Aviñón (en francés: Avignon, en occitano: Avinhon ou Avignoun) é unha cidade do sueste de Francia, situada no departamento de Vaucluse, na rexión de Provenza-Alpes-Costa Azul. En 2006 tiña unha poboación de 94.787 habitantes.

Historia Aviñón foi residencia dos papas entre 1309 e 1377, cando a cidade se atopaba baixo o goberno dos reis de Sicilia pertencentes á Casa de Anjou. En 1348, o papa Clemente VI comproulle unha residencia á raíña Xoana I de Sicilia. Ese período, no que residiron na cidade os papas Clemente V, Xoán XXII, Bieito XII, Clemente VI, Inocencio VI, Urbano V e Gregorio XI, é coñecido como Papado de Aviñón. Despois dese período, en 1378, produciuse o Gran Cisma de Occidente que non se resolveu ata 1417.

Os antipapas Clemente VII e Bieito XIII continuaron residindo na cidade aínda despois de que os papas regresasen a Roma en 1377. Clemente VII permaneceu en Aviñón durante todo o seu pontificado (1378-1394) mentres que Bieito XIII viviu en Aviñón ata que fuxiu cara a Aragón, fixando a súa residencia finalmente en Peníscola, onde morreu aos 96 anos en 1423.

Aviñón fora sede episcopal desde o ano 70, e converteuse en arcebispado en 1476. Nel celebráronse varios sínodos de menor importancia. O papa Bonifacio VIII fundou a Universidade de Aviñón en 1303, e debido á súa reputación polos seus estudos en leis, tivo grande importancia ata a Revolución francesa.

Xeografía Está situada na marxe esquerda do río Ródano, no sueste do país. Está preto da costa, a 80 km ao noroeste de Marsella e a 650 km de París. O seu clima é mediterráneo, con invernos frescos e veráns cálidos.

Lugares de interese Aviñón é unha vila de rico patrimonio protexido e o seu centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1995. Entre os seus lugares de interese destacan: Pazo dos Papas Conxunto episcopal Ponte de Aviñón Murallas Basílica de San Pedro Hôtel de Ville, casa do concello.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina web de Aviñón

Categoría:Patrimonio da Humanidade en Francia