Aerococcus é un xénero de bacterias do filo Bacillota (Firmicutes). O xénero foi inicialmente identificado en 1953 en mostras de aire e po como un coco catalase negativo, grampositivo que crecía formando pequenos grupos. Foron despois atopados en ambientes hospitalarios e en salmoiras para a curación de carne. Sempre foi difícil de identificar, xa que é moi semellante ao Streptococcus alfa-hemolítico en placas de ágar sangue e é difícil de identificar por medios bioquímicos. A secuenciación do seu ARNr 16S converteuse no método estándar para a súa identificaicón, pero outras técnicas como a MALDI-TOF tamén foron útiles para a identificación do xénero e as especies.

Etimoloxía O nome Aerococcus deriva do grego aer, aeros (ἀήρ, ἀέρος), aire; e do latín científico coccus (á súa vez procedente do grego kokkos (κόκκος)), unha baga, polo que significa 'coco do aire'. Este nome déuselle debido á súa forma redonda e a que foi inicialmente descuberto en mostras de aire.

Especies O xénero comprende estas especies: A. christensenii Collins et al., 1999, nomeada en honra do microbiólogo danés Jens J. Christensen. A. sanguinicola Lawson et al., 2001 do latín 'habitante do sangue'. A. suis Vela et al., 2007, do latín 'porco'. A. urinae Aguirre & Collins, 1992, do latín 'da urina'. A. urinaeequi (Garvie, 1988) Felis et al., 2005, do latín "da urina dos cabalos", que foi a fonte para o illamento da cepa tipo. A. urinaehominis Lawson et al., 2001, do latín 'da urina humana', da cal se illou a capa tipo. A. viridans Williams et al., 1953. É a especie tipo do xénero e o nome procede do latín 'facer verde', xa que produce esa cor. Axente causante da gaffkemia, unha doenza dos lumbrigantes.

Notas

Categoría:Lactobacillales