Vanessa Nakate, nada en Kampala o 15 de novembro de 1996, é unha activista climática ugandesa. Medrou en Kampala e comezou o seu activismo en decembro de 2018, despois de térense rexistrado unhas temperaturas infrecuentemente altas no seu país.

Traxectoria Nakate graduouse en xestión empresarial en Márketing pola Escola de Negocios da Universidade Makerere.

Accións polo clima Inspirada por Greta Thunberg, comezou o seu propio movemento climático en Uganda, comezando en xaneiro de 2019 cunha folga en solitario contra a inacción do seu país fronte a crise climática. Ó longo de varios meses foi a única manifestante fóra das portas do Parlamento de Uganda. Finalmente, outros mozos comezaron a responder ás súas chamadas nas redes sociais para axudala e chamar a atención sobre a difícil situación das selvas tropicais no Congo. Nakate fundou "Youth for Future Africa" (Mocidade pola África do Futuro) e o movemento Rise Up (Érguete), con sede en África.

En decembro de 2019, Nakate foi unha das poucas activistas xuvenís que falou na reunión da COP25 en España.

A comezos de xaneiro de 2020, uniuse a outros 20 mozos activistas climáticos de todo o mundo para publicar unha carta ós participantes no Foro Económico Mundial, pedindo ás empresas, bancos e gobernos que deixen de subsidiar os combustibles fósiles. Quedou no campamento base do Ártico en Davos durante o Foro Económico Mundial. Posteriormente, os delegados uníronse a unha marcha climática o derradeiro día do Foro.

En marzo de 2022, activistas ambientais ugandeses atacaron o megaproxecto petroleiro TotalEnergies no leste de África. A Asemblea Nacional francesa recibiu catro principais activistas xuvenís, os cales fixeron presión para que o goberno se posicione sobre o proxecto. Vanessa Nakate foi unha delas.

Notas

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Kampala Categoría:Activistas de Uganda Categoría:Personalidades de Uganda