Moaña é un concello da provincia de Pontevedra, situado na península que dá nome á comarca do Morrazo. O seu xentilicio é moañés/esa. É un concello pequeno (31,5 km²) que no 2016 tiña unha poboación de 19 458 habitantes, cunha alta densidade de poboación (554,35 hab./km²).
Xeografía Ten unha extensión de 35,1 km², cunha densidade de poboación de 533,02 hab./km². É un dos cinco concellos encravados xeograficamente na península de Morrazo, que separa a ría de Vigo da de Pontevedra, xunto con Cangas de Morrazo, Marín, Bueu e Vilaboa. No seu terreo localízase a maior elevación do Morrazo, o monte Faro de Domaio, de 624 m de altitude. A súa costa acolle praias, como a de Domaio, a Borna, a Xunqueira ou a do Con (bandeira azul), que combinan o uso turístico coa produción de marisco e industrias relacionadas co mar. As súas augas utilízanse para a cría do mexillón e outras especies de bivalvos. Ten diferentes peiraos, tanto deportivos como pesqueiros, e unha actividade cultural relevante na que destaca o Festival Intercéltico do Morrazo, o Morrasound Rock Festival e o Festival de Jazz de Moaña, todos de carácter anual.
A historia de Moaña está estreitamente relacionada co mar. Xunto coa pequena explotación agrícola e gandeira (minifundista), a industria principal sempre foi a pesca e os seus derivados.
Os movementos sociais foron, e son, significativos nestas terras. Culturalmente hai bastante asociacionismo, destacando o Festival Intercéltico e o coidado da gaita de cana, típica de Moaña. Os movementos obreiros e sociais tiveron na primeira metade do século XX, cando a CNT conseguiu unha presenza moi significativa. Testemuña diso é o edificio, hoxe dedicado a centro de día para a terceira idade, que en tempos da República foi a sede da Fraternidade Mariñeira de Moaña pertencente a este sindicato e usurpado pola Falanxe durante o golpe de estado.
A costa de Moaña esténdese desde o estreito de Rande, onde tivo lugar a famosa batalla na que se perdeu o maior transporte de ouro e outras riquezas procedentes de América a mans da Mariña Británica e holandesa, que venceron a Franco-Española, (aquí é onde a ficción di que se aprovisionaba de ouro o capitán Nemo), ata os confíns con Cangas. Nesta costa ábrense un senfín de praias, algunhas estreitas e outras moi anchas e pouco profundas. Todas elas gozan de augas tranquilas, ideais para o cultivo do berberecho (croque) e outros bivalvos. O mexillón ten un papel importante nos cultivos mariños, que van medrando en diversidade de especies explotadas.
Situación O concello de Moaña sitúase na parte meridional da península do Morrazo, ó sueste da provincia de Pontevedra. O seu litoral é a ribeira dereita da ría de Vigo, quedando a cidade de Vigo xusto enfronte. No seu terreo atópase o punto máis estreito da ría, o estreito de Rande, por onde a autoestrada AP-9 a cruza mediante a ponte de Rande.
A poboación de Moaña esténdese de forma moi diseminada polas ladeiras meridionais do macizo do Gagán (pronunciado Ghaghán), sendo a súa maior altura o monte Faro de Domaio. Aínda así hai catro núcleos de poboación (as parroquias de Domaio, Meira, Moaña e Tirán).
Os núcleos de poboación atópanse ó pé das principais rutas de comunicación durante o século XX: a estrada PO-551, que percorre toda a parte sur do Morrazo, e a PO-313 que une Moaña con Marín e Pontevedra.
Moaña limita ó norte cos concellos de Marín e Bueu; ó sur coa ría de Vigo; ó leste con Cangas de Morrazo, e ó oeste con Vilaboa.
Orografía A orografía de toda a península do Morrazo é complicada. Unha pequena cadea montañosa fai de eixo da mesma, percorréndoa de leste a oeste e conformando as concas hidrográficas. Moaña sitúase na parte máis agreste desa cadea montañosa, coñecida como Serra de Domaio ou Serra do Morrazo.
A Serra de Domaio nace ó comezo da península e vai perdendo altura segundo se acerca ó final. Na parroquia moañesa de Domaio ten a súa maior altura, no monte coñecido como Monte Faro de Domaio, onde acada 624 metros sobre o nivel do mar. Converteuse nun centro de telecomunicacións, ó estar xusto fronte a Vigo e verse desde alí boa parte de Galicia. Xunto ó Monte Faro están o Paralaia e o Xaxán.
Entre as elevacións ábrense pequenos vales que son sucados por correntes moi irregulares e rápidas. Estes vales esconden recunchos e ecosistemas relevantes. A súa vexetación está formada pola fraga caducifolia atlántica, que foi cedendo paso ás especies destinadas á explotación forestal, entre as que predomina o eucalipto.
O terreo é granítico, e deixa ver frecuentemente a pedra, que chega ata as costas, onde chega a formar pequenas rasas mareais. A península do Morrazo ten unha orografía complicada. Os montes do Morrazo percorren a península en dirección leste-oeste estendéndose desde a Costa da Vela ata Pontevedra. Esta distribución montañosa crea dúas concas diferentes, unha ó norte que revirte na ría de Pontevedra, e a outra ó sur que manda as súas augas á ría de Vigo. Todo o territorio de Moaña sitúase nesta última. Os desniveis son moi altos, desde o nivel do mar ata os 624 metros do monte Faro de Domaio. Isto fai que os ríos sexan curtos e de caudal moi irregular e estacionario.
O terreo é granítico e está cuberto por vexetación autóctona e plantacións forestais. A costa alterna acantilados con praias e zonas de dunas. En Moaña as praias son baixas e amplas na parte central do concello, e estreitas e abertas baixo os acantilados nos extremos.
Hidrografía Hai un gran número de ríos e regatos que, nacendo nos montes, axiña chegan ó mar. Entre eles destacan os seguintes: dereita|miniatura|200px|Río da Fraga Río da Fraga ou dos Ladróns: nace en Gorgollóns, no Xaxán, e desemboca na praia da Xunqueira. É o máis longo e caudaloso do concello. Ten varias pozas e un salto de auga. Hai 31 muíños restaurados e integrados nun paseo, a ruta dos muíños, que percorre durante 6 km, parte das súas ribeiras cubertas por unha frondosa fraga atlántica moi ben conservada. Aínda 3 deses muíños están en activo. Río do Inferno, nace preto da Paralaia, no lugar coñecido como Cruz de Foxo Noval. Non é moi caudaloso pero ten bastantes muíños, seguindo activos 3 dos 25 que chegou a haber. Tiveron que construírse con presas para poder ter suficiente auga para moer. Río Miñouba, nace no monte Faro de Domaio e desemboca cerca da igrexa desta parroquia. É famoso polo atractivo paraxe da poza da Moura que atrae moitas visitas, ó igual que a súa catarata. Ten 11 muíños, dos que aínda moe un. Río da Freixa, nace ós pés do barrio de San Lourenzo. É un río curto que ten pouco caudal. No seu percorrido hai 10 muíños, dos que ningún está en activo. Río do Barraco ou do Atraco, nace no lugar de Río da Mó, nutríndose de moitos regatos ata que desemboca en Meira, na Porta do Sol. Pasa por A Carballeira de Bronlle, e no seu percorrido hai cinco muíños, dos que dous están en activo. Regato da Xeira ou da Devesa da Seara: é un pequeno regato que alimentou sete muíños, aínda que xa non traballa ningún. Nace nos arredores de Xalde e desemboca en Seara, no río Do Inferno cerca da desembocadura deste. Regato da Meixoada, nace en Figueirido, entre San Martiño e a Meixoada. O seu caudal é escaso e só ten nas súas ribeiras un único muíño, que xa non traballa. Desemboca en Cangas.
Todo o límite sur do concello é costa. Desde o estreito de Rande ata o límite con Cangas hai unha sucesión de acantilados rochosos e praias. Os acantilados son baixos e ós seus pés ábrese unha pequena rasa mareal e algunha praia, como a de A Borna ou O Niño do Corvo. Nas enseadas fórmanse praias máis amplas, moi areosas e baixas que se cobren coa subida da marea e recrecen cando a auga se retira, deixando ver unha moi ampla extensión de area. Son singulares deste tipo de praias a da Xunqueira e a de Meira. Algunhas das praias contan con servizos para os usuarios, a do Con é bandeira azul e a da Xunqueira está amplamente urbanizada. Outras manteñen unhas condicións dignas cunha dotación mínima para o seu uso. As máis relevantes son: esquerda|miniatura|300px|Praia da Borna Praia da Xunqueira: encóntrase no núcleo urbano de Moaña, aínda que pertence a terreos da parroquia de Meira. Amplamente equipada con aparcadoiros e preto da estrada. Está rodeada por unha alameda e instalacións deportivas. É un gran areal que queda ó descuberto coa marea baixa e se cobre coa marea alta sen que as augas collan profundidade. Praia do Con: situada entre o porto de Moaña e a punta de Cortés. Con boa calidade de area de cor tostada e totalmente equipada. Adoita ser bandeira azul. Praia de Canabal ou dos Alemáns: sitúase en Tirán e é moi tranquila. Cóntase que durante a segunda guerra mundial se refuxiaron alí uns soldados alemáns, procedendo de aí o seu segundo nome. Praia de Domaio: a carón do porto desta parroquia. Praia Río de Meira: na enseada que se forma entre a antiga illa de San Bartolomeu e a costa de Meira. Praia do Niño Do Corvo: pequena praia situada ó pé de acantilado en Tirán. Accédese a pé. Praia da Borna: situada en Meira a carón do barrio do Latón. É unha praia de area torrada e rocha na súa parte leste, que se abre baixo acantilado. O acceso realízase pola estrada que leva ó polígono industrial e ó barrio do Latón. Esténdese desde o pequeno porto pesqueiro, xusto ó lado duns estaleiros, ata Punta da Moura. Na súa parte final é frecuente o nudismo. Praia Videira: de acceso peonil, sitúase en Tirán, cerca xa do límite con Cangas. Con area fina e torrada.
Clima O clima de Moaña é oceánico, moi húmido, con precipitacións entre os 1.300 e os 1.500 mm. As temperaturas son suaves, veráns e invernos mornos, cunha media anual de 15 °C.
As condicións climatolóxicas están influenciadas polos ventos do sueste, protexida dos ventos fríos do norte.
Demografía Segundo o IGE en 2014 tiña 19.365 habitantes.
Censo total 2014 19.458 habitantes Menores de 15 anos 2.877 (14.78 %) Entre 15 e 64 anos 12.793 (65.74%) Maiores de 65 anos 3.788 (19,46%)
Composición
Moaña está composta por cinco parroquias: Domaio, Meira, San Martiño de Moaña, Moaña e Tirán. En ocasións a parroquia de "Moaña" recibe o nome de "San Martiño", o seu patrón.
Hai diferentes peiraos (Domaio, Meira, Moaña e O Con) e diferentes entidades e asociacións socio-económicas (mancomunidades de montes de Domaio, Meira e Moaña, asociacións de mariscadores ou mexilloeiros etc.), o que establece relacións de identidade que fixan a parroquia como referencia territorial.
Como no resto de Galicia, a poboación distribúese de forma moi dispersa, en casas unifamiliares rodeadas dun pequeno terreo destinado a horta ou xardín. En Moaña o 55% da poboación reside deste xeito, aínda que nos últimos tempos a construción de edificios de pisos foi mudando esta realidade.
A parroquia civil de Moaña divídese nas relixiosas de San Martiño e O Carme.
Historia Moaña nace en 1874 como división administrativa. Ata este intre a súa historia estaba enmarcada na súa comarca, a Comarca do Morrazo. Moaña foi testemuña e protagonista de acontecementos históricos de grande importancia como foi a Batalla de Rande en outubro de 1702 no que os ingleses saquearon Domaio, Meira e Tirán. Cen anos despois, no 1809, os moañeses loitaron contra os franceses na Guerra da Independencia.