miniatura|Selo postal conmemorativo da apertura das Cortes Constituíntes o 14 de xullo de 1931. Nel aparece a pomba da paz sobre o edificio do Palacio do Congreso e unha alegoría da República, representada por unha muller tocada co gorro frixio A cuestión relixiosa na Constitución de 1931 é a forma como se abordou a relación entre o Estado e a Igrexa católica e os temas conexos, como a liberdade de conciencia e de culto, a regulación do matrimonio e do divorcio e a educación, na carta magna da Segunda República Española.

As propostas republicanas sobre a cuestión relixiosa Os partidos republicanos e o PSOE integrados no Goberno Provisional que se formou en España tras a caída da monarquía o 14 de abril de 1931 estaban completamente de acordo en que un dos principios básicos do novo réxime republicano debería ser a completa separación da Igrexa e o Estado. Buscábase así pór fin a máis de cen anos de confesionalidade do Estado. Porén, discrepaban sobre o alcance que debía ter a secularización. A grandes liñas pódese dicir que existían dúas propostas: miniatura|Niceto Alcalá-Zamora

A minoritaria, liderada pola Derecha Liberal Republicana de Niceto Alcalá-Zamora e Miguel Maura (apoiada desde fóra do goberno polos intelectuais da Agrupación al Servicio de la República), defendía un anticlericalismo ou laicismo moderado. Propugnaba a secularización do Estado (mediante un proceso gradual de separación da Igrexa e o Estado) pero non da sociedade. Seguía así a máxima liberal cuñada polo católico liberal do século XIX Charles de Montalembert: «A Igrexa libre no Estado libre». Pensaban que proclamando a liberdade de culto e privando a Igrexa dos privilexios que conseguira baixo a Restauración e sobre todo durante a Ditadura de Primo de Rivera perdería a posición de predominio de que gozaba na España de 1930. Canto ao ensino, non se opuñan á existencia de colexios relixiosos. Por tanto defendían a liberdade de ensino e a escola «neutra» respectuosa coas crenzas relixiosas de cadaquén, e confiaban na iniciativa social, seguindo o modelo da Institución Libre de Enseñanza.

A postura maioritaria, defendida polo resto de partidos republicanos e polo PSOE, pretendía ir moito máis lonxe. Propugnaba un anticlericalismo radical que non só avogaba pola secularización do Estado, senón tamén da sociedade. Xustificábao polo dano que causara o clericalismo na historia de España, ao converterse no principal obstáculo para o seu progreso e modernización (no que coincidían co librepensamento e coa masonaría). Para os partidos republicanos de esquerda e o PSOE había que privar a Igrexa dos medios con que exercía a súa hexemonía social e cultural, e sobre todo o máis importante: o ensino. Así, o seu programa incluía a supresión do orzamento de culto e clero, o matrimonio civil e o divorcio, a secularización dos cemiterios e a medida máis contundente: a disolución das ordes relixiosas (especialmente os xesuítas) e a nacionalización dos seus bens, substituíndo os colexios relixiosos que estas rexentaban por unha escola única e laica. Máis ca unha Igrexa libre nun Estado libre buscaba o sometemento da primeira ao segundo a prol do ben público. Este anticlericalismo radical, que tamén defendía o anarquismo, viuse acompañado como xustificación dunha certa demagoxia clerófoba que identificaba os eclesiásticos, en especial os membros do clero regular, como os inimigos do pobo. Nesta proposta máis radical existían matices importantes entre os partidos que a defendían, desde os menos intransixentes como a Acción Republicana de Manuel Azaña (que por exemplo non esixía a disolución das ordes relixiosas aínda que si a prohibición de exerceren o ensino) até as posturas máis extremistas representadas polos radical-socialistas de Marcelino Domingo e Álvaro de Albornoz (próximo ao anticlericalismo antirrelixioso) e o PSOE (coa excepción do moderado Fernando de los Ríos), que parecían competir co PRRS a ver quen facía propostas aínda máis intransixentes. O Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux agora mantiña unha postura ambigua respecto da cuestión relixiosa. Porén, no seu programa oficial aínda mantiña o anticlericalismo extremo que o definiu dende os seus inicios.

O debate parlamentario

A proposta da Comisión Xurídica Asesora miniatura|200x200px|Ángel Ossorio y Gallardo Había un ambiente de crecente tensión entre a Igrexa católica e a nova República por causa da queima de conventos de principios de maio de 1931 (arderon total ou parcialmente máis de cen edificios relixiosos) e da expulsión de España do bispo de Vitoria Mateo Múgica o 17 de maio e do Cardeal Primado Pedro Segura o 15 de xuño. Ademais, a pastoral publicada o 3 de xuño atacaba a política laica emprendida polo Goberno Provisional (como a proclamación da liberdade de culto). A Comisión Xurídica Asesora, nomeada polo Goberno Provisional e presidida polo xurista católico liberal Ángel Ossorio y Gallardo, presentou o anteproxecto de Constitución en que a solución dada á «cuestión relixiosa» respondía aos principios do laicismo liberal. O artigo 8 estabelecía a separación da Igrexa e o Estado («Non existe relixión do Estado») pero recoñecía un status especial á Igrexa católica ao considerala «Corporación de Dereito Público». O artigo 12 recoñecía a liberdade de conciencia coa única limitación do «respecto debido ás esixencias da moral pública» e a liberdade de culto, tanto no privado como no público.

miniatura|234x234px|Cardeal Primado Pedro Segura Malia a moderación do anteproxecto, a xerarquía católica e o nuncio Federico Tedeschini dispuxéronse a exercer toda a influencia posíbel para modificar a forma como abordaba a relación entre a Igrexa e o Estado. Nunha carta do cardeal Francisco Vidal i Barraquer (quen seguía a defender xunto co nuncio a política de conciliación co novo réxime) ao cardeal primado Pedro Segura, díxolle que «se deberá facer algo en defensa dos dereitos de Deus e da Igrexa que se lesionan» no anteproxecto. Tedeschini comunicoulle a Vidal i Barraquer «o augusto desexo do Padre Santo» de que a xerarquía eclesiástica e a propia nunciatura influísen no goberno e nos deputados co fin de que «quitasen ou mellorasen os artigos do susodito anteproxecto atentatorios dos dereitos da Igrexa e das convencións entre esta e España». Ademais, falaba da necesidade de «mover o problema relixioso fóra das Cortes cunha propaganda moi intensa, dirixida a pór de relevo a forza, a vitalidade e importancia esencial que ten a Igrexa en España, demostrando erróneo e van combatela, e útil respectala como única e insuprimíbel enerxía nacional».

Estas críticas ao anteproxecto fíxoas públicas o cardeal primado Segura nunha pastoral que deu a coñecer o 14 de agosto en nome de todos os bispos. Recollía a doutrina antiliberal da Igrexa e arremetía de novo contra a separación da Igrexa e o Estado e contra as «liberdades de perdición» como a liberdade de culto. Cualificaba globalmente o anteproxecto como a consagración do «ateísmo de Estado». O impacto negativo que tivo a pastoral nos medios republicanos agravouse aínda máis cando se soubo tres días despois que o goberno confiscara uns documentos ao vigairo episcopal de Vitoria, Justo Echeguren. Estes contiñan instrucións do propio Segura para que os bispos puxesen a recado os bens da Igrexa en vistas a unha posíbel expropiación dos mesmos pola República.

A proposta do relatorio da Comisión Constitucional Como era de esperar o anteproxecto da Comisión Xurídica Asesora tamén foi rexeitado pola maioría das Cortes Constituíntes integrada polos partidos republicanos de esquerda e o PSOE, defensores dun anticlericalismo radical. Así, a Comisión Constitucional presidida polo socialista Luis Jiménez de Asúa, que iniciara os seus traballos o 28 de xullo, elaborou un novo proxecto de Constitución que deu a coñecer o 18 de agosto de 1931. Estabeleceu no artigo 3 a completa separación da Igrexa e o Estado coa mesma fórmula proposta pola Comisión Xurídica Asesora («Non existe relixión de Estado», aínda que finalmente foi modificada pola máis moderada de «O Estado español non ten relixión oficial»). Tamén recollía a máxima aspiración anticlerical dende había un século: a supresión das ordes relixiosas e a conseguinte nacionalización dos seus bens. Ademais suprimía o recoñecemento especial da Igrexa católica ao ficar igualada ao resto de confesións relixiosas, sometidas todas elas á lei común (desaparecía a súa consideración como «Corporación de Dereito Público»), e ao prohibir expresamente calquera auxilio económico por parte do Estado. Tamén limitaba a liberdade de culto ao interior dos templos. Por último estabelecía a «escola única» do Estado, polo que a actividade educativa da Igrexa quedaría limitada a ensinar as súas «respectivas» doutrinas nos seus «propios» estabelecementos.

Os «puntos de conciliación» co sector «posibilista» da Igrexa católica Malia o forte anticlericalismo que impregnaba o proxecto da Comisión, case todos os líderes da maioría querían chegar a un entendemento coa Igrexa. O 28 de agosto o Consello de Ministros decidiu expor unha negociación co nuncio que só deixase fóra a separación Igrexa-Estado, a liberdade de culto, o matrimonio civil e o espiñento tema do ensino.Á marxe das Cortes, dous membros do Goberno Provisional, o seu presidente, o republicano liberal Niceto Alcalá Zamora, e o ministro de Xustiza, o socialista Fernando de los Ríos, alcanzaron o 14 de setembro, despois dunha difícil negociación, uns «puntos de conciliación» co nuncio Tedeschini e o Cardeal Vidal i Barraquer. Estes encabezaban o sector «posibilista» da xerarquía eclesiástica que estaba disposta a aceptar a aconfesionalidade do Estado e a renuncia progresiva a vivir do orzamento de «culto e clero». A cambio, pedían que se recoñecese a súa relevancia social mediante a sinatura dun Concordato ou dun modus vivendi entre a Igrexa e o Estado, non fosen disoltas as ordes relixiosas e se aceptase a liberdade de ensino (é dicir, que os colexios relixiosos puidesen continuar como até entón). Os dous membros do goberno esixiron tamén que o cardeal Segura fose removido da sede de Toledo. Aínda que isto último o conseguiron (o 30 de setembro o cardeal primado presentou a súa dimisión), Alcalá-Zamora e Fernando de los Ríos non puideron cumprir a súa parte do acordo pola oposición do resto do goberno e da maioría anticlerical das Cortes. Vidal i Barraquer tamén o intentou por outra vía. Un home da súa confianza, o relixioso moderado Luis Carreras, entrevistouse con algúns deputados conservadores non integristas e con outros líderes republicanos como Alejandro Lerroux para que defendesen ante a Cámara unha proposta de nova redacción dos artigos dedicados á cuestión relixiosa que sería aceptábel para a Igrexa católica (e que recollía os «puntos de conciliación» alcanzados na negociación co goberno). Finalmente a proposta só foi presentada en forma de emenda polo deputado do partido de Alcalá-Zamora Juan Castrillo, pero non chegou a prosperar. Os «puntos de conciliación» foron así recollidos por Vidal i Barraquer:

O debate do artigo 24 (26 na redacción definitiva)