A Universidade Intercultural das Nacionalidades e Pobos Indíxenas Amawtay Wasi (en ) ou sinxelamente Universidade Amawtay Wasi, que vén do kichwa "Casa da Sabedoría” ou “Casa do Saber”, é unha universidade pública comunitaria e intercultural de Quito, Ecuador, centrada no coñecemento dos pobos indíxenas de América. Conta co apoio da CONAIE e do Instituto Científico de Culturas Indíxenas. O seu reitor é Luis Fernando Sarango.

A Amawtay Wasi ten como obxectivo recoñecer, promover e fortalecer os saberes indíxenas, afroecuatorianos e montubios, mais tamén está aberta a calquera persoa interesada na súa oferta académica. Ofrece unha gama de programas de grao agrícolas, técnicos ou interculturais e tamén serve como institución de educación xeral, especialmente para os pobos indíxenas. Os seus ideais inclúen o bilingüismo en polo menos unha lingua indíxena, o concepto do sumak kawsay, e outros conceptos indíxenas.

Historia A súa creación está ligada á loita histórica dos pobos indíxenas de Ecuador por unha educación propia que respecte a súa identidade e coñecementos. Os seus antecedentes remóntanse ás escolas comunitarias impulsadas por líderes como Dolores Cacuango e Tránsito Amaguaña, e á creación da Dirección de Educación Intercultural Bilingüe nos anos oitenta.

En 2004 constituíuse como universidade privada mediante a Lei 40, promovida pola CONAIE e o ICCI. Máis tarde, a Lei Orgánica Reformatoria de 2018 recoñeceu a Amawtay Wasi como universidade pública comunitaria con autonomía académica, administrativa e financeira.

O 4 de setembro de 2024 o Consello de Educación Superior (CES) aprobou a súa institucionalización, converténdose na universidade número 63 do sistema de educación superior ecuatoriano e na primeira universidade intercultural do país.

Notas

Categoría:Universidades de Ecuador Categoría:Pobos indíxenas de Ecuador