Nicholas Rodney Drake, nado en Rangún (Birmania) o 19 de xuño de 1948 e finado en Tanworth-in-Arden (Reino Unido) o 25 de novembro de 1974, foi un cantante e músico inglés coñecido polas súas cancións acústicas e outonais. O seu instrumento habitual era a guitarra, aínda que tamén tocou o piano, o clarinete, e o saxofón. Malia non acadar un público amplo en vida, a súa obra medrou incesantemente en altura, até o punto de que hoxe en día está considerado un dos cantautores ingleses máis influentes dos últimos 50 anos."Nick Drake - Biografía". VH1.com, 2005."Brad Pitt conduce un documental sobre Nick Drake" BBC.co.uk., 2004.MacDonald, Ian. "Desterrado dende o ceo ". Mojo Magazine, 2000.
Traxectoria Drake asinou un contrato co selo Island Records aos vinte anos, saíndo o seu álbum de debut Five Leaves Left no ano 1969. Contra 1972 gravara dous discos máis, pero inicialmente ningún vendeu máis de cinco mil copiasDe todos os xeitos, un artigo da BBC do ano 2002 escrito por Mark Moxon indica que "o álbum só vendeu 15,000 copias, suficientes para satisfaceren á discográfica, pero lonxe do éxito que Nick esperaba"., feito que xunto coa súa renuncia a tocar en directo ou a ser entrevistado contribuíu á falta de éxito comercial. A pesar disto, foi quen de xuntar un grupo leal de xente que apostara pola súa música. Un deles foi o seu representante, Joe Boyd, quen puxera unha cláusula no contrato con Island Records para asegurar que os discos de Nick nunca fosen descatalogados.
Drake sufriu de depresión e insomnio ao longo de toda a súa vida, que a miúdo reflectiu nas súas letras. En 1972, tras completar o seu terceiro álbum, Pink Moon, deixou de dar concertos e de gravar, retirándose á casa dos seus pais na rural Warwickshire. O 25 de novembro de 1974, Drake morreu dunha sobredose de amitriptilina, antidepresivo que lle fora prescrito.
A mediados dos anos setenta o interese pola música de Drake era residual, e non foi até o ano 1979 que a súa obra foi de novo examinada trala edición do álbum retrospectivo Fruit Tree. A mediados dos oitenta, Drake era unha influencia recoñecida por artistas como Robert Smith ou Peter Buck. En 1985, The Dream Academy entrou nas listas británicas e estadounidenses con Life in a Northern Town, canción adicada a Drake.Apprentice to the stars . The Independent, 1999 A comezos dos noventa, Nick Drake chegou a representar para a prensa musical británica certo tipo de músico romántico maldito, sendo citado habitualmente por artistas como Kate Bush, Paul Weller ou The Black Crowes.Dann (2008)
A primeira biografía de Drake foi escrita en 1997, e foi seguida en 1998 polo documental A Stranger Amongst Us. No 2000, Volkswagen incluíu nun anuncio publicitario a canción que dá nome ao disco Pink Moon, e nun mes Drake vendeu máis discos dos que vendera nos trinta anos anteriores.
Primeiros anos Infancia Nicholas Rodney Drake naceu o 19 de xuño de 1948, no seo dunha familia inglesa de clase media-alta que vivía en Rangún, Birmania. O seu pai, Rodney (1908–1988), trasladárase alí a comezos dos anos trinta para traballar como enxeñeiro na compañía Bombay Burmah Trading Corporation. En 1934, Rodney coñeceu á filla dun membro sénior do Servizo Civil Indio (unha especie de alto funcionariado do goberno hindú baixo a administración británica), Mary Lloyd (1916–1993), familiarmente Molly. Rodney propúxoselle en 1936, aínda que a parella tivo que agardar un ano até que Molly cumprise os vinte e un anos e a súa familia lle deixase casar. En 1950, regresan a WarwickshireBrown, Mick. "A triste balada de Nick Drake". Sunday Telegraph, 1997. para vivir nunha granxa de Far Leys. Drake tiña unha irmá máis vella, Gabrielle, que máis tarde sería unha exitosa actriz. Os seus pais tiñan inclinacións cara á música, e ámbolos dous compuxeron algunha obra. En concreto, as gravacións das cancións de Molly, que saíron á luz trala súa morte, teñen unha perspectiva e son dun ton similar ao traballo posterior do seu fillo.Berkvens, Jeroen. "A Skin Too Few: The Days of Nick Drake" (Documental). Roxie Releasing, 2000. Nai e fillo comparten unha fráxil forma de cantar, e tanto Gabrielle como o biógrafo Trevor Dann remarcaron un paralelismo nas súas obras musicais no tocante ao sentido das preocupacións e do fatalismo. Animado por Molly, Drake aprendeu a tocar o piano a unha idade temperá, e comezou a compoñer cancións, que gravaría nun magnetófono de bobina aberta que ela gardou no salón familiar.
miniatura|esquerda|220px|Marlborough College, en Wiltshire. En 1957, Drake foi matriculado na escola de primaria Eagle House, un internado no condado inglés de Berkshire. Cinco anos despois, pasou á escola de secundaria Marlborough College, no condado de Wiltshire, onde foran o seu pai, avó e bisavó. Desenvolveu un grande interese polo deporte, chegando a ser un habelencioso velocista (a súa marca das 100 iardas segue en pé)McGrath, T.J. "A escuridade pódeche dar a luz máis clara ". Dirty Linen, 1992. e capitán do equipo de rugby da escola por un tempo. Os seus compañeiros daquel entón lémbrano seguro de si mesmo, ás veces cun aire distante. O seu pai Rodney dicía: nun dos seus informes [o director do colexio] dixo que ninguén semellaba coñecelo ben.Paphides, Peter. "Like A Heart with Legs On". Western Mail (Gales). 21 de maio de 2004. Questia
Drake tocou o piano na orquestra da escola, e aprendeu a tocar o clarinete e máis o saxofón. En 1964 ou 1965 formou unha banda, "The Perfumed Gardeners", con catro compañeiros da escola. Con Drake ao piano e ocasionalmente ao saxofón alto e ás voces, o grupo tocaba versións de temas do selo Pye e estándares de jazz, así como temas dos Yardbirds ou de Manfred Mann. A formación incluíu brevemente a Chris de Burgh, pero axiña o desbotaron ao notar nel un gusto "demasiado pop".Humphries (1997), p. 36 O rendemento académico de Drake comezou a empeorar, e aínda que adiantara un ano en Eagle House, en Marlborough comezou a descoidar os seus estudos en favor da música. En 1963 superou sete dos Niveis Ordinarios (O-Levels) que forman parte do Certificado Xeral de Educación (General Certificate of Education, GCE) da secundaria británica, o cal rebaixaba as expectativas dos seus profesores, ao non pasar a "Física e Química". En 1965, Drake pagou 13 libras pola súa primeira guitarra acústica, experimentando decontado coas técnicas de afinación aberta.
Universidade miniatura|dereita|220px|Fitzwilliam College, en Cambridge. En 1966, foille outorgada unha bolsa para estudar Literatura Inglesa no Fitzwilliam College da Universidade de Cambridge. Aprazou a súa incorporación para pasar seis meses en Francia, dende febreiro do 1967, na Universidade de Aix-Marsella. Estando en Aix, comezou a tocar a guitarra en serio, e para gañar cartos a miúdo tocaría na rúa con amigos no centro da cidade. Drake comezou a fumar cánnabis, e aquela primavera viaxou cos amigos a Marrocos, pois, segundo o seu compañeiro de viaxe Richard Charkin, alí era onde se conseguía o mellor haxix. Probablemente Drake probou o LSD por vez primeira en Aix,Humphries (1997), pp. 51–52 e as letras que escribiu neste período - en concreto a da canción "Clothes of Sand" - suxiren certo interese polos alucinóxenos.
Tras volver a Inglaterra, mudouse ao piso da súa irmá en Hampstead (Londres), antes de matricularse ese outubro en Cambridge. Aos seus titores pareceulles un estudante brillante, aínda que pouco entusiasta e sen ganas de aplicarse nos estudos. Dann remarca que el tivo dificultades para conectar co profesorado e cos seus compañeiros, e sinala que as fotos oficiais da matrícula revelan un estudante esquivo e indiferente. Na Universidade de Cambridge púñase especial énfase en apoiar os seus equipos de rugby e crícket, pero daquela Drake perdera xa o interese por facer deporte, preferindo ficar na súa habitación fumando cánnabis, e tocando e escoitando música. Segundo o seu compañeiro Brian Wells: eles eran os cabróns do rugby e nós a xente guai que fumaba haxix. En setembro de 1967, coñeceu a Robert Kirby, un estudante de música que orquestraría moitos dos arranxos de corda e de vento con instrumentos de madeira nos dous primeiros discos de Drake. Naquel intre, Drake descubrira xa as escenas británica e americana de música folk, e fora influenciado por artistas como Bob Dylan, Josh White e Phil Ochs. Comezou actuando en clubs e cafeterías de Londres, e en febreiro de 1968, mentres facía de entrante a Country Joe and the Fish no edificio The Roundhouse de Camden Town, impresionou a Ashley Hutchings, baixista de Fairport Convention."Cronoloxía de Nick Drake ". 2006. Hutchings lembra que ficara abraiado coa habilidade de Drake como guitarrista, mais tamén "coa imaxe. Semellaba unha estrela. Semellaba marabilloso, parecía que medía 7 pés."
Hutchings presentoulle a Drake o produtor estadounidense de 25 anos Joe Boyd, dono da compañía de produción e "management" Witchseason Productions. Daquela, Witchseason editaba discos baixo licenza do selo Island,Paphides, Peter. "Stranger to the world". The Guardian (Reino Unido), 2004. e Boyd era unha figura importante e respectada na escena folk británica por ser o home que descubrira Fairport Convention e o que deu a coñecer a John Martyn e a The Incredible String Band ao público xeral. Entre el e Drake estableceuse un forte vínculo, e o produtor foi como un mentor para Drake ao longo da súa carreira. Unha maqueta nun catro pistas, gravada na primavera de 1968 no cuarto universitario de Drake, levou a Boyd a ofrecerlle un contrato de management, produción e publicación, e a iniciar o traballo do álbum de debut. Segundo Boyd: Neses días a xente non tiña casetes—el tróuxome unha cinta de magnetófono de bovina aberta que gravara na casa. Na metade da primeira canción sentín que aquilo era moi especial. Chameino por teléfono, el regresou, falamos, e eu díxenlle, "Gustaríame facer un disco". El tatexou, "Oh ben, si, de acordo". Nick era un home de poucas palabras. Nunha entrevista feita en 2004, Paul Wheeler, amigo de Drake, lembraba o entusiasmo que lle causara esta posible grande oportunidade, e recordaba que o cantante xa decidira que non remataría o terceiro ano en Cambridge.
Five Leaves Left Drake comezou a gravar o seu álbum de debut Five Leaves Left en 1968, con Boyd como produtor. As sesións tiveron lugar no estudio Sound Techniques, en Londres, con Drake faltando a clase para poder viaxar en tren á capital. Inspirado pola produción de John Simon do primeiro disco de Leonard Cohen, Boyd tratou de gravar a voz de Drake cun estilo similar, próximo e íntimo, "sen o brillo da reverberación pop".Boyd (2007) Tamén procurou incluír arranxos de corda similares aos de John Simon, "sen que soasen excesivos...nin cursis". Como apoio, Boyd recrutou a xente da escena folk rock londiniense, como o guitarrista de Fairport Convention Richard Thompson e o baixista Danny Thompson do grupo Pentangle. Contratou a John Wood como enxeñeiro de son, e contou con Richard Hewson para facer os arranxos de corda.