Elvin Abraham Kabat, nado en Nova York o 1 de setembro de 1914, e finado o 16 de xuño de 2000, foi un científico biomédico dos Estados Unidos e un dos pais fundadores da inmunoquímica cuantitativa. Kabat foi galardoado co Premio Louisa Gross Horwitz da Universidade de Columbia en 1977, a Medalla Nacional de Ciencias en 1991, e o Premio para os Logros de Toda unha Vida da Asociación Americana de Inmunólogos en 1995. Foi o pai de Jon Kabat-Zinn, tamén científico, que integrou o zen e ioga na medicina.
Elvin A. Kabat foi o presidente da Asociación Americana de Inmunólogos de 1965 a 1966, membro da Academia Nacional de Ciencias, e membro da Academia Americana de artes e Ciencias. Deseñou o esquema de numeración de Kabat que leva o seu nome para a numeración dos residuos de aminoácidos nos anticorpos baseado nas súas rexións variables. En 1969, empezou a recoller e aliñar as secuencias de aminoácidos das proteínas de Bence Jones e cadeas lixeiras das inmunoglobulinas de humanos e ratos.
Traballo Mentres traballaba baixo a dirección de Michael Heidelberger na Colexio de Médicos e Ciruuxíans da Universidade de Columbia, Kabat estudou a química dos carbohidratos dos antíxenos e marcadores específicos do estado embrionario dos leucocitos. Ademais, descubriu a base química do sistema de grupos sanguíneos AB0.
Durante a segunda guerra mundial, Kabat traballou para o Comité de Investigaión da Defensa Nacional no desenvolvemento dunha vacina para a meninxite, un test exacto para a sífilis, e detectores para neutralizar a toxina vexetal ricina.
Kabat é coñecido principalmente polo seu descubrimento das bases estruturais e xenéticas da especificidade dos anticorpos. Despois de demostrar que os anticorpos son gammaglobulinas, utilizou oligosacáridos de diferentes lonxitudes para interferir cos anticorpos que se intentaban unir ao substituto dextrano do plasma sanguíneo, estimando con precisión o tamaño e forma dos sitios de unión dos anticorpos antes do desenvolvemento da cristalografía de raios X.
Durante a súa carreira, Kabat participou nos paneis de asesores do Consello de Investigación Nacional, Oficina da Investigación Naval, Fundación Nacional das Ciencias, Sociedade Nacional da Esclerose Múltiple, Fundación Americana para as Doenzas Alérxicas, Centro Sanguíneo de Nova York, Instituto Roche de Bioloxía Molecular, Instituto de Investigación do Cancro, e Laboratorio Memorial Gorgas, Panamá. Ademais, foi membro do Panel Asesor sobre Inmunoloxía da Organización Mundial da Saúde desde 1965 a 1989.
Vida Os pais de Kabat chegaron aos Estados Unidos desde Europa do leste contra o final do século XIX, e cambiaron o seu apelido Kabatchnick polo de Kabat. A bancarrota do negocio de fabricación de vestidos da súa familia durante a Gran Depresión probablemente orixinou as actitudes miserentas de Kabat durante toda a súa vida sobre os gastos de laboratorio e de persoal. Elvin empezou os estudos de secundaria na cidade de Nova York á idade de 12 anos. Graduouse en tres anos e empezou os estudos no City College of New York aos 15 anos, graduándose en 1932 cunha especialización en química aos 18 anos.
En xaneiro de 1933, Kabat empezou a traballar no laboratorio de Michael Heidelberger realizando tarefas de rutina no laboratorio na Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Colombia, ao ser presentado pola esposa de Heidelberger Nina, que era cliente do negocio de vestidos da familia de Kabat. Kabat comezou a traballar no seu doutoramento (Ph.D.) no Departamento de Bioquímica facendo cursos nocturnos para graduarse en só catro anos.
Como parte dunha bolsa de investigción posdoutoral financiada pola Fundación Rockefeller, Kabat estudou novos métodos de ultracentrifugación e electroforese xunto con Arne Tiselius e Kai Pederson no laboratorio de Theodor Svedberg na Universidade de Uppsala en Suecia para investigar a inmunoglobulina G (IgG). En 1938, volveu á cidade de Nova York para ocupar un posto de instrutor de patoloxía no Colexio Médico da Universidade de Cornell, traballando alí durante tres anos.
Kabat pasou a maioría da súa carreira como profesor do Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Columbia. Contratado como investigador asociado polo departamento de bioquimica en 1941, uniuse ao profesorado do departamento de bacterioloxía como profesor axudante en 1946. Kabat converteuse en profesor asociado de bacterioloxía en 1948, e profesor no departamento acabado de renomear de microbioloxía en 1952. Foi nomeado Profesor Higgins de Microbioloxía en 1983, e Profesor Higgins Emérito de Microbioloxía en 1985. Ademais de publicar uns 470 artigos e moitos libros de texto mentres estivo asociado coa Universidade de Columbia, tamén ensinou ao que sería premio Nobel Baruj Benacerraf.
Seguindo a Orde Executiva 9835 de 1947 do presidente Harry S. Truman que ordenaba facer un cribado para comprobar a lealdade de todos os empregados federais, Kabat foi acusado polo bioquímico sueco James B. Sumner de ser un suposto simpatizante comunista. Como consecuencia, Kabat foi despedido do seu posto de investigador no Hospital da Administración de Veteranos do Bronx, o que interferiu no seu estudo da localización histoquímica de encimas. Adicionalmente, retiráronlle o seu pasaporte e impedíronlle asistir a conferencias internacionais ata que unha sentenza do Tribunal do Distrito de Columbia de 1955 sobre o caso Boudin contra Dulles estableceu que non se podían retirar os pasaportes baseándose en información secreta.
Despois de ser seleccionado polo Institutos Nacionais da Saúde como Académico Fogarty en 1974, Kabat continuou realizando investigacións gobernamentais ademais da súa docencia na Universidade de Columbia despois do seu nomeamento como emérito en 1985, continuando o seu traballo de investigación no laboratorio e permanecendo como membro activo do Departamento de Microbioloxía ata a súa morte.
Vida persoal En 1942, Kabat casou con Sally Lennick, unha xove estudante de arte canadense. Tiveron tres fillos, un dos cales é o desenvolvedor da redución do estrés baseada na conciencia plena (MBSR ou mindfulness-based stress reduction), Jon Kabat-Zinn, que intenta integrar o zen na medicina. Desde 2001, as familias de Michael Heidelberger e Kabat traballaron co Departamento de Microbioloxía e Inmunoloxía da Universidade de Columbia para organizar a conferencia que se celebra case anualmente Heidelberger-Kabat Distinguished Lecture in Immunology.
Notas
Categoría:Nados en 1914 Categoría:Nados en Nova York Categoría:Finados en 2000 Categoría:Inmunólogos dos Estados Unidos de América Categoría:Bioquímicos dos Estados Unidos de América Categoría:Médicos dos Estados Unidos de América