non chegaran as bicicletas. Volveuno enterrar no seu sitio.

"Louzao de Mouride" (1981, páx. 30)

Este Manuel Costa considerábase medio parente seu por teren nado os dous o mesmo día á mesma hora; polo signo do zodíaco estaban destinados a grandes logros na diplomacia. Emigrou a Buenos Aires e fíxose bo cociñeiro, casou cunha italiana pero descubriu que esta se disfrazaba de home e traballaba de bombeiro. Louzao quixo sacarlle a idea e ela marchou deixándoo co meniño. Volveu Manuel (Penedo) a Galicia, criou o meniño e seguía lendo sempre todas as novas de incendios alí onde os houbese: si chega a estar alí a miña Vittoria, apagábano voando. Xa mozo o cativo, chegou un baúl da Arxentina, eras os vestidos, uniforme etc da muller. O fillo puxo o casco de bombeiro e xa non o quixo sacar.

"Mel de Vincius" (1981, páx. 34)

Cando escribín a miña Escola de menciñeiros, quedáronseme esquecidos Mel de Vincius... Curaba enfermos mandando que fixeran un retrato, sacaba os demos do corpo só con darlles nome e chamar por eles, que ao verse descubertos fuxían dando patadas. Tamén se contaba que tiña o don da ubicuidade. Escribía crimes para as coplas dos cegos e así se foi labrando fama de entendido en leis e viaxaba moito atendendo ao mundo legal.

"Novo de Parmuíde" (1981, páx. 37)

Desde que as viu nunha festa sempre lle gustaron as randeeiras. Ao volver do servizo militar en Valladolid trouxo unha moi bonita. Co paso do tempo descubriu que sentar nela podía ter poderes curativos e dedicouse en exclusiva a atender o choio da randeeira. Mesmo lle pediu ao narrador que lle escribise un soneto e uns versos en latín para acompañar a curación. E dicíaos ao revés para que ninguén os memorizase e lle roubase o negocio. Morreu Novo e o sobriño quéixase de que non lle quedasen á familia as palabriñas para poder explotar o aparello que dorme no faiado.

Este relato foi levado ao audiovisual co mesmo título, Novo de Parmuíde, dirixido por Roberto Vidal Bolaño.

"A cachola de Bouso" (1981, páx. 41)

Discutiu nunha feira cun tratante valenciano que desprezou os galegos. Ao abalar a cabeza soltáronselle os ósos. Tivo que ir a un compostor que llos colocou e os pegou con cera. Celebraron o éxito cunha boa comida. Pero sobráballe un, o óso do azougue e o compostor tivo que sacarllo cuns esbirros. É un caso semellante a outro que houbo en Chicago.

"O paraugas Xacinto" (1981, páx. 45)

Guerreiro de Noste ía polo monte cando topou un home cun grande paraugas, un puño era un rostro humano que sacaba a lingua. O home dixo que era o seu cuñado Xacinto. Xacinto topara o paraugas, abriuno e papouno. O paraugas falaba para darse a coñecer, ata a muller o recoñeceu pola lingua, que a tiña moi longa. E logo Guerreiro ve como o paraugas marcha voando co home a cabalo da cana.

"Figueiras de Bouzal" (1981, páx. 48)

Sempre andaba en preitos e estudando nos códigos. Antes de morrer pediulle á muller que o enterrase cun exemplar do código. Así o fixo e uns días despois a muller amañouse coa interesada no preito pola herdanza dun irmán del. Cando volvía cos cartos do acordo e unha cocha (porca) apareceulle o marido en figura de corvo e afeoulle o trato. E caeu morto alí mesmo o corvo. A viúva meteuno nunha caixa e enterrouno. ... antes de metelo na caixa, envolveuno nun xornal que traguía as bases pra a codificación do Dereito Foral Galego. Cousas que pasan. Xa ten en que pasar o tempo Figueiras, si é que sigue xurisperito...

"O segredo don Xosé" (1981 páx. 52)

Delfín ía gardar o coche cando atopou un xastre coa mesa posta e traballando nun prado. Fálalle, o xastre dille que se chama don José, el chámalle así e todo desaparece. Logo a xente non o cre e el enfádase. Dáse por matinar no xastre e nos seus instrumentos. De aí pasa ao traballo de atopar tesouros e do que se quedaría o Estado nese caso e conclúe: Así no merece la pena el atopar tesoros!

"Rello de Pontemil" (1981, páx. 55)

Rello vai á taberna, mira as partidas de cartas pero non xoga. Ás doce sempre marcha co seu can levando o xornal enteiro ou un anaco del, non sabe ler pero senta co xornal aberto na solaina. Como o narrador o coñece cóntalle o asunto. Resulta que se lle apareceu un tal Xestoso de Montes, home moi sabido e preocupado no outro mundo por se o Kaiser volveu reinar en Alemaña. Prometeulle dous pesos á semana se está atento nos xornais ás novas sobre o Kaiser, por iso el colle o xornal a diario na solaina para que o vexa o morto, que paga moi ben. O narrador conta que o Kaise morreu, mais Rello seguirá lendo no xornal sen saber ler e cobrando.

"A chaqueta do mouro" (1981, páx. 58)

Felipe de Francos vai visitar unha moza á Ribeira de Piquín sempre na súa mula. Atopa un home pequeno cavando na terra, pregunta, a resposta é que busca unha chaqueta. Atópaa, pona, é unha chaqueta de ouro e o home confesa ser un mouro. Este cóntalle a historia da chaqueta que sempre quere meterse na terra e procurar unha ponte para esconderse moito tempo, por iso el viaxa con pico e pa; non hai chaqueta coma ela. E déixalle probala a Felipe, que nota como a chaqueta pesada tira para a terra e case o soterra se non lle botase unha man o mouro. E póndose o mouro de novo a chaqueta aquela, foise cáseque correndo camiño de Lodoso. Brilaba a chaqueta dándolle os derradeiros raios daquela doce serán de setembro.

"Polido de Sabuceira" (1981, páx. 63)

Acusárono de darlle morte a un tratante chamado Gareto que o enganara no trato dunha vaca tísica. Mais el demostrou que o día do crime estaba noutro lado. Falaba cos lobos. E facía mil cousas máis. Xa con cincuenta anos decidiu casar cunha de corenta, ela esixiulle xurar que non tivera que ver na morte do Gareto. Un día indo os dous polo campo Polido di que alí foi o crime e dúas manchas de sangue resucitaron coma se fose fresco. Ela convéncese da culpabilidade e rexeita o casamento. E Polido meteuse na casa. Si pasaba alguén polo camiño, pechaba as contras. Douse a beber caña i a escoitar no fonógrafo que trouxera de América "El sitio de Zaragoza".

"Soleiro en figura de corvo" (1981, páx. 66)

Istas historias de corvos que falan, ou de xente que reaparez, vindo dende as chousas dende o outro mundo, en figura de corvo, debería poñelas todas xuntas, pro van sementadas por este libro, aquí ou acola. Soleiro aparecéuselle á muller en figura de corvo e tatexaba o mesmo que de vivo. Caeulle á muller no cesto que levaba de vender uns polos. Volveu par dicirlle que non vendese uns eidos. Como ela teimaba en vender o paxaro peteiraba nos cristais da ventá. Foi ela a un menciñeiro que lle recomendou escribir en cen papeis que non vendía e espallalos polos camiños, para que o lese o corvo.

"Cando Penedo foi de caza" (1981, páx. 69)

Aos cincuenta anos mercou escopeta para ir cazar. Saíu de caza á espera, pousou unha pega no canón da escopeta e ata lle falou, así non a podía matar. Volveu ao día seguinte con dúas escopetas, así se se poñía no cano dunha disparaba coa outra. Volveu a pega e acabouna convencendo de que se convertera en coello. Disparou as dúas á vez e matou o coello. Resultou ser unha pel atada cun cordón e uns papeis dentro. Eran do viúvo de Couzán que debere escribir neles despois de morto. Levoullos á sobría, vendeu a escopeta e non volveu á caza.

"Merlo de Lousadela" (1981, páx. 72)

Despois de describir Lousadela e as súas xentes fala do amigo Merlo e os seus oficios. Volveu de Buenos Aires falando algo de italiano e improvisaba na taberna discursos en italiano inventando a maioría. Parte do ano andaba arranxando reloxos e facendo algo de maxia, metendo un chisqueiro por unha orella e sacándoo pola outra. Cando un cura lle cuspiu na orella, saíu fume. Eu isto non o vin, e ben o sinto, que xa non poderei velo, que Merlo morreuse fai pouco dun punto frío que se lle puxo no fígado.

"Carrexo de Fontes" (1981, páx. 75)

Despois de describir o sitio de Fontes fala de Carrexo ou Antón de Xil. Veu de Buenos Aires coa idea de que a lúa alí pesaba moito, seguiu coa teima e co medo ata mercou un casco de guerra e reforzaba os teitos da casa. Dou noutras manías ou visións e ruídos dos non se podía desfacer. Decidiu acabar con eles metendo un caldeiro de auga na cabeza e afogou.

"Leiras de Parada" (1981, páx. 78)

Este seu amigo é criador de capós de Vilalba. Ademais das copiñas de licor tamén lles le libros, con algúns están espertos e con outros dormen que dá xenio velos.

"Louredo de Hostes" (1981, páx. 80)

Cando fixo o servizo militar en Valencia o sarxento formábaos a diario para contarlles os soños que tivera. El non conseguía soñar e por consello do sarxento mercou uns anteollos para poder soñar. E vaia se soñou o resto da vida. Xa morto deixoulle os anteollos aos sobriños para que soñasen por quendas, mais eles rían e déronllos ao cura de Baroncelle. Sabe Deus o que soñaría o reverendo don Daniel Pernas Nieto coa axuda diles, que valencianas brancas, que viños tintos, que troitadas, que festas, naquelas longas e frías noites de inverno, cando acinzan coa xeada as ponlas núas das bidueiras.

"Leiras de Tardiz" (1981, páx. 83)