Víctor Said Armesto, nado en Pontevedra o 13 de agosto de 1871 e finado en Madrid o 17 de xullo de 1914, foi un escritor e o primeiro catedrático de Lingua e Literatura galaico-portuguesa.
Traxectoria Era fillo do pedagogo krausista Federico Saiz Sánchez, catedrático no Instituto de Pontevedra, e de Amalia Armesto Aldao. Criouse cos seus avós maternos, Constantino Armesto (tío de Indalecio Armesto) e Carmen Aldao Sarmiento, na casa familiar da praza da Ferrería. Porén, tamén pasou tempo no pazo do Casal en Bueu. De neno fundou con Xerardo Álvarez Limeses a sociedade literaria "Los Amigos del Progreso", e con 15 anos dirixiu a publicación La Guindilla. Colaborou noutras publicacións locais facendo crónica social e crítica literaria. Formouse na biblioteca de Jesús Muruais, e o seu tío Indalecio influiría na súa ideoloxía republicana. En 1891 formou parte do Centro Republicano de Pontevedra. En 1892 impartiu conferencias no Recreo de Artesanos de Pontevedra e na inauguración do Centro Republicano de Compostela.
Comezou estudos de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Alí foi membro da tuna, coa que viaxou a París. En 1896 participou na festa de homenaxe ao Batallón Literario. Continuou a carreira de Filosofía e Letras en Madrid, da que se licenciou en 1898. Alí pertenceu á loxa masónica Comuneros de Castilla, da que tamén era membro a súa nai. Na capital española asistiu a numerosas representacións teatrais e conferencias.
Pertenceu ao coro que fundou o folclorista Casto Sampedro Folgar, con quen preparou o Cancionero Musical de Galicia en 1910 para o concurso convocado pola Academia de Belas Artes. En 1905 ambos foran comisionados por Pontevedra para a creación da Real Academia Galega, malia non poder ser elixido membro numerario ao exercer como docente lonxe de Galicia. En 1907 entrou en Solidaridad Gallega. Colaborou en prensa local, estatal e americana, como El Heraldo, El País, La Nación, Blanco y Negro, La Justicia, La Ilustración Española y Americana ou Galicia Literaria.
Malia aprobar oposicións para a cátedra de Figueres, mudou pola de Reus, e posteriormente trasladouse a León. En 1911 regresou como docente ó instituto de Pontevedra. Doutorouse ese mesmo ano coa tese Notas para el estudio de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV. En 1914 aprobou a oposición á cátedra de Lingua e Literatura Galegas, creada na Universidade Central de Madrid. Porén, faleceu pouco despois, polo que non puido tomar posesión.
Recolleu numerosos romances populares e traballou no mito de Don Juan Tenorio, no Mio Cid, na Materia de Bretaña da literatura galega medieval, e na obra de Tirso de Molina.
A súa biblioteca, en parte herdada do seu tío avó Indalecio, consérvase no Museo Provincial de Pontevedra. Unha rúa leva o seu nome en Pontevedra, entre o barrio de San Roque e As Corvaceiras, na Moureira.
Vida persoal
En 1902 casou con Amadora Santoro (de Cuñas, Cenlle, e residente en Ribadavia), coa que tivo sete fillos: Soledad, Carmen, Jorge, Benigna (finada en 1909), María Eugenia, Rosario e Margarita Said Santoro.
Obra miniatura|dereita|O grupo Aires da Terra. Sentado á esquerda, Víctor Said Armesto. miniatura|F. Tettamancy Gastón (1917): Víctor Said Armesto. Creación Estrofas (1884) Amor y celos (1887) Retoños al minuto (entremés, 1891) La flor del agua, zarzuela musicada por Conrado del Campo
Ensaio Análisis y ensayos (1897); inclúe: Un libro modernista; ensaio sobre o libro de Valle-Inclán Féminas La leyenda de Don Juan (1908) Las Mocedades del Cid Poesía popular gallega Colección de romances en lengua gallega Notas para un diccionario etimológico gallego Cancionero musical de Galicia (1910, con Casto Sampedro Folgar; premio da Academia de Belas Artes en 1911); Inclúe 88 romances, descrición de bailes e instrumentos, e 473 melodías Orígenes poéticos de El Burlador de Sevilla El Convidado de piedra Tristán y la literatura mística
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
(1917): Víctor Said Armesto (Traballo leído na noite do 3 de agosto de 1917, con motivo do homenaxe consagrado pol-a “Irmandade da Fala” na Cruña para honral-a memoria de tan ilustre escritor.). Imprenta Obreira, A Cruña.
Outros artigos Museo Provincial de Pontevedra A Cova Céltica
Ligazóns externas
"Abrir a caixa Said Armesto. Un amplo programa quere tirar á luz a figura deste pouco coñecido polígrafo" CCG, 14/10/2014.
Categoría:Lingüistas da lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1871 Categoría:Finados en 1914 Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela