Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907Salber 2006, p. 21 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena. Igualmente, é valorada polo feminismo debido á súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina. A súa vida estivo cruzada polo infortunio dunha enfermidade infantil, a poliomielite, e por un grave accidente na súa mocidade que a mantivo prostrada durante longos períodos. De feito, chegou a someterse até a 32 operacións cirúrxicas.Herrera (1984), p. 62 Levou unha vida pouco convencional, foi bisexual e entre os seus amantes atopábase Lev Trotski. A súa obra pictórica xira tematicamente en torno á súa biografía e ao seu propio sufrimento.

En 1939 expuxo as súas pinturas en Francia grazas a unha invitación de André Breton. Este tentou convencela de que eran «surrealistas», aínda que Kahlo dicía que esta tendencia non correspondía coa súa arte, xa que ela non pintaba soños senón a súa propia vida. Unha das obras desta exposición (Autorretrato-O marco, que actualmente se atopa no Centro Georges Pompidou), converteuse no primeiro cadro dun artista mexicano adquirido polo Museo do Louvre. Até entón, Frida Kahlo pintara só no ámbito privado, e custoulle admitir que a súa obra puidese ter interese xeral. Aínda que gozou da admiración de destacados pintores e intelectuais da súa época como Pablo Picasso, Vasili Kandinski, André Breton ou Marcel Duchamp, a súa obra alcanzou fama e verdadeiro recoñecemento internacional despois da súa morte, especialmente a partir da década de 1970.

Traxectoria Primeiros anos (1910-1925)

miniatura|Autorretrato (1920) do fotógrafo Guillermo Kahlo, pai de Frida Familia e orixe Frida foi a terceira filla do fotógrafo Carl Wilhelm Kahlo, inmigrante alemán nacionalizado mexicano, e da súa segunda esposa, Matilde Calderón, unha indíxena mexicana.> As súas dúas irmás máis vellas foron Matilde (nada en 1899) e Adriana (nada en 1902). En 1906 naceu Guillermo, que sobreviviu só uns días, e en xuño de 1908, a irmá máis nova, Cristina. Ela foi a súa constante compañeira e a única das irmás que deixou descendencia. Frida tivo tres medias irmás máis vellas: Luisa (nada en 1894), María (nada en 1896 e finada aos poucos días de nacer) e Margarita, froito do primeiro matrimonio do pai con María Cardeña Espino (chamada tamén Sardeña nalgunhas fontes), falecida no parto de Margarita en 1898.

Abondan as publicacións que sinalan ao pai de Frida como alemán de orixe xudeu-húngara A máis difundida é a versión que recolle a biógrafa Hayden Herrera, quen afirma que os avós de Frida proviñan de Hungría, precisamente de Arad, unha rexión que hoxe en día pertence a Romanía, e establecéronse na cidade alemá de Baden-Baden, onde nacería o pai de Wilhelm no ano 1872. Wilhelm, o pai de Frida, procedía de Pforzheim, unha pequena cidade do estado de Baden-Württemberg, e tanto os avós —Jakob Wilhelm Kahlo e Henriette Kaufmann— coma os demais antepasados pertencían á burguesía local e eran de fe luterana. A investigación logrou establecer unha árbore xenealóxica con ascendentes verificados ata o ano 1597.

Tras a morte da súa nai (a avoa de Frida) en 1878, e debido ás desavinzas coa nova esposa do seu pai, Wilhelm Kahlo embarcou en Hamburgo e chegou a Veracruz (México) en 1890. Como parte da ruptura coa súa familia, cambiou o seu nome polo equivalente en español: Guillermo. O 15 de agosto de 1893 contraeu matrimonio con María Cardeña, de quen enviuvou catro anos máis tarde. O 21 de febreiro de 1898 celebrou o seu matrimonio eclesiástico con Matilde Calderón, a nai de Frida, unión lexitimada civilmente o 29 de setembro de 1904. Ese mesmo ano, tres anos antes do nacemento de Frida, a familia mudouse á localidade de Coyoacán, no centro xeográfico da Cidade de México, á coñecida como Casa Azul, o 247 da rúa Londres, actualmente o Museo Frida Kahlo. A instancias de Matilde, as dúas irmás máis vellas de Frida (fillas do primeiro matrimonio de Guillermo Kahlo) estudaban internas na escola dun convento, de modo que só pasaban as vacacións na casa da familia Kahlo-Calderón.

Infancia miniatura|Frida Kahlo con 11 anos A vida de Frida estivo marcada desde moi temperá idade polo sufrimento físico e as doenzas. A primeira foi a poliomielite, que contraeu en 1913 cando tiña seis anos,Salber 2006, p. 24 que a obrigou a permanecer nove meses encamada. Deixoulle, amais, unha secuela permanente: a perna dereita moito máis delgada que a esquerda. Animada polo seu pai e como parte da súa rehabilitación, Frida practicou diversos deportes, algúns pouco usuais para unha nena, como fútbol ou boxeo.

Con todo, a evidente limitación motriz e as constantes operacións cirúrxicas e tratamentos médicos fixeron que Frida se desenvolvese de modo diferente. De feito, con frecuencia víase impedida de relacionarse con outros nenos. Varios dos cadros que pintaría na súa vida adulta reflicten a temática da soidade da súa infancia. Un exemplo recorrente, Catro habitantes da Cidade de México (1938), un óleo sobre metal de 32,4 x 47,6 cm, mostra unha nena sentada sobre unha superficie en altura e ataviada cun traxe de tehuana. A nena parece abandonada e triste, e chucha o dedo con desolación. Outro cadro dese mesmo ano, Nena con máscara de morte ou Ela xoga soa, que Frida pintou en dúas versións, mostra tamén unha nena duns catro anos cunha máscara de caveira. Malia tratarse aquí do Día dos Mortos, unha festa popular en México, tamén se comentou o sentimento de soidade que transmite esa nena, quen se supón que representa á propia Frida.

Mentres a ambivalencia de sentimentos de amor e odio caracterizou o vínculo de Frida coa súa nai, a relación co seu pai sempre foi de moito agarimo e proximidade. Fíxose aínda máis estreita tras a poliomielite de Frida, pois foi el quen a acompañou no proceso de rehabilitación. Frida, á súa vez, foi testemuña dos continuos e misteriosos desmaios do seu pai, para ela inexplicábeis. Tratábanse, ao parecer, de ataques epilépticos, secuela dunha lesión cerebral. Co tempo, Frida aprendeu a prestarlle asistencia nestas circunstancias e finalmente decatouse da súa causa. A experiencia compartida de enfrontarse a esas doenzas uniunos na solidariedade e na empatía.

Mocidade

Non se logrou identificar con exactitude a escola á que asistiu Frida antes de 1922. Sinalouse en reiteradas ocasións que foi alumna do Colexio Alemán até 1921 e que alí obtivo o graduado escolar. Con todo, non figura nas actas do colexio, nin tampouco tiña ela fluidez en alemán, como ela mesma lle admitiu nunha carta en inglés de 1949 a Hans-Joachim Kahlo, cando tentaba pescudar sobre os seus devanceiros e a súa familia de Alemaña.

En 1922 iniciou estudos na Escola Nacional Preparatoria da Cidade de México, unha prestixiosa institución educativa que daquela comezaba a admitir estudantes de sexo feminino. En efecto, estaban matriculadas só 35 mulleres, dun total de dous mil alumnos. Naquel momento, Frida aspiraba a estudar medicina. Na escola coñeceu futuros intelectuais e artistas mexicanos, como Salvador Novo, e formou parte de Los Cachuchas, chamados así polas gorras que usaban. A este grupo só pertencían dúas mulleres: Carmen Jaime e a propia Frida. Os demais, todos homes, tiveron éxito intelectual ou profesional xa de adultos na sociedade mexicana: Agustín Lira, Miguel Lira, Alfonso Villa, Manuel González Ramírez, Jesús Ríos y Valles, José Gómez Robleda e quen se converteu no seu noivo, Alejandro Gómez Arias. Los Cachuchas autodefiníanse como un grupo político e crítico coa autoridade, e mobilizábanse contra as inxustizas e polas reformas do sistema escolar. A súa actividade e posición política calzaba nalgún espazo entre as ideas anarquistas e revolucionarias románticas.Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 236. Máis adiante, Frida plasmaría sobre a tea unha escena típica dos seus encontros con estes amigos. O óleo, pintado en 1927 e con estilo cubista, leva por título Los Cachuchas (ou, alternativamente,Si Adelita...) e transmite, con axuda de símbolos, a atmosfera grupal e os intereses dos membros do grupo

Accidente e inicio da súa pintura (1925-1928) O 17 de setembro de 1925 sufriu un grave accidente cando o autobús no que viaxaba foi embatido por un tranvía e ficou esmagado contra un muro. Regresaba da escola á casa xunto con Alejandro Gómez Arias, o seu mozo de entón. A columna vertebral quedoulle fracturada en tres partes, e sufriu amais fracturas en dúas costelas, na clavícula e tres no óso pelviano. A perna dereita fracturouse en once partes, o pé dereito dislocouse, o ombreiro esquerdo desencaixouse e un ferro atravesouna desde a cadeira esquerda até saír pola vaxina. Respecto diso, Kahlo comentaba que sería esta a forma brutal na que perdera a virxindade. O aparatoso accidente levouna por diversos hospitais, ademais de inmobilizala durante un ano, no que permaneceu escaiolada. A medicina do seu tempo fíxoa pasar por múltiples cirurxías (polo menos 32 ao longo da súa vida), corpiños de xeso e de distintos tipos, así como diversos mecanismos de «estiramento».

A comezos de 1925, antes do accidente, traballara como aprendiz no obradoiro de gravado e imprenta de Fernando Fernández Domínguez, amigo do seu pai. Este, no medio do traballo, ensináballe a debuxar copiando gravados de Anders Zorn, pois crera detectar en Frida dotes artísticas. Á parte desta experiencia, Frida non mostrara anteriormente ningún interese especial pola pintura, e tampouco pola materia de artes plásticas na escola. A batalla contra as secuelas da poliomielite facíana inclinarse máis ben polos deportes, xa que o exercicio físico aumentaba as súas posibilidades de recuperación. Tras o accidente, en cambio, trataba de moverse o mínimo para axudar á sanación. A pintura, entón, comeza a ocupar un lugar central na súa vida. De feito, durante a convalecencia comezou a pintar con máis frecuencia. En setembro de 1926 pintou o seu primeiro autorretrato ao óleo, que dedicou a Alejandro Gómez Arias.Trayectoria biográfica y artística en Frida. Edición conmemorativa, p. 237. Nesta primeira obra emprendeu unha dinámica que continuaría o resto da súa existencia: reflectir nos seus cadros os sucesos da súa vida e os sentimentos que lle producían.

En 1927, a súa pintura volveuse máis complexa. Ese mesmo ano pintou o Retrato de Miguel N. Lira, un óleo sobre lenzo de 99,2 X 67,5 cm que mostra o seu compañeiro cachucha nun fondo moi particular, cheo de obxectos e símbolos que aluden ao seu nome. Apenas un ano máis tarde realizou o retrato da súa irmá Cristina, cunhas liñas moi puras e uns tons moi suaves.

Por esta época, Frida xa comezaba a frecuentar ambientes políticos, artísticos e intelectuais. A través de Germán de Campo, un dirixente estudantil moi admirado por Frida, coñeceu ao comunista cubano Julio Antonio Mella, exiliado en México coa súa parella, a fotógrafa Tina Modotti. Frida e Tina estabeleceron rapidamente amizade, e esta última empezou a levala ás reunións do Partido Comunista Mexicano. Xa formaban parte desta organización varios dos seus amigos cachuchas, e Frida tamén acabou por se incorporar formalmente.

Primeiro matrimonio con Diego Rivera (1929-1939)

miniatura|Frida Kahlo con Diego Rivera en 1932, fotografiados por Carl van Vechten.