Dry Cleaning é unha banda inglesa de post-punk formada no sur de Londres no ano 2018. O grupo está composto pola vocalista Florence Shaw, o guitarrista Tom Dowse, o baixista Lewis Maynard e o batería Nick Buxton. Dry Cleaning destaca polo seu uso principalmente da voz falada en vez de cantada, ademais de polas súas letras pouco convencionais. O seu estilo musical comparouse ao de bandas como Wire, Magazine e Joy Division.
Historia
Formación O guitarrista Tom Dowse coñeceu á vocalista Florence Shaw ao redor do ano 2010 no Royal College of Art onde os dous estudaban, e rapidamente fixéronse amigos. Dowse describiu a Shaw como “ [...] ferozmente intelixente, emocionalmente moi sofisticado”, e engadiu que “coñecela foi como atopar unha alma xemelga”.
Dowse era un experimentado músico na época e xa tocara en numerosas bandas. Tras rematar os seus estudos tivo problemas para atopar traballo, pero en 2017 volveu a poñerse en contacto con Shaw, e pediulle que mirase algunhas demos que gravara con algúns dous mutuos, Lewis Maynard e Nick Buxton. Dowse quería que Shaw fose a líder do grupo pero ela nun principio declinou dicindo: “Inmediatamente dixen, ‘De ningunha maneira. Non podo imaxinar algo que precise menos agora mesmo.’ Foi un non firme".
Dowse tiña a determinación de conseguir que Shaw entrase na banda tras escoitar a súa voz sobre as demos. O resto do grupo convidouna a un dos seus ensaios. O batería Nick Buxton díxolle a Shaw que podía falar en vez de cantar e deulle unha lista de reprodución que incluía o tema de Grace Jones "Private Life" e outros temas semellantes. Shaw aceptou finalmente e foi a ensaiar con “escritos a partir de vellos debuxos seus, cousas que escribira no meu teléfino, diarios, cousas que vira en anuncios e pensei que era divertido” - léndoos en voz alta mentres os outros tres tocaban os instrumentos ao seu redor. Lembra ese momento “como cando ves esas películas cursis sobre bandas, e están escribindo o 'hit', e é un momento máxico”.
Magic of Meghan e álbum de estrea A banda publicou o seu sinxelo de estrea, "Magic of Meghan", en 2019. Shaw compuxo a canción tras pasar por unha ruptura e mudarse do apartamento do seu antigo compañeiro o mesmo día que Meghan Markle e o príncipe Henrique anunciaron que estaban comprometidos. Ao sinxelo seguíronlle dous EPs ese mesmo ano: Sweet Princess en agosto e Boundary Road Snacks and Drinks en outubro. A banda foi incluída na lista dos 100 artistas esenciais do 2020 da revista NME, e na lista Class of 2020 de DIY.
A banda fichou por 4AD a finais de 2020 e publicou un novo sinxelo, "Scratchcard Lanyard". No mes de febreiro de 2021 o grupo compartiu detalles do seu álbum de estrea, New Long Leg, e tamén editou o sinxelo "Strong Feelings". O álbum, que foi producido por John Parish, publicouse o 2 de abril de 2021.
Stumpwork En xuño de 2022 a banda anunciou un novo sinxelo, "Don't Press Me", estreado na BBC Radio 6 Music o 14 dese mes. Ese mesmo día o grupo anunciou o seu segundo álbum, titulado Stumpwork, que sería lanzado o 21 de outubro dese ano. Ao igual que coa súa estrea, o álbum foi gravado nos Rockfield Studios en Gales, e producido por John Parish.
O día 1 de marzo de 2023 Dry Cleaning lanzou o EP de cinco temas Swampy. Dúas das cancións son remesturas dos temas "Hot Penny Day" e "Gary Ashby" aparecidos no álbum Stumpwork.
Discografía
Álbums ÁlbumAnoSeloNew Long Leg20214ADStumpwork20224ADSecret Love20264AD
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Páxina da banda
Categoría:Grupos musicais de Londres Categoría:Grupos musicais de post-punk Categoría:Grupos musicais formados en 2018