As Pezizales son unha orde do subfilo Pezizomycotina dentro do filo Ascomycota. A orde contén 16 familias, 199 xéneros e 1683 especies. Contén varias especies de importancia económica, como os cogomelos de Coresma, as trufas negras e trufas brancas e as trufas do deserto. As Pezizales poden ser saprobias, micorrícicas ou parasitas de plantas. As especies crecen no solo, madeira, follas e excrementos. As especies que habitan nos solos a miúdo frutifican en hábitats con pH alto e baixo contido de materia orgánica, como terreos alterados. A maioría das especies danse en climas das rexións temperadas ou a alturas elevadas. Varios membros das Sarcoscyphaceae e Sarcosomataceae son comúns en rexións tropicais.
Descrición Os membros desta orde caracterízanse por ter ascos que se aben caracteristicamente por rotura para formar unha tapa terminal ou excéntrica ou opérculo. Os ascomas son apotecios ou son estruturas pechadas de varias formas derivadas dos apotecios. Os apotecios varían en tamaño desde menos dun milímetro a aproximadamente 15 cm, e poden ter pedúnculo ou ser sésiles. A orde inclúe taxons epixeos, semihipoxeos ou hipoxeos (trufas). As ascósporas son unicelulares, simetricamente bipolares e xeralmente bilateralmente simétricas, e varían de case esféricas a elipsoidais ou ocasionalmente fusoides (fusiformes). As ascósporas dalgunhas especies desenvolven ornamentacións superficiais con verrugas, cristas ou espiñas. Os tecidos dos ascomas son carnosos e a miúdo fráxiles. Aínda que a maioría das especies se coñecen só en estado teleomórfico, coñécense os anamorfos dalgunhas especies.
Taxonomía
Unha análise filoxenética de datos moleculares e morfolóxicos suxire que dentro de Pezizales hai tres liñaxes. A liñaxe A comprende as familias Ascobolaceae e Pezizaceae. A primeira non ten especies hipoxeas. A liñaxe B inclúe as dúas familias epixeas Rhizinaceae e Caloscyphaceae, así como as dúas subliñaxes con especies hipoxeas coñecidas, Morchellaceae–Discinaceae e Helvellaceae–Tuberaceae. A liñaxe C contén a Ascodesmidaceae, Sarcoscyphaceae e Sarcosomataceae sen especies hipoxeas coñecidas, así como a Glaziellaceae e Pyronemataceae. Non se sabe onde se colocarían as Carbomycetaceae nesta liñaxe.
Notas