A Compostela é un documento expedido polo cabido da catedral de Santiago de Compostela que certifica que o peregrino rematou o Camiño de Santiago. Unha vez cumpridos determinados requisitos, entrégase de modo persoal e presencial na Oficina de Acollida ao Peregrino. Está redactada en latín, como correspondía á calquera documento da época e á lingua da Igrexa medieval.
Non se debe confundir coa Credencial do peregrino, que acredita que este vai realizando as sucesivas etapas ata chegar a Santiago. A Credencial é un caderno de 16 páxinas pregado a modo de acordeón, que leva o peregrino a fin de demostrar que está facendo o Camiño, mediante o selado dúas veces ao día, como mínimo, xa sexa en igrexas, albergues ou incluso en bares que teñen o seu propio selo, e que lle dá dereito a recibir aloxamento nos albergues públicos. Debidamente cuberta, a Credencial resultará imprescindible para obter a Compostela cando por fin o peregrino chegue a Santiago.
A denominación ComposteláGran Enciclopedia Galega, s. v. Compostelá. (ou a forma castelá, Compostelana) son erróneas, aínda que comúns.
Historia miniatura|esquerda|Escultura de Santiago peregrino, coa cuncha de vieira na aba do sombreiro. Xa nos séculos X a XII, a peregrinación acreditábase coa posesión dunha cuncha de vieira, que o peregrino só podía conseguir na cidade de Santiago. Deste xeito, a vieira converteuse no símbolo identificativo do Camiño de Santiago e dos peregrinos a Santiago, e nun atributo característico da iconografía do apóstolo Santiago e outros santos peregrinos.
miniatura|Cuncha de vieira, utilizada no século XIII para demostrar a peregrinación.
Comprobouse que en diversos cemiterios medievais ao longo de España e en diferentes países de Europa apareceron cunchas de vieira sobre algúns esqueletos, cunchas que presentan dúas perforacións, que se supoñen feitas para colgar a cuncha do pescozo ou para cosela na roupa. Estes achados interprétanse como que se trata de xente que peregrinou en vida e, ao morrer, quixeron seren enterrados coa cuncha como símbolo de distinción. Tamén se propuxo que estas persoas se enterrarían coas cunchas para ser recoñecidos no alén como peregrinos e conseguir que Santiago intercedese por eles.Xacopedia, s. v. Vieira, concha de.Un dos milagres do apóstolo Santiago conta que un cabaleiro de Apulia (hoxe Puglia), en Italia, caeu gravemente enfermo e só sandou ao tocar a súa gorxa enferma cunha cuncha de vieira que gardaba un peregrino veciño seu (Códice Calixtino, libro II, cap. XII).
Co tempo e para evitar as falsificacións, que debían ser moi frecuentes, no século XIII apareceron as cartas probatorias, coas que a igrexa compostelá certificaba a realización da peregrinación e que garantían determinados privilexios para o peregrino na súa viaxe de regreso.Por exemplo, recibir comida e aloxamento gratuitamente. No Hospital Real de Santiago de Compostela, aqueles peregrinos que mostraban a Compostela tiñan dereito a estar hospedados de balde durante tres días, e aínda hoxe -transformado en hotel de luxo- dá tódolos días unha comida no seu restaurante aos primeiros dez peregrinos que recolleran a Compostela (Fundacionjacobea.org [consultado o 26.06.2026]). Estas cartas probatorias resultaban imprescindibles no caso daqueles peregrinos que realizaban a peregrinación como pena imposta por algún señor ou tribunal,Había tribunais que condonaban penas por asasinato se o reo facía a peregrinación a Santiago. e eran admitidas como válidas en tódolos lugares e países de orixe. Hai constancia de que se mantiñan as falsificacións, como o demostra o feito de que as autoridades da cidade de Pistoia (Italia) solicitaron ao Cabido un exemplar autentificado para recoñecer os posibles documentos falsos que mostraban algúns peregrinos.
Sábese que a partir da Idade Media, moitos peregrinos nobres obtiñan na súa localidade de orixe un Certificado de peregrinación, outorgado pola súa igrexa, o seu rei ou as autoridades civís da cidade ou rexión de procedencia. Con este certificado pretendíase acreditar a súa condición de peregrino e xustificar a súa presenza nos camiños e lugares que percorrían cara Santiago, o que confería certos privilexios de paso, de hospedaxe, etc. O documento viña cumprir unha garantía equivalente á que proporcionaba a Compostela durante o camiño de regreso e, habitualmente, o peregrino era respectado no camiño de ida e de volta.Xacopedia, s. v. Peregrinación, certificado de.
A Compostela máis antiga da que se ten constancia foille entregada a Ives/Yves de Bretón no século XIV.Segundo a Gran Enciclopedia Galega, s. v. Compostelá, o 1 de maio de 1312; segundo a Xacopedia (s. v. Salvador, capilla del) e a Enciclopedia Galega Universal (s. v. Camiño de Santiago), o 1 de maio de 1321.
miniatura|Compostela expedida en 2007.
A partir do século XVI, a peregrinación a Santiago comezou un importante declive, no que interviron as novas circunstancias políticas e relixiosas imperantes en Europa, especialmente a expansión da Reforma protestante a partir de 1517, coa que desapareceron os peregrinos procedentes de Inglaterra, Alemaña e Holanda.
No século XIX, a peregrinación a Santiago estivo a piques de desaparecer. A maiores dos motivos relixiosos e políticos xa indicados, as reliquias do apóstolo extraviáronse en 1589, agochadas polo arcebispo Juan de Sanclemente, e non reapareceron ata tres séculos despois, tralas escavacións realizadas por Antonio López Ferreiro en 1879. Por todo o anterior, perdeuse a práctica de expedir Compostelas e non foi ata principios do XX cando comezan a darse de novo pero só a peregrinos pobres para que puidesen ser atendidos na Cociña Económica de Santiago, xestionada polo Cabido. Co Ano Santo Xacobeo de 1954 e a crecente chegada de peregrinos polo Camiño Francés recupérase a expedición de Compostelas como memoria da súa peregrinación.
Foi por iniciativa do Ministerio de Información e Turismo, en 1971, cando se deseñou un modelo de Compostela (e de Credencial do peregrino), documentos pensados inicialmente para aqueles que iniciaban o Camiño nos Pireneos. E no Ano Santo de 1993 consolídase a regulación de dereitos e deberes dos peregrinos para recibir a Compostela, creándose a Oficina do Peregrino para a súa xestión.
Na actualidade, a súa finalidade quedou reducida a un certificado simbólico e persoal de ter feita a peregrinación, e moitas veces un recordo, un premio, un obxecto de coleccionismo. De feito, un estudo realizado en 2025 puxo en evidencia que o 40% dos peregrinos que chegaban a Santiago non solicitaba a Compostela aínda dispoñendo da Credencial que o permitiría;Xacopedia, s. v. Compostela, la. cabe interpretar que os que non a piden sexan peregrinos máis veteranos, que consideren innecesario e inútil este documento.
Requisitos Unha vez rematada a peregrinación e xa na Catedral de Santiago, o peregrino debía confesarPara facilitar este acto, a Capela do Salvador, onde se entregaban as Compostelas, dispuña de varios sacerdotes que falaban varios idiomas. e comungar, así como facer as ofrendas que puidese cada quen e darlle a aperta ao Apóstolo. Tras cumprir estes rituais, recibía a Compostela.
O Cabido compostelán foi modificando ao longo do tempo os requisitos que debía cumprir o peregrino para concedérselle a Compostela e, con ela, os beneficios e indulxencias alcanzados coa peregrinación. En 2026, estes requisitos son os seguintes:Xacopedia, s. v. Compostela, la. Realizar, a pé ou a cabalo, un mínimo de cen quilómetros continuos en calquera dos Camiños oficialmente recoñecidos, ou, se se fai en bicicleta, un mínimo de 200 quilómetros.Pero, en todo caso, realizados nun mesmo Camiño. Para cumprir con esas distancias mínimas, o peregrino deberá partir de Sarria ou de Ponferrada, respectivamente, se fai o Camiño Francés; de Tui ou Póvoa de Varzim, se fai o Portugués; de Vilalba ou Tapia de Casarego (en Asturias), se fai o Camiño do Norte; de Lugo ou de Grandas de Salime (Asturias), se fai o Camiño Primitivo; ou de Ourense ou da Gudiña, se fai a Vía da Prata. Ata 2025 estes 100 ou 200 km mínimos debían coincidir cos tramos finais ata Santiago. Se a peregrinación comezou fóra de España, esíxese que se realizara en territorio nacional un mínimo de 70 km. Se a que se segue é unha ruta marítima,Desde O Grove ou desde Ribeira, ata Padrón. será necesario realizar un mínimo de 100 millas náuticas e rematar o Camiño a pé, desde o porto de desembarque. Neste caso, a Credencial só recollerá, loxicamente, os selos conseguidos durante estas últimas etapas feitas a pé. Se se segue o Camiño Inglés, desde A Coruña, a distancia entre o antigo porto de peregrinos da cidade e a catedral de Santiago é de só 75 km, pero a Oficina do Peregrino concederá igualmente a Compostela se se completan os 25 km restantes en calquera outro itinerario recoñecido. Se fai o Camiño Inglés desde Ferrol ou Neda xa se cumpre coa distancia mínima esixida.Desde Neda xa serían 106 km, e desde Ferrol, 113. Tamén poderán recibir a Compostela as persoas ou grupos que realicen a peregrinación en circunstancias especiais, como sería en cadeira de rodas. Realizar o Camiño por motivos relixiosos ("devotionis affectu, vel voti causa"), tal como especifica o texto da Compostela. Aqueles peregrinos que aleguen outros motivos distintos poden recibir un Certificado de Benvida, que tamén expide a Oficina de Acollida ao Peregrino nas mesmas condicións que para a Compostela. Segundo as estatísticas que publica a Oficina do Peregrino, en datos relativos ao ano 2025, o 43,91% dos peregrinos que solicitaron a Compostela aducen motivos relixiosos; o 31,85% aduce outros motivos; e o 18,42% aduce motivos non relixiosos.Oficina do Peregrino. A Compostela entrégase unicamente en persoa, de maneira presencial e individual, directamente ao peregrino que mostra a súa credencial e non permitíndose solicitala a nome de terceiros; en todo caso, sempre de forma gratuíta. Pero cabe a posibilidade de incluír unha mención adicional in Vicarie pro cando se fai a peregrinación en substitución doutra persoa (usualmente un familiar enfermo ou xa morto); consiste nunha anotación á marxe, no impreso da Compostela estándar, na que se indica o nome da persoa substituída. Tamén existe unha Compostela in memoriam que consiste nun documento que se entrega aos familiares dos peregrinos que, por enfermidade ou accidente, morreran durante o Camiño.Tamén se expide a nome dos hospitaleiros voluntarios que morreran durante a súa actividade.
Se o peregrino é un cativo de curta idade pode expedirse un certificado especial ao seu nome; e se é moi pequeno ou mesmo un bebé, incluiríase o seu nome na Compostela entregada aos pais ou ao adulto responsable.
Outros documentos acreditativos Carles Guiral recolleu en 2023 un inventario de 21 diplomas e documentos varios que acreditan que se realizou a peregrinación a Santiago de Compostela ou itinerarios alternativos. En 2024 ampliou a relación de diplomas de peregrinación ata un total de 70, pero incluíndo na lista outros itinerarios de sendeirismo, en todo o mundo, non sempre relacionados directamente coa peregrinación xacobea.Como, por exemplo, a ruta Ignaciana, entre Loiola (Guipúscoa) e Manresa (Barcelona) ou as peregrinacións a Fátima ou á Virxe do Rocío. Nesta longa listaxe de acreditaciones hai incluso unha Perregrina, unha Compostela para os cans que acompañen ao peregrino.
O feito de que a Compostela sexa un mesmo documento para quen fixo, por exemplo, o Camiño Francés desde Roncesvales que para aquel que o fixo desde Sarria (o mínimo para cumprir co requisito dos cen quilómetros), é obxecto de crítica por parte de numerosos peregrinos, polo que a Oficina do Peregrino tamén pode expedir un Certificado de distancia que recolle o total da distancia percorrida, a data e lugar de orixe, a data de chegada e a ruta utilizada.