O Cable Alemán foi a estación telegráfica da compañía alemá Deutsch-Atlantische Telegraphengesellschaft (DAT) estabelecida en Vigo a comezos do século XX. Xunto co Cable Inglés, converteu a cidade nun dos principais centros europeos das telecomunicacións internacionais e nun punto estratéxico das comunicacións telegráficas transatlánticas.
Historia A empresa Deutsch-Atlantische Telegraphengesellschaft foi fundada en Colonia en 1896 co obxectivo de crear unha rede propia de comunicación telegráfica entre Alemaña e América. Como parte deste proxecto, estabeleceu unha conexión submarina entre Emden e Vigo, convertendo a cidade galega nun dos extremos da primeira liña telegráfica internacional alemá.
A oficina viguesa abriu en 1905 na Casa Bárcena, situada na rúa Velázquez Moreno, nas proximidades das instalacións do Cable Inglés. Ata ese momento, os intereses alemáns na cidade foran xestionados pola compañía británica Eastern Telegraph Company.
Durante as primeiras décadas do século XX, a actividade da estación contribuíu a consolidar a posición de Vigo como porta de entrada das novas internacionais cara a España. Os telegramas procedentes do exterior chegaban frecuentemente identificados coa expresión Vía Vigo, debido á importancia da cidade na rede mundial de cables submarinos.
Primeira guerra mundial O estalido da primeira guerra mundial en 1914 incrementou a relevancia estratéxica do Cable Alemán. A neutralidade de España permitiu que Vigo continuase sendo un importante centro de comunicacións internacionais durante o conflito. A presenza das estacións telegráficas británica e alemá na mesma cidade converteu Vigo nun escenario singular das rivalidades tecnolóxicas e diplomáticas da época.
Tras a guerra, o Tratado de Versalles de 1919 incluíu disposicións relativas ás infraestruturas telegráficas alemás, entre elas as conexións que tiñan a Vigo como punto de enlace.
Legado O Cable Alemán formou parte do sistema de telecomunicacións que situou Vigo entre os principais nós de comunicación do Atlántico europeo entre finais do século XIX e mediados do século XX. A súa historia foi estudada por diversos investigadores, especialmente por José Ramón Cabanelas, quen documentou a importancia do Cable Inglés e do Cable Alemán na transformación económica, tecnolóxica e social da cidade.
Na praia de Carril, en Alcabre, consérvanse restos visibles dalgúns dos antigos cables submarinos que conectaban Vigo coas redes internacionais de telecomunicacións.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Cable Inglés (Vigo) Deutsch-Atlantische Telegraphengesellschaft
Categoría:Historia de Vigo Categoría:Telecomunicacións