Cualedro é un concello da provincia de Ourense, que pertence á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.808 habitantes.
Xeografía Está integrado na comarca de Verín-Monterrei e pertence ao Partido Xudicial de Verín e á diocese de Ourense. Abarca unha superficie de 117,5 km². A capital é a vila de Cualedro, na parroquia homónima, sita a 840 m sobre o nivel do mar. O termo municipal de Cualedro, segundo o nomenclátor de 1996, ten un total de vinte entidades singulares de poboación agrupadas en dez parroquias, sendo practicamente inexistentes os asentamentos dispersos.
Limita ao norte con Laza e Sarreaus, ao leste con Laza e Monterrei, ao oeste con Baltar, Xinzo de Limia, Trasmiras e Sarreaus, ao sur con Montalegre, en Portugal.
As vías de comunicación máis importantes coa cidade son a autovía A-52 e a estrada N-525, que teñen accesos á capital do municipio nos lugares de Lamas e As Estibadas, respectivamente.
Etimoloxía As primeiras fontes oficiais falan de Qualedro ou Cualedro, pero o catastro de Ensenada recolle Coledro, e así ou con variantes (Coaledro) aparece en textos anteriores. Máis atrás, tanto en textos galegos como latinos (Tombo de Celanova) aparece Corledo e Corleto, que Gonzalo Navaza liga co latín corylus (abelaira).
Economía Segundo o censo do IAE, a actividade económica no concello é moi feble e a existente crea pouco emprego, dado que a meirande parte da actividade é levada a cabo polos propios titulares. Das actividades rurais tradicionais, a agricultura na súa vertente empresarial é practicamente inexistente. Só existen datos acerca da produción de pataca adscrita á denominación de orixe da Limia. Canto á gandaría ten certa relevancia. Existen 12 explotacións, segundo o censo do IAE do 2002. A meirande parte das altas danse no sector do comercio minorista. Porén, esta actividade, que se sitúa no interior dos núcleos, tende a desaparecer, pois os seus titulares son persoas de idade avanzada.
Outro dos sectores con implantación é a construción; hai un número de altas importante de empresas construtoras, ademais de 11 altas en albanelaría. A meirande parte delas corresponden a empresarios autónomos, aínda que existen tres sociedades limitadas. No ámbito da hostalaría destacan os tradicionais cafés-bares, con 15 altas. Esta é outra actividade característica do interior dos núcleos, que presenta unha evolución similar á do comercio minorista no senso da súa desaparición coa xubilación dos titulares. Neste sector convén destacar a existencia dun establecemento de turismo rural na Xironda. Resulta relevante a existencia de 9 altas en servizos forestais, a maioría no núcleo de Santa Baia de Montes.
No referente á industria, a actividade fundamental céntrase nas canteiras, outro sector de particular relevancia no tecido empresarial do concello. Tamén existen dous obradoiros de confección na Xironda. O sector de servizos céntrase fundamentalmente nas actividades básicas en todo o Concello, que se sitúan na capital municipal. No tocante á distribución territorial das actividades podemos observar que Cualedro, como núcleo central do concello, concentra o maior número de altas, se ben tanto A Xironda como Montes, con 19 altas cada un, son os dous polos de actividade máis importantes e teñen unha situación xeográfica relevante: A Xironda pola súa proximidade á raia portuguesa, e Montes pola proximidade ao enlace da autovía.
O dato da implantación das formas societarias é relevante, a fin de acreditar a feble actividade económica existente no concello. De 130 altas só existen 11 empresas con forma societaria, que representan o 8,46 % do total.
Demografía En 2014 tiña unha poboación de 1.808 persoas segundo o IGE (2.316 en 2003), o que dá unha densidade de 19,01 hab./km².
Censo Total 1.808 (2014) Menores de 15 anos 95 (5.25 %) Entre 15 e 64 anos 943 (52.16 %) Maiores de 65 anos 770 (42.59 %)
Evolución da poboación miniatura|Casa do concello. Contexto xeográfico A evolución da poboación do termo municipal aparece historicamente vencellada á dinámica demográfica da comarca de Monterrei. A poboación total do municipio de Cualedro medrou gradualmente dende principios do século XX ata os anos 60, e aínda nesta década aumentou en maior medida que en décadas anteriores, namentres que a poboación do resto dos municipios da comarca, que dende principios de século seguían a mesma tendencia, xa comezaba a diminuír na década dos 50, proceso que chega ata a actualidade e que fai que as cifras poboacionais sexan inferiores ás de 1900. Este feito é común nas comarcas do interior de Galicia e está relacionado coa emigración de segunda etapa, que se dirixiu a Europa Central (Alemaña, Francia, Suíza), pero principalmente ás grandes capitais do Estado e da propia Galicia.
Na década dos sesenta, debido á forte migración, a cabeceira comarcal actuou como centro de absorción das funcións sociais e, polo tanto, atraeu o asentamento da poboación que foron perdendo os municipios veciños. Isto supuxo para Verín un incremento de poboación dun 15 % nos últimos 10 anos. O seu peso demográfico no conxunto da comarca pasou dun 42 % en 1991 a un 47 % en 1999. Este crecemento de Verín ten o seu límite na inversión da pirámide demográfica dos concellos emisores. A emigración ten un carácter decisivo na dinámica demográfica e na estrutura poboacional do municipio. A saída de grandes continxentes de poboación no pasado apunta o problema da inversión da pirámide poboacional. Analizando os datos do 2001 obsérvase un saldo migratorio equilibrado con respecto ao conxunto do Estado, fronte aos saldos migratorios negativos que presentan tanto a provincia de Ourense como Galicia mesma.
A composición por idades é moi semellante nos datos de emigración como de inmigración. Cómpre salientar a importancia do retorno dos emigrados de máis de trinta anos. Isto é debido a que Cualedro non se caracteriza por unha emigración de primeira etapa, senón principalmente de segunda, é dicir, que o seu destino son os países centroeuropeos, aínda que a alternativa maioritaria foi o Estado Español.
Distribución territorial A distribución territorial da poboación de Cualedro mantívose máis ou menos estable nos últimos 30 anos. A excepción é o censo de 1981, que mostra alteracións atribuíbles ao cambio progresivo nos criterios de altas e baixas. Esta situación só terminou de regularizarse en 1991. Porén, detéctanse dous procesos diferenciais, postos en evidencia na comparación dos padróns dos anos 1991 e 2001: a crise demográfica é máis intensa no norte, na parroquia de Baldriz, e no centro, nas parroquias de Vilela e Carzoá. Isto percíbese máis claramente cando agrupamos os territorios parroquiais atendendo ás unidades xeográficas: hai tres unidades (Montes-Rebordondo e Atás-Penaverde ao norte, e Lucenza-A Xironda-San Millao ao sur) que aguantan máis dentro dun contexto de declive demográfico. Se no caso das dúas primeiras ten un papel fundamental a súa maior accesibilidade (N-525 e agora a A-52), no caso das parroquias do sur hai que atribuír esta resistencia a un soporte territorial máis rico, que dá lugar a un maior desenvolvemento da produtividade agropecuaria e a un sistema de asentamentos máis viable polo seu tamaño e a súa concentración.
Estrutura poboacional actual Segundo o Padrón Municipal de Habitantes a 31 de decembro do 2002, a poboación de dereito de Cualedro ascende a 2.452 habitantes. Esta poboación repártese nun territorio de 117,6 km², o que supón unha densidade media de 20,85 hab./km².
No concello de Cualedro a estrutura de poboación por sexos aparece equilibrada, cunha pequena vantaxe dos homes fronte ás mulleres. O número de homes en 2002 era de 1.236, o que representa sobre o total un 50,4 %, mentres que o número de mulleres foi de 1.216, o que supón unha porcentaxe do 49,6 %. Esta pequena diferenza vaise incrementando se analizamos a porcentaxe de poboación feminina e masculina por tramos de idade, chegando a acadar algo máis de 12 puntos porcentuais cando chegamos á poboación da 4ª idade. Isto débese a que a taxa de mortalidade masculina é máis alta e non é atribuíble á emigración porque nesta zona, igual ca noutras do interior, e a diferenza da costa, o proceso afectou a ambos sexos. Co avellentamento progresivo da poboación o máis probable é que esta relación se inverta a medio prazo, xa que as mulleres son máis lonxevas.
O grupo con poboación de menores de 15 anos representa para Cualedro é un 6,48 % do seu total poboacional, porcentaxe moi por baixa en comparanza coa media galega, que está nun 12,12 %. Verbo do grupo dos maiores de 65 anos as diferenzas son de novo notorias, xa que para Cualedro representa un 35,11 % da poboación, moi superior á media galega, que é dun 20,31 %. Xaora, o grupo de adultos considerado poboación activa en Cualedro é inferior ao existente noutros ámbitos territoriais superiores, o que amosa a existencia dunha menor porcentaxe de persoas en idade de traballaren, coas repercusións que isto ten para a dinamización económica do municipio.
Estes datos indican que no municipio o índice de avellentamento é alto con respecto á media galega, posiblemente polos saldos migratorios das últimas décadas. Existe unha dependencia infantil baixa, do 11,1 % e unha dependencia de maiores do 59,9 %. A poboación de Cualedro ten avellentado progresivamente nos últimos 20 anos. Dende o ano 1991 a dinámica demográfica propia xa non é quen de garantir a substitución xeracional. A idade media pasou dos 32 anos en 1986 a 54 anos dez anos despois (a metade da poboación ten 54 anos ou máis). Na actualidade hai un mozo por cada catro vellos e o índice de dependencia xa superaba o 65 % en 1996 (só unha de cada tres persoas está en idade de traballar). Aínda que non é a poboación de Cualedro a máis avellentada da Comarca de Verín-Monterrei, a súa idade media só está por baixo dos concellos das serras do macizo ourensán: Laza, Castrelo do Val e Vilardevós. A pirámide de poboación foise invertendo entre finais dos 80 e mediados dos 90. Esta inversión vaise acentuando co tempo, camiñando cara a unha estrutura extremadamente avellentada, dependente e condenada a minguar progresivamente. A falta dun relevo xeracional que lle permita remontar esta situación fai que sexan os factores migratorios os únicos que poden axudar a cambiar esta estrutura: o retorno da emigración máis nova e a chegada de inmigrantes non nativos. A actual pirámide de poboación por sexos e idades reforza a tendencia á inversión antes apuntada. A idade media tende a estabilizarse, o que é mostra dunha maior lonxevidade e unhas mellores condicións de vida para os maiores, pero tamén é moi importante a emigración de terceira idade cara ás cidades e vilas para vivir con familiares (o retorno de familias emigradas e a marcha dos máis vellos son os dous compoñentes fundamentais do movemento demográfico). Case o 37 % da poboación ten máis de 65 anos, o que da idea do seu extremo avellentamento. Nunha proxección a 10 anos vista atopamos a Cualedro con máis dun 40 % de poboación na terceira e cuarta idade.