Vera Leisner, nada en Nova York o 4 de febreiro de 1885 e finada en Hamburgo o 31 de maio de 1972, foi unha arqueóloga e prehistoriadora alemá, especializada na cultura megalítica.

Traxectoria Amanda Vera de la Camp (o seu nome de solteira) naceu en Nova York en 1885. Pertenceu a unha familia de orixe española que, fuxindo das persecucións relixiosas dos Países Baixos, aveciñouse no século XVII en Hamburgo, antes de emigrar no século XIX a Nova York. O seu pai tiña un negocio de importación, transcorrendo a súa infancia entre os Estados Unidos, Alemaña e o Xapón. Orfa de nai, cando o seu pai volveu casar, foi enviada a vivir cos seus avós en Hamburgo, ingresando nun internado de Eisenach (Turinxia) para estudar música e pintura. O 2 de setembro de 1909 contraeu matrimonio con Georg Klaus Leisner, capitán do Rexemento de Infantaría Bávara “König”. Durante a primeira guerra mundial, mentres o seu marido loitaba na fronte, ela traballou como enfermeira nun hospital de Múnic.

En 1924, tras unha viaxe de sete meses por Italia, visitando monumentos e ruínas históricas, os Leisner decidiron dar un xiro radical ás súas vidas. Venderon a granxa, na que vivían en Hohenberg an der Eger, e empezaron os seus estudos de prehistoria e etnoloxía na Universidade de Múnic, onde se licenciaron en 1927. O prehistoriador e paleontólogo Hugo Obermeier animou a ambos a traballar sobre a cultura megalítica da Península Ibérica, para o que se matricularon no Vorgeschichtliche Seminar da Universidade de Marburgo (1928-1932). Porén, Vera Leisner, a diferenza do seu marido, non chegou a doutorarse.

Investigación Os Leisner empregaron sete meses de 1933 viaxando por España e Portugal para estudar a cultura megalítica da Península Ibérica, á que ambos dedicaron toda a súa vida, agás durante a guerra civil española, cando regresaron a Baviera. Desenvolveron un método sistemático de investigación baseado na observación directa, a realización de debuxos e a documentación fotográfica, tarefas estas das que se encargaba ela. En Andalucía percorreron o val megalítico do río Gor (Granada) documentando e describindo un total de 82 dolmens, ademais de deixar os primeiros rexistros fotográficos destas estruturas prehistóricas e un mapa xeral do territorio. Estas observacións permitíronlles ofrecer novos datos sobre os dolmens da zona, especialmente en canto a tipoloxía construtiva e a distribución espacial.

Perdidas todas as súas posesións no bombardeo de Múnic de 1943, durante a segunda guerra mundial, a parella fixou definitivamente a súa residencia en Portugal co apoio do Instituto de Alta Cultura alemán. Dedicados ao estudo da cultura megalítica portuguesa, deberon superar importantes obstáculos visitando todos os monumentos megalíticos coñecidos, aos que engadiron os novamente descubertos nas súas exploracións pola xeografía lusitana e o sur de España. Con boa parte do material recompilado até ese momento publicaron Die Megalithgräber der Iberischen Halbinsel (1943), asinando a partir de entón todas as súas publicacións de maneira conxunta.

Grazas ao respaldo da Sociedade Alemá de Investigación, da Römisch-Germanische Kommission e do Instituto Arqueolóxico Alemán de Madrid prepararon o segundo volume (publicado en 1956), onde a maior parte da investigación foi responsabilidade de Vera, dado que o seu esposo estaba enfermo. Tras enviuvar en 1957, Vera Leisner proseguiu documentando monumentos megalíticos da Península Ibérica, dedicando un terceiro tomo aos de Estremadura (1965) e deixando preparado o cuarto, editado postumamente en 1998, con importantes achegas da súa discípula e colaboradora Philine Kalb.

Legado Malia que Vera Leisner está considerada unha das mulleres pioneiras nos estudos arqueolóxicos da Península Ibérica, a súa obra dificilmente pode diferenciarse da realizada por Georg Leisner. Partidaria da tese da orixe occidental e neolítico do megalitismo, publicou con Octavio da Veiga Ferreira en 1963 a primeira datación de Carbono 14 dos grandes sepulcros megalíticos portugueses. Iso permitiulle confirmar a cronoloxía neolítica fronte ás teorías difusionistas que supuñan a súa orixe nunha colonización dende o Mediterráneo oriental. Estas teses conformaron a liña de traballo dos estudos posteriores neste campo, na cal o corpus dos monumentos megalíticos quedou como obra clásica de referencia.

Vera doou todo o seu arquivo á sede lisboeta do Instituto Arqueolóxico Alemán. Cando esta pechou en 1999, todo este patrimonio científico -integrado por 49 500 documentos, preto de 19 000 escritos e 30 500 debuxos e fotografías- pasou ao estado portugués e hoxe está no Palacio Nacional de Ajuda. Co soporte da Fundación Calouste Gulbenkian foi catalogado e dixitalizado todo o arquivo Leisner, que dende 2013 está dispoñible na rede.

Obra científica Leisner, G. e Leisner, V. 1943. Die Megalithgräber der Iberischen Halbinsel. Der Süden (Römisch-germanisch Forschungen, 17), Berlín, Walter de Gruyter. Cerdán Márquez, C., Leisner, G. e Leisner, V. 1952. Los sepulcros megalíticos de Huelva. Excavaciones arqueológicas del Plan Nacional 1946. Informes y Memorias. Madrid: Ministerio de Educación Nacional, Comisaria General de Excavaciones Arqueológicas. Leisner, G. e Leisner, V. 1956-1959. "Die Megalithgräber der Iberischen Halbinsel. Der Westen". Collection Madrider Forschungen 1: 1 (1956), 2 (1959). Berlín, Walter de Gruyter. Leisner, V. 1961. "Innenverzierte Schalen der Kupferzeit auf der Iberischen Halbinsel". Madrider Mitteilungen 2: 11-33. Leisner, V. 1965. "Die Megalithgräber der Iberischen Halbinsel. Der Westen 3". Madrider Forschungen 1:3. Berlín: Walter de Gruyter. Leisner, V. 1967. "Die verschiedenen Phasen des Neolitikums in Portugal". Palaeohistoria 12: 363-372. Leisner, V. e Veiga Ferreira, O. 1963. "Primeiras datas de radiocarbono 14 para a cultura megalitica portuguesa". Revista de Guimarâes 73: 358-366.

Premios e recoñecementos En decembro de 1960 a Universidade de Friburgo, a proposta do profesor E. Sangmeister, acordou concederlle o título de doutora Honoris Causa pola Facultade de Filosofía, en recoñecemento a toda a súa traxectoria científica.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Almeida, F. de. 1972. “Vera Leisner”. O Arqueologo Portugues, Serie III 6: 341-343. Dehn, W. “Em Homenagem à D.ra h. c. Vera Leisner”. Probleme der Megalithgräberforschung. Vorträge zum 100. Geburtstag von Vera Leisner (Madrider Forschungen, 16). Berlin, Walter de Gruyter, 15-18. Sangmeister, E. (1973). “In Memoriam Vera Leisner". Madrider Mitteilungen 14: 247-250; Schubart, H. 1990. “No centernário da Dr. Vera Leisner o dia 4 de Jeveiro 1985”. Probleme der Megalithgräberforschung. Vorträge zum 100. Geburtstag von Vera Leisner (Madrider Forschungen, 16). Berlin, Walter de Gruyter, 5-7.

Categoría:Nados en 1885 Categoría:Nados en Nova York Categoría:Finados en 1972 Categoría:Arqueólogos de Alemaña Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Friburgo