The Langley Schools Music Project foi un proxecto de música coral xuvenil de catro escolas primarias da Columbia Británica canadense executado entre os anos 1976 e 1977, onde, guiados polo seu profesor de música Hans Fenger, os cativos interpretaron versións propias de artistas como David Bowie, The Beach Boys, Neil Diamond ou Paul McCartney. As cancións graváronse cun gravador de dúas pistas no ximnasio do colexio. Os alumnos tamén tocan eles mesmos os instrumentos. The Langley Schools Music Project é como se cataloga a ambos o álbum e o grupo musical, que non continou como proxecto tras a creación do disco, o álbum contén amais o subtítulo Innocence & Despair. Tanto o proxecto coma o disco son descritos pola crítica coma exemplos da outsider music ou Do it Yourself Music, ou Lo-fi de xeito retrospectivo. Foi pubicado o 9 de outubro de 2001 obtendo a cualificación de disco do ano en diversas revistas especializadas, Pitchfork outorgoulle un 8.0 sobre 10.

David Bowie citou a súa versión de "Space Oddity" adxectivandoa coma "unha obra de arte que nunca podería ter imaxinado". Neil Diamond comentou: "Quixera que todas as escolas ensinasen música así. Quixera que cada peza musical gravada nun ximnasio escolar fose tan inquietante... e logo sospeito que, se as escoitase correctamente, quizais o serían."

Historia

Durante o curso 1976-77, o profesor de primaria Hans Fenger foi asignado a catro clases diferentes no distrito escolar de Langley, Columbia Británica. Ao incorporarse ao seu posto, Fenger, cunha formación máis próxima ao rock, antigo integrante de bandas afeccionadas do estilo, que á pedagoxía tradicional, constatou que os métodos clásicos de ensino musical non captaban o interese do seu alumnado. Pola súa banda, os estudantes si coñecían e se identificaban co concepto de "éxito" musical.

Fenger propuxo entón traballar con cancións populares que os nenos e nenas escoitaban na radio da época. Segundo as súas propias palabras, recollidas máis tarde nas notas do álbum Innocence & Despair: The Langley Schools Music Project, "os nenos comprenden aquilo que lles gusta: emoción, drama e a música feita en grupo". Observou que o interese e a implicación dos estudantes aumentaba notablemente cando interpretaban temas de artistas como The Beach Boys, David Bowie, Paul McCartney ou Bay City Rollers, fronte á desmotivación que lle provocaban as cancións infantís tradicionais. Para Fenger, o valor das interpretacións residía na súa autenticidade emocional, máis alá da precisión técnica, afirmando que "tiveran alma".

Fenger descubriu que o seu alumnado respondía con maior intensidade a temas pop adultos que exploraban sensacións como a soidade ou a tristeza, en contraposición ás cancións consideradas "propias" para a infancia. Cando o proxecto trascendiu o ámbito da aula, Fenger trasladou as sesións ao ximnasio dunha escola de Vancouver, onde estableceu un estudo de gravación básico co consentimento da dirección e das familias.

Para o acompañamento instrumental, Fenger adoptou os principios da Orff Schulwerk, unha metodía pedagóxica creada polo compositor alemán Carl Orff nos anos 20, baseada no traballo en equipo, a cooperación e o xogo como ferramenta de aprendizaxe artística. Esta doutrina inspirábase en parte nos ensembles do galemán indonesio, caracterizados pola percusión pausada e o uso da escala pentatónica. Fenger equipou aos estudantes con campás, xilófonos, baixo e batería, seguindo o espírito de Orff, quen sinalaba que os nenos aprenden mellor cando o fan xogando.

Fenger non se centrou en ensinar técnicas instrumentais convencionais, senón en facilitar unha expresión musical intuitiva e colectiva. Os estudantes das escolas de Langley involucráronse no proxecto con dedicación, desenvolvendo por si mesmos padróns rítmicos e melódicos, aínda que estes se desviásen ás veces das versións orixinais. O profesor valorou a consistencia destas "desviacións" como parte da identidade única das gravacións. Nunha entrevista a The Irish Times en 2002, Fenger puxo como exemplo un erro de percusión nunha interpretación de "Space Oddity" que se repetía sistematicamente no mesmo punto, e que el decidiu conservar por considerar que formaba parte da expresión natural do grupo.

Fenger describiu esta experiencia como "abrir unha fiestra na parede de ferro do sistema educativo canadense", destacando o seu carácter innovador e autoxerado, comparable en espírito a certos movementos musicais de base popular.

Listaxe de versións propias

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

I Get Around - versión dos The Beach Boys gravada no ximnasio de Vancouver en 1977

Categoría:Outsider music Categoría:Álbums musicais de 2001 Categoría:Pedagoxía