Marina Romero Serrano, nada en Madrid o 5 de febreiro de 1908 e finada na mesma cidade o 15 de agosto de 2001, foi unha escritora, poeta e ensaísta española. Desenvolveu a súa carreira profesional en España e nos Estados Unidos. Forma parte das escritoras da Xeración do 27. Foi presidenta de honra da Liga Española Pro-Dereitos Humanos, concedéuselle a Medalla de Honra da Universidade Complutense de Madrid e recibiu o premio do Instituto Nacional do Libro español (INLE).
Traxectoria Naceu en Madrid o 5 de febreiro de 1908. A súa nai morreu no parto e o seu pai morrera uns días antes de tifo. Era unha familia burguesa acomodada e de ideas progresistas, polo que o seu padriño foi o doutor Luis Simarro.
Realizou os seus estudos primarios no Instituto Internacional e aos 10 anos ingresou no Instituto-Escuela, ambos en Madrid. Concluíu os seus estudos na Sección de Ciencias en 1926. Obtivo o título de mestra na Escola Normal de Maxisterio de Guadalaxara en 1929. Residiu e participou nas actividades da Residencia de Señoritas, como consta nos anais da Residencia sobre as actividades feitas, coa lectura dos seus poemas en xuño de 1932.
En 1934 gañou unha bolsa para ampliar estudos no Smith College de Northampton (Massachusetts, Estados Unidos). En 1935 a Asociación de Alumnas da Residencia de Señoritas editou o seu libro Poemas A, ilustrado pola residente Delhy Tejero. Un artigo dedicado ao libro apareceu no revista Noreste, no número 11 do verán de 1935. Ese ano foille concedida unha nova bolsa para o Mills College de Oakland (California) onde obtivo o Master of Arts. Ante a Guerra Civil xa non regresou a España e en 1938 comezou a exercer como profesora de Lingua e Literatura española na Universidade de Rutgers (Nova Jersey). Tamén foi directora da Casa Española no Douglas College.
Mentres tanto en España, en 1940, tras un expediente de depuración, foi sancionada coa separación definitiva do escalafón e perda de todos os seus dereitos. Estabelecida nos EUA publicou en México Nostalgia del mañana na Editorial Rueca, dirixida por escritoras mexicanas e poetas como Concha Méndez e Ernestina de Champourcin. Foron incluídos poemas seus na antoloxía de Poetas Libres de la España peregrina en América (1947), prologada por Rafael Alberti. Aínda que vivía nos EUA a partir de 1952 publicou en España varios libros de poesía.
En 1957 editou e ilustrou coas súas propias fotografías Paisaje y literatura de España, unha antoloxía da literatura da Xeración do 98. O libro recibiu o premio do Instituto Nacional do Libro Español (INLE). Era amiga de Pedro Salinas e Jorge Guillén, a quen vía con asiduidade.
En 1970 volveu definitivamente a España e dedicouse plenamente a escribir poesía e teatro dirixidos ao público infantil. En 1982 estreouse unha Cantata Divertimento, con música do compositor Antón García Abril, inspirada no seu libro de poemas Alegrías.
Morreu en 2001.
Obra
Poesía En 1935 a Asociación de Alumnas da Residencia de Señoritas publicou o seu primeiro libro, Poema A, con viñetas de Delhy Tejero. É evidente a influencia de Federico García Lorca, en especial pola reiteración de tópicos como a lúa e a cor verde, asociados á traxedia e a morte. É constante a presenza da morte vinculada. Iso fai que o libro teña un ton xeral de amargura. O estilo en moitos casos lembra a poesía popular, xa que usa paralelismos e repeticións.
A súa preocupación por España percorre Nostalgia de mañana (1943), publicado en México, aínda que tamén hai breves cancións de amor que poden lembrar a Salinas. A partir de 1952 publicou en España Presencia del recuerdo (1952), Midas. Poema de Amor (1954), e Sin agua, el mar (1962). Nos poemas reflexiona sobre a existencia humana, sobre o exilio, sobre o paso do tempo e sobre a existencia dunha divindade que dea sentido á vida. Compaxinou a súa dedicación á literatura infantil coa publicación doutros libros como Honda raíz: (variaciones sobre el mismo tema) (1989) e Poemas de ida y vuelta (1999).
Literatura infantil Desde que en 1973 saíse publicado Alegrías, dedicouse plenamente á literatura infantil. Son cinco libros de poesía; un de narrativa (Cuentos rompecabezas) e un de teatro (Churrupete va a la luna). Alegrías inclúe 30 poemas titulados con nomes de animais e finalizados con nomes de flores. Algúns son romances; outros, partindo de cancións populares, recréanas con humor e enxeño e outros son disparates. Baseada neste libro fíxose unha Cantata Divertimento para coro de nenos en 1979 e un disco en 1982. Campanillas del aire publicouse en 1984. Conserva o mesmo estilo. A rima é sinxela e sonora. Disparatillos con Masacha publicouse en 1986, co título inspirado nunha cadela de nome Masacha. Reúne 37 poesías con títulos de árbores. Seguiu facendo rimas sonoras e xogos de palabras con humor. Poemas a doña Chavala y don Chaval foi publicado en 1987, 15 poemas con ilustracións de Marina Seoane. Poemas rompecabezas foi publicado en 1995. Cada poema é un reto que propón a autora; en cada un hai tres palabras que faltan e que o público lector ten que adiviñar.
Recoñecementos
En 1957 recibiu o premio INLE ensaio Paisaje de la literatura española. Antología de la generación del 98. En 1990 foi nomeada presidenta de honra da Liga Española Pro-Dereitos Humanos. En 1992 a Universidade Complutense concedeulle a súa Medalla de Honra.
Notas
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Literatura infantil Categoría:Finados en 2001 Categoría:Nados en 1908 Categoría:Xeración do 27 Categoría:Escritores en lingua castelá