Benjamín «Bibi» Netanyahu (en hebreo, בִּנְיָמִין «בִּיבִּי» נְתָנְיַהוּ ), nado en Tel Aviv o 21 de outubro de 1949, é un político israelí, primeiro ministro de Israel dende o 29 de decembro de 2022. É a persoa que máis tempo exerceu este posto pois, previamente, xa fora primeiro ministro en dúas xeiras (de 1996 a 1999 e de 2009 a 2021). Tamén é membro da Knesset e presidente do partido conservador Likud.
Traxectoria Nado en Tel Aviv de pais xudeus seculares,The Enduring Influence of Benjamin Netanyahu's Father Judy Dempsey, 3 de maio de 2012, Carnegie Endowment for International Peace a súa nai era Cela Segal, nada en Palestina, e o seu pai foi o historiador Benzion Netanyahu, experto nos sefardís e na Inquisición española. De ascendencia polaca e lituana, a súa familia tiña un forte vencello con rabinos e estudosos do Talmud da comunidade asquenasita, sendo Gaon de Vilna un dos seus devanceiros. O apelido Netanyahu (en hebreo, agasallo de Deus) foi adoptado pola súa familia paterna cando emigraron á entón Palestina británica na década de 1920 no canto do polaco Mileikowsy.
Criouse nunha familia moi identificada co sionismo revisionista de Ze'ev Jabotinsky, do que o seu pai fora un estreito colaborador, e medrou entre Xerusalén, onde se trasladou na infancia, e os Estados Unidos, onde o seu pai mantiña longas estadías de investigación académica e docencia. De feito, completou os estudos secundarios en Filadelfia. Regresou a Israel en 1967, xusto antes da Guerra dos Seis días, e canda o seu irmán Jonathan, alistouse nas Forzas de Defensa de Israel. Dentro do exército, converteuse en xefe dunha unidade de forzas especiais Sayeret Matkal. Participou en moitas misións, inclusive a operación Inferno (1968), a operación Regalo (1968) e a operación Isótopo (1972), durante a cal recibiu un disparo no ombro. Loitou na fronte de batalla na guerra de Desgaste e da guerra de Yom Kipur en 1973, participando nas incursións das forzas especiais ao longo da Canle de Suez e dirixindo despois un asalto de comando dentro do territorio sirio.Amir Buhbut, "Sauerer Matkal is 50 years old" Saving Sergeant Netanyahu por Mitch Ginsburg, 25 de octubre de 2012, Times of Israel. Obtivo o grao de capitán antes de ser dado de baixa en 1972.
Entre 1972 e 1976 estudou a súa carreira universitaria graduándose como arquitecto no Massachusetts Institute of Technology onde tamén fixo un máster en administración de negocios e cursou estudos de ciencias políticas entre o MIT e a Universidade de Harvard. Logo foi contratado como consultor económico polo Boston Consulting Group, onde coñeceu o posterior político estadounidense Mitt Romney. Volveu a Israel en 1978 para fundar o Instituto Antiterrorista Jonathan Netanyahu, na honra do seu irmán, morto liderando a operación Entebbe.
Inicios políticos: diplomático e xefe da oposición (1982-1996)
Carreira diplomática (1982-1993) Logo de adicarse profesionalmente ao sector privado, incorporouse á diplomacia israelí en 1982 como xefe adxunto na legación nos Estados Unidos para, en 1984, asumir como embaixador do Estado de Israel ante as Nacións Unidos, cargo que exerceu ata 1988. Militante do partido conservador Likud, foi electo deputado por primeira vez en 1988, e incorporándose ao goberno como viceministro de Asuntos Exteriores (1988-1991), primeiro, e logo á Oficina do Primeiro Ministro, Ytzhak Shamir (1991-1992). Nestes anos defendeu a represión da primeira intifada palestina, considerándoa como actos terroristas, intentou que non se recoñecese como interlocutor á Organización para Liberación de Palestina (OLP), considerando a Xordania como o representante palestino, e participou na Conferencia de Paz de Madrid.
Xefe da oposición (1993-1996) Logo de perder as eleccións, o Likud iniciou un proceso de renovación, en 1993, convocando eleccións primarias para escoller ao líder do partido. Netanyahu presentouse e gañou co 52,1% dos votos. Netanyahu destacouse pola súa oposición aos Acordos de Oslo de 1993 acusando ao primeiro ministro laborista Yitzhak Rabin de facer perigar a seguridade de Israel. Nos anos seguintes Israel caeu nunha escalada de tensións sobre os acordos de paz. Dende os sectores de extrema dereita considerouse a Rabin un traidor, Netanyahu non se distanciou destas expresións e mantivo a súa dureza: convocou manifestacións nas que as multitudes corearon lemas como "morte a Rabin" e noutra participou nun falso enterro. Dende entón, Netanyahu foi acusado en repetidas ocasións de contribuír ao clima de odio que rematou no asasinato de Rabin.
Primeiro Ministro (1996-1999) miniatura|Xantar entre Bill Clinton, Iasir Arafat, Hussein I de Xordania e Benjamin Netanyahu en 1996 En 1996 houbo eleccións directas para a escolla do primeiro ministro, conseguindo gañalas fronte o laborismo de Shimon Peres por arredor de 30 000 votos e unha diferenza porcentual dun punto. Deste xeito, converteuse no primeiro ministro máis novo da historia de Israel ata ese momento e no primeiro nado no Estado de Israel, servindo no seu primeiro período entre xuño de 1996 e xullo de 1999. Con todo, tivo unha precaria maioría parlamentaria grazas a un pacto con outras forzas da dereita nacionalista e relixiosa. A chegada de Benjamin Netanyahu á fronte do goberno supuxo un cambio importante no perfil dos políticos que o precederan: a súa xuventude e formación académica conferíanlle un cariz pragmático, malia a servir de militar non foi de alto rango, destacaba pola súa retórica pero coidaba moito as súas intervención televisivas e tiña unhas formas que levaron a cualificalo de "yuppie".
Os poucos días de tomar posesión unha onda de violencia golpeou Palestina. A intención de Netanyahu de abrir uns túneis de paso entre o Muro das Lamentacións e a Cidade Vella de Xerusalén, barrio de maioría musulmá, foi interpretado no bando palestino como un intento de romper o status quo relixioso. Os enfrontamentos, en Xerusalén e noutras cidades palestinas, foron moi violentos e prolongáronse varios días causando a morte de 26 soldados israelís e un centenar de palestinos. Malia a súa dura crítica aos Acordos de Oslo aínda que desacelerou o ritmo das concesións, non deu volta atrás ás medidas tomadas polos primeiros ministros Rabin e Peres. Aínda que como xefe da oposición rexeitara reunirse con Iasir Arafat, líder palestino acusado longamente por Netanyahu de terrorismo, tiveron a súa primeira xuntanza aos poucos meses de formar goberno. Ademais, en 1997, as forzas de seguridade israelís retiráronse de Hebrón, que foi entregada ás autoridades palestinas.
A nivel económico, Netanyahu impulsou medidas liberalizadoras relativas á posesión de propiedades no exterior por parte dos cidadáns de Israel e a privatización de bancos e empresas públicas. Ademais, o goberno de Netanyahu logrou unha notoria redución da taxa de inflación de Israel, pasando do 11,396% ao 5,175%, niveis historicamente moi baixos. miniatura|Benjamin Netanyahu, Madeleine Albright e Yasser Arafat nos acordos de memorando de Wye River|esquerda
Para relanzar o proceso de paz, Arafat e Netanyahu asinaron, co patrocinio dos Estados Unidos, o Memorando de Wye River. Segundo o acordo, Israel asumía unha retirada en tres fases do territorio cisxordano. Pero, a oposición dentro do Likud, levaron a Netanyahu a adiar a súa aplicación xustificándose en que os palestinos non cumprían coa súa parte do pacto (incitación violenta contra Israel, por exemplo). Isto fixo que oposición laborista, dirixida por Ehud Barak, se redobrase sometendo ao goberno a mocións de censura que se saldaron coa desintegración da coalición que sostiña a maioría parlamentaria de Netanyahu. Finalmente, incapaz de aprobar os orzamentos públicos, Netanyahu convocou eleccións para o 17 de maio de 1999. Os resultados non só deron unha maioría relativa a unha coalición encabezada polos laboristas, senón que tamén, a escolla para primeiro ministro resolveuse cunha clara derrota de Netanyahu: logrou o 43.92% dos votos fronte o 56.08% do seu rival, Ehud Barak.
Durante os seus primeiros anos á fronte do goberno tivo que responder por algunhas sospeitas de corrupción como o escándalo Bar On, no que se lle acusou de promover un fiscal xeral afín sen a formación necesaria, ou a aceptación ilegal de agasallos por parte da súa familia. Con todo, foi exonerado por falta de probas incriminatorias.
De ministro de Ariel Sharon a opositor (2002-2009) Logo da derrota de 1999, Netanyahu arredouse da política, retomando a súa carreira profesional no eido privado. Regresou ás responsabilidades públicas en 2002 como ministro de Relacións Exteriores (2002-2003) e ministro de Finanzas (2003-2005) nos gobernos de Ariel Sharon. Como Ministro de Finanzas, Netanyahu comprometeuse a unha reforma importante da economía israelí, que foi recoñecida polos comentaristas por mellorar de xeito significativo o desempeño económico posterior de Israel, entre estas destacan: desregulación financeira, axustes salariais e nas pensións do sector público, redución da presión fiscal e privatizacións.Likud Leaders, por Thomas G. Mitchell, (McFarland 2015), Capítulo 10. Porén, nestes anos Netanyahu e Sharon mantiveron tensas relacións pois o primeiro aspiraba a liderar o Likud e o goberno. Aliñándose cos sectores máis nacionalistas atacou o plan de desconexión da franxa de Gaza defendido por Ariel Sharon e Ehud Olmert, o viceprimeiro ministro. A rivalidade mantida estalou entón en confrontación aberta: ambos fixéronse descualificacións públicas e Netanyahu forzou unha votación na Knesset para que o plan de retirada de Gaza fose sometido a referendo. Finalmente, Benjamin Netanyahu abandonou o goberno culpando á cuestión de Gaza en agosto de 2005. Retomou o liderado do Likud en decembro de 2005, despois de que Sharon o abandonase para formar o novo partido Kadima.
Nas eleccións do 28 de marzo de 2006, o Likud de Netanyahu tivo o peor resultado da súa historia: quedou en cuarta posición e con apenas un 9% dos votos. Mais, no verán de 2006, o goberno de Ehud Olmert lanzou unha operación bélica no sur de Líbano. O goberno de Olmert quedou moi comprometido pois a acción errou no obxectivo de rematar coas instalacións de mísiles de Hezbolá, a indignación cidadá pola morte 164 israelís deulle un novo pulo a Netanyahu, mentres que Kadima sucumbía ás divisións internas. En setembro 2008, Tzipi Livni, ministra de Asuntos Exteriores, converteuse na líder de Kadima e intentou, sen éxito, formar un novo goberno de unidade nacional, polo que se adiantaron as eleccións a febreiro de 2009.
Primeiro ministro (2009-2021) miniatura|Netanyahu nunha cea de traballo coa entón secretaria de Estado dos Estados Unidos, Hillary Clinton (18 de maio de 2009) Nas eleccións parlamentarias de 2009, o Likud quedou no segundo lugar, con 27 deputados, fronte Kadima, que obtivo un deputado máis. O avance conseguido polos partidos de dereita nacionalista opositores a Kadima (o conservador Likud, o relixioso Shas e o laico Israel Beitenu) permitiulle a Netanyahu formar un goberno de coalición ao que conseguiu incorporar aos laboristas. Deste xeito, Netanyahu logrou o respaldo parlamentario necesario para volver ser primeiro ministro.