A arquitectura da Roma Antiga adoptou a linguaxe externa da arquitectura da Grecia Antiga para os propósitos dos cidadáns da Roma Antiga, os cales chegaron a ser o suficientemente diferentes dos edificios gregos para crear un novo estilo arquitectónico, aínda que os dous estilos son frecuentemente considerados parte da arquitectura clásica.
A diferenza entre a arquitectura grega, e a romana é esencialmente práctica, carente do sentido relixioso que tivo a grega, o carácter militar da arquitectura romana ponse de manifesto no desenvolvemento das urbes, baseadas na organización dun campamento militar, onde os seus eixos principais se cortan en cruz e os secundarios, paralelos a estes, forman unha cuadrícula. No centro está o foro, a praza principal, xeralmente rectangular, arrodeada de pórticos e edificios civís e relixiosos.
A actividade arquitectónica dos romanos caracterízase polo uso e perfeccionamento das técnicas do gregos pero tamén dos etruscos, utilizaron como materiais de construción o ladrillo e o morteiro, o que lles permitiu realizar construcións colosais. O arco e a bóveda etrusca foron os sistemas construtivos básicos, combinados coa estrutura alintelada grega.
Os edificios públicos máis importantes no mundo romano eran o teatro, o anfiteatro, as termas, as palestras, o acueduto e o templo. De enorme importancia para a conservación do imperio foi a construción de calzadas e pontes.
Na Gallaecia Na provincia romana da Gallaecia, a arquitectura manifestouse sobre todo a través da creación e transformación de núcleos urbanos, das obras públicas e da adaptación de técnicas construtivas romanas ao territorio noroccidental da Hispania romana (a Península Ibérica). Cidades como Lucus Augusti, Bracara Augusta e Asturica Augusta actuaron como centros políticos, económicos e viarios, mentres que outros asentamentos menores, campamentos, villae e instalacións vinculadas á explotación agraria, mineira ou marítima completaban a paisaxe construída.
A pegada máis visible desta arquitectura corresponde á enxeñaría. As vías artellaban as comunicacións entre as capitais, os portos, as zonas mineiras e o interior, e favoreceron a construción de pontes e outras infraestruturas. Construíron edificios públicos e privados como termas, domus, estruturas defensivas etc. O caso máis destacado é a muralla de Lugo, considerada un dos mellores exemplos conservados de fortificación militar tardorromana.
A arquitectura doméstica e produtiva tivo tamén presenza nas domus urbanas, as villae rurais, os balnearios e os establecementos ligados á salgadura, a minaría, a explotación agraria etc. En conxunto, a arquitectura romana na Gallaecia caracterizouse pola integración de modelos urbanos, técnicos e construtivos romanos nun territorio atlántico de forte substrato castrexo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Arte da Roma Antiga Escultura da Roma Antiga Pintura da Roma Antiga
Categoría:Arquitectura da Roma antiga