Joel T. Schumacher, nado en Nova York o 29 de agosto de 1939 e finado na mesma cidade o 22 de xuño de 2020, foi un director, produtor e guionista cinematográfico estadounidense.
Traxectoria Schumacher naceu na cidade de Nova York. A súa nai Marian era unha xudía de ascendencia sueca mentres que o seu pai Frank era un baptista de Knoxville (Tennesse), que faleceu cando Joel tiña catro anos. Estudou no Parsons The New School for Design e en The Fashion Institute of Technology da súa cidade natal. Despois dos seus primeiros traballos no mundo da moda, descubriu a súa verdadeira paixón no cinema.
Trasladouse aos Ánxeles, onde comezou a traballar como deseñador de vestiario en filmes como O durmiñón e desenvolveu o seu coñecemento na televisión, sendo ouvinte en UCLA. En 1976 escribiu o seu primeiro guión para o filme de baixo orzamento Car Wash con escaso éxito; a este seguírono títulos como O meigo (1978), unha adaptación levada á pantalla por Sidney Lumet.
O seu debut como director chegou con A incrible muller minguante en 1981, protagonizada por Lily Tomlin e que presentaba a historia do home minguante cunha protagonista feminina. O filme resultou un éxito no cinema independente.
Na década de 1980, Schumacher especializouse como produtor en diferentes xéneros, como a comedia D.C. Cab (1983), Saint Elmo, punto de encontro ou o filme de terror The Lost Boys, considerados filmes arquetípicos da década de 1980.
Na década de 1990 dirixiu filmes de suspense con grande aceptación como Liña mortal (1990), Falling Down (1993) ou trasladando ao cinema os best-sellers de John Grisham, The Client (1994) e Tempo de matar (1996), esta última unha escolla de Grisham. Outro dos elementos polos que foi coñecido Schumacher é por substituír a Tim Burton como director da saga sobre Batman. Schumacher dirixiu Batman Forever en 1995, que foi un grande éxito a pesar de recibir críticas tépedas, e Batman & Robin, que foi un gran desastre tanto de crítica como de público. Estas poucas expectativas fixero que Warner Bros. cancelase o seguinte proxecto de Batman que tamén ía ser dirixido polo propio Schumacher, Batman Triumphant.
A partir dese momento, Schumacher participou en proxectos como 8mm (1999) con Nicolas Cage e a comedia Ninguén é perfecto (1999) con Robert De Niro, que recibiron boas críticas aínda que non recadaron moitos cartos. En 2000 o director deu un xiro radical e obtivo unhas das mellores críticas da súa carreira co drama ambientado na guerra de Vietnam Tigerland, onde se deu a coñecer Colin Farrell. O traballo de Schumacher continuou coa controvertida Phone Booth (2002), onde o director volveu contar con Colin Farrell e tamén o suspense político Bad Company (2002) protagonizado por Anthony Hopkins e Chris Rock. En 2004 dirixiu The Phantom of the Opera, baseado no musical homónimo. O filme obtivo tres candidaturas aos premios Óscar e outras tres aos Globos de Ouro, mais non gañou ningún deles.
Schumacher faleceu de cancro o 22 de xuño de 2020 aos oitenta anos. Trala súa morte foi eloxiado por Jim Carrey e Matthew McConaughey, que consideran que Schumacher foi quen lanzou as súas carreiras.
Vida persoal Schumacher describiuse a si mesmo como "extremadamente promiscuo", dicindo nunha entrevista de 2019 que era sexualmente activo desde os once anos e estimou que mantivo relacións sexuais con entre 10 000 e 20 000 homes ao longo da súa vida. Schumacher dixo que a primeira persoa que coñeceu que morreu pola epidemia de sida en 1983 "non era promiscua", o que levou a Schumacher a crer que morrería pouco despois, lembrando que no seu momento pensou: "Se el a ten, eu debo tela cuadriplicado [...] Estaba seguro de que a tiña, estaba a planear a miña morte", mais nunca contraeu a doenza.
En 1984, Schumacher comprou a Doris Duke as cortes de cabalos que pertenceran a Rudolph Valentino.
Schumacher fixo doazóns aos candidatos do Partido Demócrata, incluídas varias campañas ao Congreso e a campaña presidencial de 2004 de John Kerry.
Filmografía TítuloAnoDirectorGuionistaProdutorNotasRef.Sparkle1976Dirixido por Sam O'SteenCar Wash1976Dirixido por Michael SchultzO meigo1978Dirixido por Sidney LumetA incrible muller minguante1981D.C. Cab (a.k.a Street Fleet)1983Saint Elmo, punto de encontro1985The Lost Boys1987Cousins1989Liña mortal1990Elixir un amor1991Falling Down1993The Client1994Batman Forever1995The Babysitter1995Dirixido por Guy FerlandTempo de matar1996Batman & Robin19978mm1999Ninguén é perfecto1999Gossip2000Dirixido por Davis GuggenheimTigerland2000Bad Company2002Phone Booth2002Veronica Guerin2003The Phantom of the Opera2004The Number 232007Blood Creek2009Twelve2010Man in the Mirror2011CurtametraxeTrespass2011
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Entrevista
Categoría:Nados en Nova York Categoría:Nados en 1939 Categoría:Finados en 2020 Categoría:Directores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Guionistas dos Estados Unidos de América Categoría:Produtores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Finados por cancro Categoría:Estadounidenses de ascendencia sueca Categoría:Estadounidenses de ascendencia xudía