David Pallas, nado na Laracha o 1 de xullo de 1980, é un exfutbolista e adestrador galego-suízo. Xogaba como lateral dereito e desenvolveu a maior parte da súa carreira no FC Zürich. Dende 2021 adestra o FC Kosova.

Traxectoria Naceu no concello galego da Laracha e criouse en Suíza. Formouse na canteira do FC Zürich, dando o salto ao primeiro equipo en 2001. Durante o mercado invernal da tempada 2004-05, fichou polo FC Thun 1898, co que se clasificou para a Liga de Campións.

Na tempada 2005/06 fichou polo VfL Bochum, da 2. Bundesliga. Disputou 24 encontros de liga, logrando o ascenso á Bundesliga ao remate da tempada. Debutou na máxima categoría do fútbol alemán o 26 de agosto de 2006, nun partido contra o Energie Cottbus no Ruhrstadion. Xogou oito partidos de liga na primeira metade da tempada pero logo acabou por perder o seu sitio no equipo. Ao rematar o seu contrato co club, estivo un tempo sen equipo, ata que fichou polo FC Langenthal, do cantón de Berna. Militou varias tempadas neste club, antes de pechar a súa carreira como futbolista no FC Ibach.

Comezou a súa carreira como adestrador no Ibach na tempada 2014/15, primeiro como xogador-adestrador e logo só como adestrador, ocupando o banco do club ata outubro de 2018. Tras adestrar os xuvenís do FC Wohlen, en abril de 2021 colleu as rendas do FC Kosova de Zürich.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en Transfermarkt .

Categoría:Nados en 1980 Categoría:Nados na Laracha Categoría:Futbolistas de Suíza Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Zürich Categoría:Xogadores do VfL Bochum Categoría:Adestradores de fútbol de Suíza Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia