Haliaeetus leucogaster é unha especie de pigargo, unha grande ave de presa diúrna accipítrida das costas de Australasia e sur e sueste de Asia. Foi descrita orixinalmente por Johann Friedrich Gmelin en 1788 e está moi relacionada coa Haliaeetus sandfordii das illas Salomón, e considérase que as dúas forman unha superespecie. É unha ave moi distintiva, o adulto ten cabeza, peito, cobertoiras da parte inferior das ás e cola brancos. As partes superiores son grises, mentres que as plumas de voo negras da parte inferior das ás contrastan coas cobertoiras brancas. A cola é curta e con forma de cuña como en todas as especies de pigargos (xénero Haliaeetus). Como moitas aves de presa, a femia é de maior tamaño que o macho e pode medir ata 90 cm de longo cunha envergadura de ata 2,2 m e un peso de 4,5 kg. Os exemplares inmaturos teñen plumaxe marrón, que se substitúe gradualmente por branco ata a idade de cinco ou seis anos. A chamada que profiren é un son alto parecido ao do ganso.
Vive desde a India e Sri Lanka e a través do sueste asiático ata Australia polas costas e principais ríos preto da costa, reprodúcese e caza preto da auga e os peixes constitúen a metade da súa dieta. É oportunista, xa que come prea e unha ampla variedade de animais. En canto ao seu estado de conservación, aínda que está clasificada globalmente como en estado pouco preocupante, declinou en partes do sueste asiático como Tailandia e sueste de Australia. Considérase ameazada en Victoria e vulnerable en Australia do Sur e Tasmania. As alteracións humanas do seu hábitat son a súa principal ameaza, tanto por actividades humanas directas preto dos niños que causan impacto no éxito reprodutor, coma pola corta das árbores axeitadas para a súa nidificación. É unha especie reverenciada polos pobos aborixes australianos de moitas partes de Australia e protagoniza varios contos folclóricos.
Taxonomía
Esta especie foi descrita formalmente polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin en 1788 co nome binomial Falco leucogaster. Gmelin baseou a súa descrición na que fixera en 1781 John Latham a partir dun espécime da colección leveriana que se capturara en febreiro de 1780 na illa Princes na costa do cabo máis setentrional de Xava durante a última viaxe do capitán Cook. Agora é un dos dez pigargos situados no xénero Haliaeetus, o cal foi introducido en 1809 polo naturalista francés Marie Jules César Savigny. O seu nome específico deriva do grego antigo leuko 'branco', e gaster 'ventre'. O seu parente máis próximo é o pouco coñecido Haliaeetus sandfordii das illas Salomón. Ambas forman unha superespecie, e como é habitual noutras subespecies de pigargos, unha das especies (H. leucogaster) ten a cabeza branca e a outra especie cabeza escura. O peteiro e ollos son escuros e as garras son amarelas escuras como en todos os pigargos do hemisferio sur. Ambas as especies teñen polo menos algunha coloración escura na cola, pero isto non sempre é claramente visible en H. leucogaster. As secuencias de nucleótidos do xene do citocromo b destes dous pigargos estaban entre as analizadas nun estudo de 1996. Aínda que difiren grandemente en aspecto e ecoloxía, a súa diverxencia xenética do 0,3% indica que os antepasados das dúas formas puideron diverxer recentemente, hai só 150.000 anos. Os autores do estudo concñuíron que, aínda que a diverxencia xenética é máis consistente coa de dúas subespecies, a clara distinción en aparencia e comportamento garante que se manteñan como especies separadas. A secuencia do ADN mitocondrial do locus do citocromo b diferénciase moi lixeiramente do de H. sandfordii, o que suxire unha diverxencia relativamente recente despois de que as H. leucogaster radicadas en Nova Guinea colonizaron as illas Salomón.
As afinidades de H. leucogaster á parte de H. sandorfii son un pouco menos claras; os datos moleculares indican que é unha das catro especies de pigargo tropical (xunto con H. vocifer do continente africano e H. vociferoides de Madagascar), mentres que os datos de aloencimas indican que podería ter unha relación máis estreita con pigargos do hemisferio norte. Outro estudo molecular publicado en 2005 mostrou que H. leucogaster é basal a catro pigargos: os dous africanos mencionados antes e outros dous do xénero Ichthyophaga (aínda que algúns autores clasifican os Ichthyophaga tamén no xénero Haliaeetus).
Description miniatura|esquerda|Adulto voando no Parque Nacional de Bundala de Sri Lanka, as plumas de voo negras contrastan co forro de plumas brancas claramente visible. miniatura|Adulto en catividade no Parque Zoolóxico da Arignar Anna, Chennai, India
Ten unha cabeza branca, rabadilla e partes inferiores, e dorso e ás escuras ou grises lousa. En voo, as pluma de voo negras das ás poden verse facilmente vendo o paxaro desde abaixo. O gran peteiro curvado é de cor gris chumbo azulado cun extremo máis escuro, e os iris son marróns escuros. A cera da base do peteiro é tamén gris chumbo. As patas e pés son amarelos ou grises, con longas gadoupas. A diferenza das aguias do xénero Aquila, as patas non están emplumadas. Os sexos son similares. Os machos son de 66–80 cm de longo e o peso é de 1,8–3 kg. As femias son lixeiramente maiores, de 80–90 cm e 2,5–4,5 kg. A envergadura vai de 1,78 a 2,2 m.Raptors of the World by Ferguson-Lees, Christie, Franklin, Mead & Burton. Houghton Mifflin (2001), . Un estudo de 2004 de 37 aves de Australia e Papúa-Nova Guinea (3 °S a 50 °S) atopou que as aves podían ser sexadas con fiabilidade baseándose no seu tamaño, e que as aves de latitudes máis so sur eran maiores que as do norte. Non hai variación estacional en plumaxe. O padrón de muda da H. leucogaster coñécese pouco. Parece que tarda máis dun ano en completarse e pode interromperse e posteriormente reiniciarse desde o punto en que se interrompera.
As ás modifícanse cando planan para que se eleven sobre o corpo nun certo ángulo, pero están máis preto da horizontal cara ao extremo da á. En silueta, o pescozo é comparativamente longo, a cabeza e peteiro están estendidas cara a adiante case tanto como a cola o fai cara detrás. Para o voo activo alterna batidos fortes e porfundos das ás con curtos períodos pairando.
miniatura|Un xemplar novo no Parque Nacional de Sundarbans, Bengala Occidental, India. Un exemplar novo no seu primeiro ano é predominantemente marrón, con plumaxe con liñas crema claras na cabeza, pescozo, caluga e rabadilla. A plumaxe faise máis infiltrada de cor branca ata que adquire a plumaxe adulta completa no cuarto ou quinto ano. A especie reprodúcese desde os seis anos de idade en adiante. A duración da vida pénsase que é duns 30 anos.
O potente son similar ao dos gansos que fai é un son familiar, especialmente durante a estación reprodutora; as parellas adoitan facer este son á vez, e con frecuencia continúan facéndoo durante certo tempo cando se pousan. A chamada do macho é máis aguda e máis rápida que a da femia. O naturalista australiano David Fleay observou que a chamada está entre as máis altas e que se oen desde máis lonxe de todas as aves australianas, en claro contraste coas relativamente silenciosas chamadas das aguias Aquila audax.
Os adultos de H. leucogaster son inconfundibles respecto outras aves. Aves inmaturas poden confundirse coas aguias Aquila audax. Porén, a plumaxe desta última é máis escura, a cola máis longa e as patas emplumadas. Podería tamén confundirse con Hamirostra melanosternon, pero esta especie é moito menor, ten manchas brancas nas ás, e ten un voo máis ondulante. Na India o voitre branco (Neophron percnopterus) ten plumaxe branca, pero é menor e ten un dorso e ás máis brancas. A cola branca de H. leucogaster en voo distínguea doutras especies de grandes aguias. En Filipinas pode confundirse con Pithecophaga jefferyi, que pode distinguirse pola súa crista; finalmente, as H. leucogaster inmaturas lembran os pigargos Haliaeetus ichthyaetus inmaturos, pero poden identificarse polas súas partes inferiores e plumas de voo máis completamente escuras e a cola cuneiforme.
Distribución e hábitat miniatura|upright=0.80|Detalle da cabeza dun exemplar en Gippsland, Victoria, Australia
Vive regularmente desde Mumbai (ás veces desde o norte de Gujarat, e no pasado nas illas Laquedivas) ao leste da India, Bangladesh e Sri Lanka no sur de Asia, a través das costas do sueste asiático, incluíndo Myanmar, Tailandia, Malaisia, Indonesia, Indochina, as principais illas das Filipinas, e o sur da China, incluíndo Hong Kong, Hainan e Fuzhou, e cara ao leste por Nova Guinea e o arquipélago de Bismarck, ata Australia. No norte das Salomóns está restrinxido ás illas Nissan, e substituída noutras partes pola H. sandfordii. En Victoria, onde é escasa, é localmente máis común en Corner Inlet e os lagos Gippsland. Igualmente, en Australia do Sur, é moi abundante ao longo da costa norte das illas Kangaroo. A súa área de distribución esténdese ás illas do estreito de Bass e Tasmania, e pénsase que pode moverse entre as illas e o continente. Hai rexistros non confirmados na illa Lord Howe e varias de Nova Zelandia.
Estes pigargos poden albiscarse comunmente nas áreas costeiras, pero poden tamén verse en zonas bastante ao interior (informouse da súa presenza na Reserva de tigres de Panna no centro da India, case a 1000 km da costa) Xeralmente é sedentaria e territorial, aínda que pode viaxar a longas distancias. Observáronse viaxando río arriba para cazar raposos voadores (Pteropus). As poboacións do interior de Australia migran a medida que os corpos de auga do interior aparecen e despois secan. Nun caso, unha parella veu a reproducirse ao lago Albacutya no noroeste de Victoria cando tiña auga despois de que o lago estivera seco durante 30 anos. A especie é doadamente alterada polos humanos, especialmente cando nidifican e pode abandonar os sitios de nidificación como resultado. Atópase en grandes cantidades en áreas con pouco ou ningún impacto ou interferencia humana.
Comportamento miniatura|Composición de catro imaxes mostrando como engala.
É unha ave xeralmente territorial; algunhas aves forman parellas permanentes que habitan os seus territorios durante todo o ano, mentres que outras son nómades. A especie é monógama, con parellas que permanecen xuntas ata que unha das aves morre, despois do cal o supervivente busca rapidamente unha nova parella. Isto pode levar a que algúns sitios de nidificación sexan ocupados continuamente por moitos anos (un sitio en Mallacoota foi ocupado durante uns 50 anos). As aves inmaturas son xeralmente dispersivas, e moitas móvense 50 km da área na que se criaron. Un exemplar novo criado en Cowell, Australia do Sur atopouse a 3000 km da illa Fraser de Queensland. Un estudo da especie na Baía Jervis mostrou un incremento na cantidade de inmaturos e subadultos en outono, aínda que non estaba claro se estes adquiriran localmente xa a plumaxe adulta ou (como se consideraba máis probable) eran un fluxo de aves novas nacidas e criadas noutra parte de Australia. As aves están a miúdo pousadas no alto das árbores ou pairando sobre os corpos de auga e terras adxacentes. Encóntranse comunmente soas ou en parellas. Os pequenos grupos de H. leucogaster ás veces xúntanse se hai unha boa cantidade de recursos alimenticios como carcasas ou restos de peixes desbotados polos barcos. Gran parte do comportamento desta especie, especialmente na súa reprodución, segue sen coñecerse ben.
Reprodución