O Dniéper (en ruso: Днепр/Dnepr; en belaruso: Дняпро/Dnyapro, en ucraíno: Дніпро/Dnipro) é un río con 2290 km de curso (o cuarto en Europa logo do Volga, o Danubio e o Ural).

Percorrido O Dniéper nace no altiplano de Valdai (Rusia occidental), para entrar despois en Belarús; foi logo, durante 115 km, de fronteira natural entre Belarús e Ucraína, para por fin facer o resto do seu curso a través da Ucraína, na cal baña a capital, Kíiv, atravesándoa de norte a sur. Ao longo dos tres países mantén esencialmente o mesmo nome, aínda que con pequenas variantes gráficas e de pronunciación.

O Dniéper desauga no mar Negro cun longo estuario, non lonxe da cidade de Odesa, a occidente da península de Crimea. O seu caudal medio na foz é de 1670 m³/s.

A conca hidrográfica do Dniéper abrangue unha área de 516 000 km², unha superficie maior que a de España, o que a torna na terceira en Europa, despois das do Volga e do Danubio.

Explotación económica Nos últimos 800 km do río está regulado por unha serie de grandes encoros. Estes encoros son: o de Kíiv (Kyivs'ke) (922 km², cunha lonxitude de 110 km e unha largura de 12 km, presenta gran cantidade de algas), o de Kaniv (582 km²), o de Kremenchuk (2252 km²), o encoro de Dniprodzerzhin (567 km²), o de Zaporiz (410 km²) e o de Kakhov (2155 km²). As presas destes encoros son utilizados para producir enerxía hidroeléctrica, que representa sobre do 10% electricidade xerada en Ucraína.

Nome e historia O río Dniéper é mencionado polo grego Herodoto no Século V a.C. como Borysthenes. Os historiadores romanos denominárono Danaper. O vello nome usado na época medieval, cando do Rus de Kíiv, era Slavutich.

O Dniéper foi de sempre a principal vía de comunicación nesta zona, facilitando as comunicacións entre o Mar Negro e o mar Báltico. A través desta ruta fluvial, viquingos e polacos movéronse cara ao sur.

O Dniéper foi, durante a última guerra mundial, o eixo da "liña Stalin", escenario de duros combates entre os exércitos alemáns e soviéticos.

Cidades ás beiras do Dniéper Desde o seu nacemento até a desembocadura temos entre as cidades principais erguidas as súas orelas:

Dorogobuzh, Rusia Smolensk, Rusia Orša, Belarús Sklou, Belarús Mahilëu, Belarús Byhau, Belarús Rahacou, Belarús Zlobin, Belarús Rècyca, Belarús Kíiv, Ucraína Kaniv, Ucraína Čerkasi, Ucraína Kremenchuk, Ucraína Kamianske, Ucraína Dnipro, Ucraína Zaporizhzhia, Ucraína Marhanets, Ucraína Nikopol, Ucraína Nova Kakhovka, Ucraína Khersón, Ucraína

Afluentes do Dniéper Destacan entre os tributarios máis importantes do Dniéper en orde desde a fonte:

Drut (D) Sozh (E) Berezina (D) Pripyat (D) Irpen (D) Sula (E) Vorskla (E) Samara (E) Ros (D) Bazavluk (D) Ingulec (D) Konka(D) Desna (E)

Notas

Véxase tamén

Categoría:Ríos de Belarús Categoría:Ríos de Rusia Categoría:Ríos de Ucraína Categoría:Ríos europeos do Mar Negro