Carlos Alcaraz Garfia, nado no Palmar, Murcia o 5 de maio de 2003 é un tenista profesional español. En 2024 foi campión do Campionato de Wimbledon e do Torneo de Roland Garros.
Como xuvenil gañou dous torneos do ITF World Tennis Tour Juniors e alcanzou o número vinte e dous da clasificación. Converteuse en profesional en 2018, gañou tres torneos do ITF World Tennis Tour e catro do ATP Challenger Tour, entrando no top 100 da clasificación ATP en maio de 2021. Dous meses máis tarde gañou o seu primeiro ATP Tour 250, o Open de Croacia. En febreiro de 2022 gañou o seu primeiro ATP Tour 500, o Open de Río, e en abril o seu primeiro ATP Tour Masters 1000, o Open de Miami.
En setembro do mesmo ano, gañou o seu primeiro Grand Slam tras vencer a Casper Ruud na final do Aberto dos Estados Unidos, con ese triunfo converteuse no número un masculino da clasificación mundial ATP máis novo da historia, ao conseguilo con 19 anos e 18 semanas.
Logrou varias marcas en Grand Slam, é o tenista masculino máis novo na historia do tenis en gañar un Grand Slam en tres superficies diferentes, o sétimo (era open) en gañar as súas tres primeiras finais de Grand Slam, o sexto en gañar Roland Garros e Wimbledon o mesmo ano (sendo o máis novo) e é o primeiro tenista na historia que gaña a súa primeira final de Grand Slam en terra (Roland Garros 2024), a primeira en herba (Wimbledon 2023) e a primeira en pista dura (US Open 2022). É xunto a Roger Federer o primeiro tenista en gañar as súas catro primeiras finais de Grand Slam. É o segundo xogador español con mellor palmarés individual en Grand Slams, só por detrás de Rafa Nadal e igualado con Manuel Santana.
En 2024 residía en Villena, na provincia de Alacante, onde era adestrado polo extenista Juan Carlos Ferrero.
Traxectoria
Primeiros anos Comezou a xogar ao tenis na Real Sociedade Club de Campo de Murcia, onde o seu pai era director da escola de tenis, ata que aos 14 anos se foi á Equelite JC Ferrero Sport Academy en Villena.
2019 En 2019 converteuse no primeiro tenista nado en 2003 en gañar un partido nun torneo Challenger, ante Jannik Sinner no Challenger de Alacante. O novo tenista, aínda descoñecido, empezaba a despuntar en torneos tanto nacionais como internacionais.
2020 - Debut no circuíto ATP O 17 de febreiro de 2020 derrotou o seu compatriota Albert Ramos (situado no núm. 41 da clasificación ATP) en primeira rolda do torneo ATP 500 de Río de Janeiro por 7-6, 4-6, 7-6 gañando o seu primeiro partido no cadro final dun torneo do ATP Tour con 16 anos e 10 meses. No partido de segunda rolda fronte ao arxentino Federico Coria quedaría eliminado do torneo tras perder por 4-6, 6-4, 4-6.
Tras o parón provocado pola pandemia, Alcaraz volveu á competición, conseguindo o seu primeiro título ATP Challenger tras derrotar na final ao italiano Bonadio. Desta forma, converteuse no 15.º xogador máis novo en lograr un título profesional, ademais de entrar entre os 250 mellores postos na clasificación ATP.
2021 - Primeiro título no circuíto ATP O 13 de xaneiro de 2021, con 17 anos, 8 meses e 8 días, clasifícouse para o cadro final do Aberto de Australia 2021 converténdose no primeiro xogador masculino nado en 2003 en clasificarse para o cadro final dun Grand Slam. Así mesmo, convértese no terceiro tenista español máis novo en debutar nun Grand Slam, tras Arantxa Sánchez Vicario que debutou no Torneo de Roland Garros 1987 con 15 anos e Rafael Nadal que debutou no Campionato de Wimbledon 2003 con 17 anos e 20 días.
O 3 de febreiro de 2021 venceu a David Goffin (núm. 14) en segunda rolda do Torneo ATP de Melbourne. Con esta vitoria converteuse, con 17 anos e nove meses, no tenista máis novo en derrotar a un top-15 desde que Richard Gasquet fixera o propio con Nicolás Massú en 2004.
O 9 de febreiro de 2021 debutou nun Grand Slam con vitoria ante o neerlandés Botic van de Zandschulp. Así mesmo, converteuse no terceiro español máis novo de todos os tempos en gañar un partido de Grand Slam con 17 anos e 9 meses (tras Rafael Nadal con 17 anos e 20 días en Wimbledon 2003 e Arantxa Sánchez Vicario con 15 anos en Roland Garros 1987).
No Masters de Madrid 2021 recibiu unha wild card para o cadro principal. En primeira rolda consegiu a súa primeira vitoria en Masters 1000 derrotando ao francés Adrian Mannarino (6-4, 6-0). Xogou en segunda rolda o día do seu 18 aniversarios, perdendo contra Rafael Nadal.
No Torneo de Roland Garros 2021 conseguiu entrar no cadro principal a través da fase previa. En primeira rolda derrotou o tamén español Bernabé Zapata Miralles en 4 sets, converténdose no xogador máis novo desde Novak Djokovic en 2005 en gañar un partido no torneo parisiense. En segunda rolda conseguiu derrotar o xeorxiano Nikoloz Basilashvili en sets corridos, converténdose con 18 anos e 29 días no xogador máis novo que alcanza a terceira rolda dun Grand Slam desde Rafa Nadal (17 anos, 7 meses e 19 días) no Aberto de Australia de 2004 e o máis novo en conseguilo en Roland Garros desde que o fixese o ucraíno Andréi Medvédev en 1992 (17 anos e nove meses). Finalmente é derrotado na terceira rolda ante o tenista alemán Jan-Lennard Struff (6-4, 7-6, 6-2), quen dixo sobre Carlos Alcaraz: “Ten que seguir así, vai ser un grandísimo xogador”.
En xuño de 2021 recibiu unha wild card para disputar o Campionato de Wimbledon 2021. En devandito campionato conseguiu unha gran vitoria en primeira rolda contra o xaponés Uchiyama, nun partido que se foi até o quinto set. Xa en segunda rolda non puido superar ao ruso e número 2 do mundo Daniil Medvedev (6-4, 6-1, 6-2), despedíndose así da súa primeira participación en Wimbledon.
O 25 de xullo de 2021 na arxila de Umag gañou o seu primeiro título ATP ante Richard Gasquet cun tanteo de 6-2 e 6-2, converténdose no tenista máis novo desde Kei Nishikori no Torneo de Delray Beach 2008 en conseguir un título ATP..En agosto debutaría no cadro principal do Aberto dos Estados Unidos 2021 enfrontándose en primeira rolda ao británico Cameron Norrie ao que bateu en 3 sets. En segunda rolda venceu o tenista galo Arthur Rinderknech en 4 sets e en terceira rolda daría a gran sorpresa vencendo en 5 durísimos sets a Stéfanos Tsitsipás cabeza de serie número 3, xa en cuarta rolda vencería o alemán Peter Gojowczyk en 5 sets, con esta vitoria, Carlos alcanzaría os seus primeiros cuartos de final nun Grand Slam. Deste xeito, o murciano superou a Andre Agassi como tenista máis novo da historia (18 anos e catro meses) en alcanzar a quinta rolda desde 1973. Tras un gran torneo e moito desgaste, o tenista non puido completar o partido de cuartos fronte a Félix Auger-Aliassime por problemas físicos no cuadríceps e no adutor.
Na volta á competición en outubro de 2021 despois da súa lesión no US Open, participa no Masters 1000 de Indian Wells onde foi eliminado en primeira rolda polo británico Andy Murray (7-5, 3-6, 2-6). Ademais foiseleccionado polo equipo español da Copa Davis por primeira vez na súa carreira para competir na fase final da Copa Davis de 2021. Compitiu no Torneo de Viena ATP 500, onde realizou unha gran actuación, eliminando os británicos Daniel Evans e Andy Murray e ao terceiro cabeza de serie e top 7 mundial Matteo Berrettinni por (6-1, 6-7, 7-6) en cuartos de final, a súa andaina no torneo finalizou en semifinais tras caer derrotado pola segundo cabeza de serie e top catro mundial Alexander Zverev por (3-6, 3-6). Na súa primeira participación no Masters de París conseguiu a súa terceira vitoria sobre un top 10, vencendo a Jannik Sinner (7-6, 7-5), finalmente sería eliminado polo francés Hugo Gaston (4-6, 5-7) en terceira rolda.
En novembro participou nas Next Generation ATP Finals 2021 (competición que reúne os mellores tenistas menores de 21 anos, pero que non dá puntos ATP), torneo que gañou, perdendo un só set en todo o torneo, vencendo na final a Sebastian Korda por (4-3, 4-2, 4-2). O mesmo día de inicio da fase final da Copa Davis de 2021, a Real Federación Española de Tenis anunciou que un membro do equipo español da Copa Davis dera positivo en COVID-19, sendo Alcaraz o positivo, o que supuxo que finalmente non puidese participar no torneo.
2022 - N.º 1 do mundo e campión do Aberto dos Estados Unidos En xaneiro de 2022, reapareceu cunha gran melloría no seu estado físico co obxectivo de poder competir mellor. Iniciou a tempada participando no Aberto de Australia, sendo cabeza de serie do torneo, por primeira vez nun Grand Slam, ademais o día do seu debut no torneo alcanzou a súa maior posición na clasificación ATP na súa carreira, o 31. En primeira rolda venceu o chileno Alejandro Tabilo (6-2, 6-2, 6-3), en segunda rolda venceu o serbio Dušan Lajović (6-2, 6-1, 7-5) alcanzando o seu mellor resultado na súa carreira no Aberto de Australia. Finalmente foi eliminado en terceira rolda polo top 7 mundial Matteo Berrettini (6-2, 7-6(3), 4-6, 2-6, 7-6(5)) tras un partido maratoniano de 4 horas e 10 minutos, no que remontou dous sets e forzou o super tie-break. Debido á súa actuación no torneo alcanzou o 31 de xaneiro de 2022 a súa clasificación ATP máis alta até ese momento, o posto 29.
Despois da súa participación no Aberto de Australia, disputou o Open de Río 2022 en febreiro, torneo ATP 500 do circuíto. Gañando o seu primeiro título da categoría (o máis novo en logralo), despois de eliminar en cuartos de final ao cabeza de serie do torneo e número 6 do mundo Matteo Berrettini (6-2, 2-6, 6-2) e en semifinais ao italiano Fabio Fognini (6-2, 7-5), ambos os partidos xogáronse o mesmo día por mor da choiva en Río de Janeiro. Finalmente derrotou na final o arxentino Diego Schwartzman (6-4, 6-2). Con este título, o 21 de febreiro, alcanzou o posto 20 na clasificación ATP, a súa mellor posición na súa carreira.
O 4 de marzo fai o seu debut coa selección española da copa Davis contra Romanía, no clasificatorio para a fase final de 2022. Gañaría o segundo partido do cruzamento por (6-4, 6-3) (pondo o 2-0 na eliminatoria) finalmente, España gañaría o cruzamento por 3-1. Clasificándose para a fase final, que se disputaría en setembro e novembro de 2022. Ese mesmo mes participou en Indian Wells onde realizou unha gran participación chegando até as semifinais do torneo contra Rafa Nadal perdendo por (4-6, 6-4, 3-6).
O 3 de abril gañou o Masters de Miami, despois de eliminar a tres top 10 durante o torneo. Ao grego Stéfanos Tsitsipás e número 5 da clasificación en 4R (7-5, 6-3), nas semifinais venceu ao polaco Hubert Hurkacz número 10 do mundo. Na final gañou ao noruegués Casper Ruud número 8 do mundo (7-5, 6-4) converténdose no primeiro español en gañar o devandito torneo en categoría masculina e o terceiro xogador máis novo da historia en gañar un Masters 1000.
O 24 de abril gañou o Masters ATP 500 Barcelona Open Banc Sabadell, tamén chamado trofeo Conde de Godó, batendo a Tsitsipás, Álex de Miñaur, Jaume Munar e na final a Pablo Carreño por un (6-3, 6-2). Tras ese triunfo entrou por primeira vez no top 10 da clasificación ATP.
O 8 de maio gañou o seu segundo Masters 1000, o de Madrid. Despois dun torneo no que gañou en cuartos de final ao n.º 4 da clasificación ATP Rafa Nadal por (6-2, 1-6, 6-3) e ao día seguinte ao n.º 1 Novak Djokovic por (6(5)-7, 7-5, 7-6(5)) converténdose no finalista máis novo da historia dese torneo. Na final derrotou a terceira raqueta do tenis mundial, Alexander Zverev (6-3, 6-1), gañando as súas primeiras 5 finais do circuíto ATP (sen perder ningún set) e sendo o terceiro tenista español que gaña o torneo despois de Rafa Nadal e o seu adestrador Juan Carlos Ferrero. Ademais alcanzaría o n.º 6 na clasificación ATP. Durante o mes de maio xogou tamén Roland Garros, onde alcanzou o seu mellor resultado no torneo e igualou o seu mellor desempeño nun Grand Slam alcanzando os cuartos de final onde foi vencido polo alemán Alexander Zverev (4-6, 4-6, 6-4, 6(7)-7).