O alcohol cetílico, tamén chamado hexadecan-1-ol e alcohol palmitílico, é un alcohol graxo de 16 carbonos coa fórmula CH3(CH2)15OH. Á temperatura dunha habitación o alcohol cetílico ten a forma dun sólido branco ceroso en cristais ou escamas. O nome cetílico procede de que se illou inicialmente do aceite de cachalote, é dicir, de aceite de cetáceo, a través do latín cetus, 'balea', e este procedente do grego κῆτος, kētos, 'peixe enorme'.
Preparación
Descubriuno en 1817 o químico francés Michel Chevreul cando quentou espermaceti, unha substancia cerosa obtida do aceite de cachalote (da substancia cerosa contida na súa cabeza), xunto con potasa cáustica (hidróxido de potasio). Obtivéronse na reacción escamas de alcohol cetílico ao arrefriar. Tamén se encontra en pequenas cantidades no aceite de balea. A produción moderna está baseada na redución química do palmitato de etilo.
Usos
O alcohol cetílico úsase na industria cosmética como opacificador nos xampús, ou como emoliente, emulsificador ou espesante na manufactura de cremas para a pel e locións. Tamén se empregou como lubricante de pernos e porcas, e é o ingrediente activo dalgúns "cobertores líquidos de piscinas" (formando unha capa superficial non volátil que reduce a evaporación da auga, a perda relacionada de calor latente de vaporización, e así retén a calor na piscina). Ademais, pode usarse tamén como cosurfactante non iónico en aplicacións en emulsión.
Efectos colaterais As persoas que teñen eccema poden ser sensibles ao alcohol cetílico, aínda que isto pode deberse ás impurezas máis que ao propio alcohol cetílico. Porén, o alcohol cetílico está incluído ás veces nos medicamentos usados para o tratamento do eccema.
Compostos relacionados Palmitato Ácido palmítico
Notas
Categoría:Alcohois graxos Categoría:Antioxidantes Categoría:Alcohois primarios Categoría:Alcanois