Na guerra civil española producíronse bombardeos aéreos (e, en menor medida, marítimos e terrestres) sobre obxectivos estratéxicos (como vías de comunicación, fábricas, centrais hidroeléctricas ou postos de mando inimigos), pero tamén sobre poboacións da retagarda sen presenza de forza militar. Este feito representou un precedente até entón nunca realizado. Por primeira vez na historia, a aviación foi utilizada intensamente en misións de bombardeo sobre a retagarda. En xullo de 1936 a aviación militar española estaba obsoleta, polo que isto só foi posíbel debido a que ambos bandos recibiron axuda de potencias estranxeiras. Estas achegaron os seus modernos bombardeiros grazas aos grandes avances da aviación nos anos 1930. O bando sublevado recibiu os Savoia-Marchetti S.M.81 e Savoia-Marchetti S.M.79 italianos e os Junkers Ju 52 e Heinkel He 111 alemáns. Pola súa parte, a República obtivo os «Katiuskas» soviéticos. As cidades máis duramente bombardeadas durante a guerra civil española atopábanse maioritariamente na zona republicana, coas excepcións de Oviedo, Valladolid e Cabra (Córdoba). O bombardeo desta última parece que foi un erro da tripulación da forza aérea republicana que pilotaba os «Katiuskas». Así, como sinalaron Solé i Sabaté e Villarroya, a guerra civil española iniciou unha ruta de bombardeos que pasou por Madrid, Durango, Xaén, Gernika, Cartaxena, Alacant, Valencia, Alcañiz, Reus, Tarragona, Lleida, Barcelona, Granollers e Figueres, todas elas cidades republicanas bombardeadas pola Lexión Cóndor alemá, a Aviazione Legionaria italiana ou a aviación sublevada propiamente dita. A ruta continuou durante a segunda guerra mundial por Varsovia, Rotterdam, Londres, Coventry, Hamburgo, Berlín e Dresden e terminou en Hiroshima e Nagasaki. Así, a aviación converteuse nunha arma decisiva e a actuación das aviacións italiana e alemá foi determinante na vitoria do exército franquista.

A aviación de bombardeo En xullo de 1936 a aviación militar española tiña 241 aparellos operativos entre os que destacaban 150 Breguet 19, avións de cooperación e bombardeo, e unha escuadrilla de Fokker F.VII. A aviación naval dispuña duns 80 aparellos de primeira liña, entre os que destacaban uns 40 hidroavións Savoia-Marchetti S.62, Dornier Wal e Macchi M-18, que podían ser utilizados en operacións de bombardeo. A aviación comercial tiña 7 Fokker F-VII B e 4 Douglas DC-2, estes últimos eran os avións máis modernos que había entón en España.

A aviación de bombardeo republicana miniatura|296x296px|O Ju 52 oficial de Hitler en 1934 O groso da aviación permaneceu fiel á República, polo que nos primeiros días os militares sublevados só puideron contar cos avións que se atopaban no Protectorado español en Marrocos e algúns hidroavións. Porén, a súa situación cambiou radicalmente semana e media despois do golpe. O 30 de xullo chegaron 9 bombardeiros italianos Savoia-Marchetti S.M.81, trimotores cunha carga de 2000 kg de bombas e unha velocidade máxima de 340 km/h.. Eran dos bombardeiros pesados máis eficientes e veloces existentes até entón. Tamén chegaron os primeiros Junkers Ju 52 alemáns, 10 dos cales desembarcaron do buque Usaramo en Cádiz o 6 de agosto. Eran aparellos de transporte habilitados para bombardeo. Todas estas naves constituíron durante os primeiros meses da guerra o núcleo central da aviación de bombardeo do bando sublevado.

Os meses seguintes foron chegando máis aparellos italianos, constituíndo gran parte deles a Aviazione Legionaria italiana, cuxa base principal se situou a partir do 19 de agosto de 1936 na illa de Mallorca. Desde alí puido bombardear sen ningunha dificultade as cidades da costa mediterránea. Ao principio estaba integrada pola 251º Escuadrilla de Bombardeo Pesado con aparellos Savoia-Marchetti S.M.81, pero a principio de 1937 engadíuselle outra escuadrilla de Savoia-Marchetti S.M.81, a 252º. Formaron o XXV Grupo de Bombardeo Pesado, o Pipistrelli delle Baleari. En xuño de 1937 incorporouse un grupo de bombardeo rápido, os Falchi delle Baleari, integrado por aparellos Savoia-Marchetti S.M.79. Ao longo de 1938 o número de aparellos foi incrementado até alcanzar os 38: 27 Savoia-Marchetti S.M.79 e 11 Savoia-Marchetti S.M.81.

Dos 764 avións enviados pola Italia fascista ao bando sublevado ao longo da guerra, uns 200 foron bombardeiros: 84 do tipo Savoia-Marchetti S.M.81, como os 9 primeiros aparellos que chegaron o 30 de xullo; 100 do tipo Savoia-Marchetti S.M.79 e 13 do Fiat BR.20. Ademais, hai que engadir nove hidroavións CANT Z.501, catro CANT Z.506 e outro catro IMAM Ro.41. esquerda|miniatura|Hidroavión Heinkel He 59 Canto á Alemaña nazi, os primeiros meses enviou varias decenas de Junkers Ju 52, un modelo de avión que permitiu salvar o bloqueo do estreito de Xibraltar pola mariña republicana ao estabelecer unha ponte aérea entre Marrocos e a Península. Mediante ela transportáronse entre finais de xullo e finais de outubro de 1936 máis de 13.000 lexionarios e regulares do Exército de África. Ademais, estes aparellos foron os utilizados nos bombardeos, entre outros, de Madrid e de Gernika. En novembro de 1936 produciuse un salto cualitativo na axuda nazi ao bando sublevado coa formación da Lexión Cóndor, unha unidade de combate autónoma con mando, persoal e material alemáns. O seu elemento principal era un grupo de bombardeo integrado inicialmente por 3 escuadrillas, e desde abril de 1937 por 4. Utilizaba avións máis avanzados cós Junkers Ju 52, como o Heinkel He 111, un dos mellores bombardeiros da época, xa que podía alcanzar unha velocidade de 430 km/h cunha carga de 1500 kg de bombas; o Junkers Ju 87, coñecido como «Stuka», un dos avións máis célebres de todos os tempos e que tivo o seu bautismo de fogo na guerra civil española; ou o Heinkel He 70, coñecido como «Raio», un avión de recoñecemento e bombardeo utilizado especialmente para os bombardeos das centrais hidroeléctricas do Pireneo catalán en febreiro de 1937.

Así mesmo, formouse unha escuadrilla de hidroavións de bombardeo e recoñecemento marítimo, formada polos Heinkel He 60 e Heinkel He 59. Este último, que podía levar unha carga de 1000 kg de bombas, foi moi importante nos ataques nocturnos aos portos republicanos do Mediterráneo, así como nos ataques ás comunicacións ferroviarias que discorrían pola costa. O número de avións alemáns que chegaron a España segue sendo obxecto de discusión. Porén, as cifras dos bombardeiros parecen bastante seguras: 67 Junkers Ju 52, 97 Heinkel He 111, 28 Heinkel He 70 «Raio», 12 Junkers Ju 87 «Stuka», 34 Dornier Do 17 e 5 Junkers Ju 86. Canto aos hidroavións, foron 27 Heinkel He 59 e 7 Heinkel He 60. miniatura|Soldados alemáns rearmando un bombardeiro Heinkel He 111 E da Lexión Cóndor en 1938 Parte dos aparellos italianos e alemáns foron cedidos á aviación sublevada que formaron escuadrillas de bombardeo con Junkers Ju 52 alemáns e Savoia-Marchetti S.M.81 e Savoia-Marchetti S.M.79 italianos que participaron en numerosos ataques aéreos. Destes últimos foron entregados 34 aparellos entre xullo de 1937 e xullo de 1938.

A aviación de bombardeo do bando sublevado tivo unha superioridade esmagadora, tanto en cantidade como en calidade, respecto da aviación de bombardeo republicana. Ademais, Franco tivo claro como utilizar esa superioridade non só para neutralizar os portos e as comunicacións republicanas, senón tamén para socavar a moral da retagarda bombardeando zonas de cidades que non tiñan ningún valor estratéxico militar, como en Madrid, Barcelona, Valencia ou Alacant, ou poboacións enteiras que tampouco o tiñan como Durango, Gernika, Lleida ou Granollers. Con todo, os ataques aéreos máis terroríficos sobre as cidades da retagarda republicana (os bombardeos de Barcelona de marzo de 1938) foron ordenados directamente por Mussolini. A maior parte deses ataques foron realizados pola aviación italiana, que causou un maior número de vítimas civís. Porén, son máis coñecidos os realizados pola Lexión Cóndor sobre Madrid (novembro de 1936) e Gernika (abril de 1937).

A aviación de bombardeo republicana miniatura|Escarapela aeronáutica usada pola Forza Aérea da República Española As primeiras unidades de bombardeo da aviación republicana constituíronas os Breguet 19, os Fokker F.VII e os Douglas DC-2, reformados para seren convertidos en rudimentarios avións de bombardeo. Nesas condicións non resulta estraño que se practicase un modelo de bombardeo moi elemental e de moi escasos resultados prácticos, tanto polos lanzamentos (dispersos, rudimentarios e moi pouco precisos) como polo calibre e o peso do armamento e das cargas empregadas.

Nas primeiras semanas da guerra o goberno republicano comprou avións franceses dos modelos Potez 54, Potez 540 e Potez 542 que resultaron moi inferiores aos seus equivalente italianos e alemáns. Con algúns destes avións André Malraux forma a Escuadrilla España e pasa a actuar en Estremadura. Ao principio obtén éxitos relativos, atrasando as tropas franquistas no seu avance para unir as dúas zonas sublevadas. A mediados de agosto de 1936 o bando sublevado recibiu os cazas italianos Fiat. Estes empezan a apoiar o avance en Estremadura, proporcionando ás tropas sublevadas o dominio do aire e impedindo a actuación da aviación republicana.

Houbo que esperar a outubro de 1936 para que a República tivese unha auténtica aviación de bombardeo, cando chegaron os primeiros 31 avións soviéticos Tupolev SB-2, coñecidos en España como «Katiuskas». Era un avión moi avanzado para a época, cunha velocidade máxima de 430 km/h (á altura dos alemáns Heinkel He 111 ou os Savoia-Marchetti S.M.79 italianos), o que lle permitía realizar misións de gran profundidade dentro da zona sublevada. Porén, tiña unha escasa capacidade de carga (uns 600 kg de bombas). Foi empregado por primeira vez o 28 de outubro nun ataque ao aeródromo de Tablada en Sevilla. En total chegaron a España procedentes da Unión Soviética 93 «Katiuskas» ao longo da guerra, dos que só sobreviviron uns 20.

Os primeiros bombardeos (xullo-outubro de 1936)

Os primeiros bombardeos do bando republicano En canto o Goberno republicano tivo as primeiras noticias da sublevación no Protectorado español de Marrocos a tarde do 17 de xullo, ordenou á aviación e á mariña de guerra que bombardeasen as posicións rebeldes no norte de África. Para iso foron rapidamente reconvertidos avións comerciais Douglas DC-2 e Fokker F.VII que despegaron do aeródromo de Tablada (Sevilla) para realizar unha serie de bombardeos o 17 e o 18 de xullo sobre Melilla (onde foi alcanzado o cuartel da Lexión), Ceuta, Larache e Tetuán. Nesta última localidade, capital do Protectorado, lanzáronse 8 bombas que alcanzaron o edificio do Alto Comisariado, pero tamén a mesquita e os seus arredores, causando numerosas vítimas. Isto levantou os ánimos de Marrocos contra España e só a intervención do gran visir Ahmed Ganmia logrou salvar a situación. Por esta acción, o gran visir recibiu a Cruz Laureada de San Fernando, imposta persoalmente por Franco. Pola súa banda, a mariña de guerra tamén bombardeou esas posicións. O 21 de xullo o destrutor Sánchez Barcáiztegui bombardeou Ceuta. O día 25 o acoirazado Jaime I, o cruceiro Libertad e o cruceiro Miguel de Cervantes bombardearon de novo Ceuta e o día seguinte Melilla. Foron asediados por avións Breguet 19 que quedaran en mans do bando sublevado. O 2 de agosto volveron bombardear Ceuta, ademais de Alxeciras e Tarifa.