A guerra civil española Vexa a frase de exemplo. foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948.
O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Antecedentes
miniatura|esquerda|Afonso XIII e o ditador Primo de Rivera, marzo de 1930|300x300px Despois da falta de confianza no rei Afonso XIII expresada na segunda rolda das eleccións municipais do 12 de abril de 1931, o rei parte cara ao exilio e o 14 de abril proclámase a Segunda República española. Dende esa data asume o poder un goberno deseñado no Pacto de San Sebastián. O 28 de xuño realízanse unhas novas eleccións que repiten o voto de confianza a republicanos e socialistas. Comeza así o Bienio republicano-socialista, tamén coñecido como Bienio reformista, que iniciou o seu labor nun contexto económico adverso co crac da Bolsa de Nova York de 1929 e a Gran Depresión. Aínda que non afectou a España coa mesma intensidade que a outros países máis desenvolvidos, a crise provocou o aumento do paro e o estancamento da produción. En Europa, esta perda do nivel de vida derivada da crise fixo avanzar as solucións ditatoriais, autoritarias ou fascistas.
A República herdaba tamén as consecuencias dos erros económicos da ditadura de Miguel Primo de Rivera. A crise da peseta, que non soubo atallar durante a ditadura o ministro de Facenda José Calvo Sotelo, provocou, ante a chegada da República, que os ricos traspasaran parte dos seus cartos cara ó exterior (até 917 millóns de pesetas entre o 1 de abril e o 30 de xuño, cantidade equivalente ó 15% dos depósitos totais), temorosos das reformas fiscais ou mesmo da revolución social. Esta retirada de capital, xunto coa limitación dos investimentos, provocou un novo aumento do paro, principalmente no campo. Isto provocou un clima de tensión que estaría presente durante toda a República.
Bienio republicano-socialista Aínda e todo o goberno republicano-socialista realizou importantes reformas, que moitas veces chocaron de fronte cos sectores privilexiados e poderosos, que vían ameazada a súa concepción social, económica e institucional. Así redactouse unha Constitución que definía España como unha República democrática de traballadores de todas as clases, que se organiza en réxime de liberdade e xustiza. Ademais garantía dereitos individuais e colectivos inéditos no estado até aquela.
En 1932 aprobouse o Estatuto de autonomía de Cataluña, visto por algúns membros do exército como un atentado contra a “sacra unidade da patria”, a pesar de que a república naceu unitaria e non federal. Ademais comezou o vieiro dos Estatutos vascos e galego, que no caso do vasco remataría en 1936 e no caso galego, a pesar de ser aprobado en referendo, nunca chegou a entrar en vigor polo comezo da guerra civil. A cuestión territorial foi un foco de tensións. O malestar no exército fíxose patente no levantamento militar do xeneral José Sanjurjo Sacanell. Este golpe de estado (coñecido como Sanjurjada) produciuse o 10 de agosto de 1932 en Sevilla e resultou un fracaso. Sanjurjo tentou fuxir a Portugal pero foi detido en Huelva.
Tamén foron de vital importancia a reforma do exército emprendida por Manuel Azaña e a reforma educativa que constituíu un dos éxitos máis grandes da República, realizando un esforzo encomiable para reducir a taxa de analfabetismo e para educar os meniños, cun ensino obrigatorio, gratuíto e laico. Pero onde se atopou unha confrontación máis belixerante foi na reforma agraria e na cuestión relixiosa, das que se falará máis adiante. Debido a esta forte oposición dos sectores privilexiados a ver minguado o seu poder que durante séculos exerceu, as reformas sociais efectuábanse moi lentamente co conseguinte enfado popular, que sumado ó descontento das clases dominantes creou un clima de descontento popular, que culmina nunha serie de levantamentos anarquistas, dos que son salientables os Sucesos de Casas Viejas e Castilblanco, reprimidos con dureza e que provocan un forte balbordo político, a caída do Goberno e a celebración de eleccións anticipadas en 1933.
Bienio radical-cedista
miniatura|esquerda|CEDA.|200x200px Nas eleccións xerais de novembro gañaron as dereitas, resultando a CEDA como partido máis votado. Porén o presidente da República, Niceto Alcalá-Zamora, mandou formar goberno a Alejandro Lerroux, do Partido Republicano Radical, que contou co apoio parlamentario da CEDA. Comezaba así o coñecido como Bienio negro, debido á política contrarreformista e de retroceso que se realizou. O primeiro goberno formado contaba tan só con membros do Partido Republicano Radical e con ningún da CEDA que condicionou o seu apoio a que as escolas eclesiásticas seguiran activas, que se paralizara a Lei de Congregacións, se revisara a lexislación laboral e se detivera a reforma agraria. Nesta política contrarreformista, de rectificación das reformas do anterior bienio, tamén se encontra a paralización dos estatutos vasco e galego así como a amnistía ós participantes no golpe de estado de José Sanjurjo Sacanell.
En Cataluña o goberno central anulou a Llei de contractes de conreu que facilitaba o acceso á propiedade da terra ós arrendatarios dos viñedos. Ricardo Samper, daquela xefe de goberno e que apoiara a lei tivo que dimitir ante a intransixencia das dereitas ante esta lei. Ante esta crise as esquerdas pedían a disolución das Cortes e a convocatoria de novas eleccións. A CEDA, por outro lado, aspiraba a entrar no goberno, e trala volta de Lerroux á xefatura do goberno, finalmente entran tamén tres membros da CEDA. A UGT convocou unha folga xeral revolucionaria que seguiron os partidos de esquerda e centro-esquerda co ánimo de botar abaixo o goberno. O goberno declarou ilegal esta folga e declarou o estado de guerra en toda España. A folga comezou o 5 de outubro e tivo seguimento nas principais cidades, mais tería unha relevancia notoria en Cataluña e Asturias.
230x230px|esquerda|miniatura|O Goberno suspende a Generalitat de Cataluña. En Cataluña a folga xeral foi unida ó descontento da esquerda nacionalista pola lentitude das transferencias de competencias conseguidas co estatuto de autonomía. O goberno da Generalitat de Cataluña presidido por Lluís Companys, de Esquerra Republicana de Catalunya, proclama o Estado Catalán dentro dunha República Federal Española. Este feito provocou a intervención do Exército, que axiña domina a situación despois dalgunhas loitas e o canoneo da cidade, nas que morren unhas 46 persoas (8 soldados e 38 civís), a detención de Companys e a fuxida de Josep Dencás (conseller de Governació). A autonomía catalá foi suspendida polo Goberno e a Generalitat de Cataluña foi substituída por un Consell de la Generalitat designado polo Goberno, nomeando a Manuel Portela Valladares gobernador xeral de Cataluña. A lei de Cultivos foi anulada. O President da Generalitat e os seus seguidores foron detidos e procesados. O consello de guerra ditou pena de morte contra dous militares rebeldes e condenou a Companys a 30 anos de reclusión por “rebelión militar”.
Mais foi en Asturias onde a folga obtivo un maior carácter revolucionario. Alí a CNT mantiña unha postura máis proclive á formación de alianzas obreiras que noutras zonas de España. Deste xeito adheriuse na Alianza Obrera na que estaban a Federación Socialista Asturiana, a Unión General de Trabajadores e a Confederación Regional del Trabajo, e fóronse engadindo ós poucos outros partidos. A insurrección posuía certa organización e os obreiros tiñan acceso a armas. O goberno recorreu a Francisco Franco para afogar a rebelión, que finalmente custou a vida a 1.100 persoas e 300 soldados e gardas civís, provocando 2.000 feridos. A represión que se realizou a continuación foi durísima, e a petición de amnistía para os presos foi un dos principais puntos no programa do Frente Popular. O goberno, ante a derrota dos seus adversarios, saíu fortalecido, mais a CEDA quería máis poder no goberno. Ante esta situación, e despois de que Alcalá Zamora indultase a Ramón González Peña (indulto ó que a CEDA se opuña), Lerroux tivo que formar un novo goberno, no que a CEDA acadou cinco ministros, entre eles Gil Robles, na carteira de guerra, que colocou en postos chaves a militares como o xeneral Joaquín Fanjul, Francisco Franco, Manuel Goded ou Emilio Mola.
A finais de 1935 producíronse dous escándalos de corrupción que botaron abaixo o goberno. O primeiro foi o do estraperlo en outubro, que provocou un forte desprestixio de Alejandro Lerroux. Alcalá-Zamora fixo dimitir a Lerroux e encargou formación de novo goberno a Joaquín Chapaprieta, pero ó pouco chegou un novo escándalo de corrupción, o de Tayá-Nombela. Gil Robles retiroulle o seu apoio a Chapaprieta, confiando en ser nomeado o novo encargado de formar goberno. Pero Alcalá-Zamora, temoroso da reacción popular, preferiu un home de centro, Manuel Portela Valladares. Portela Valladares decretou a disolución das Cortes e convocou eleccións para o 16 de febreiro de 1936.
A Fronte Popular Nestas eleccións saíu vencedora a Fronte Popular, unha coalición de partidos republicanos de esquerda. A reacción popular foi inmediata, a xente apresurábase a sacar dos cárceres os presos políticos antes aínda de chegar a amnistía. O Xefe do Estado Maior Central, xeneral Franco, deu o apoio do exército a Manuel Portela Valladares para que "non deixase pasar o comunismo". Intentou promover entre algúns militares unha sublevación. Goded tamén tentou sublevar o cuartel da Montaña de Madrid e outros dous xenerais que estiveran en todas as conspiracións contra a República, Joaquín Fanjul e Ángel Rodríguez del Barrio, sondaron esa posibilidade. Franco non viu o momento maduro e recuou, aínda que eses días do 17 ó 19 de febreiro estivo máis preto que nunca de dar un golpe militar. Portela Valladares decidiu dimitir, polo que Alcalá-Zamora tivo que ordenar a Manuel Azaña que formase goberno. O día 19 de febreiro Azaña forma o goberno no que inclúe tan só republicanos de esquerda, decidindo non incluír ningún socialista (aínda que Largo Caballero xa vetara a participación do PSOE no novo goberno). Pese o moderado do novo goberno, as dereitas reaccionaron coma se os soviéticos acadasen o poder. A primeira medida do novo goberno foi a concesión dunha amnistía. Desde o comezo procedeuse a unha restauración das reformas emprendidas no primeiro bienio. Así se restauraron Generalitat de Catalunya, os concellos socialistas suspendidos dende outubro de 1934 e os concellos vascos suspendidos no verán de 1934. Reactívanse os procesos dos estatutos de autonomía, de tal xeito que o 1 de outubro se aproba Estatuto de Autonomía de Euskadi e en febreiro de 1938 o Estatuto de Autonomía de Galicia é admitido a trámite (aínda que non foi discutido nin aprobado). Reanudáronse tamén os traballos do Instituto de Reforma Agraria e enviáronse os militares máis proclives ó golpismo lonxe de Madrid.
miniatura|esquerda|Selo da Falanxe española, 1936|200x200px miniatura|O asasinato de José Calvo Sotelo xustificará a guerra